martes, 18 de xaneiro de 2022

A casa de cartón

  


            ÁLVARO CASTRO MARTÍNEZ

Elección dunha obra literaria para a Educación Primaria
Elexín A casa de cartón porque é unha das poucas obras de literatura infantil que lembro con cariño de cando era un rapaz moi pequeno. Non só pola historia, tamén polo significado persoal que ten para min. Regaloumo o meu tío cando tiña seis ou sete anos, antes de que se fora a vivir fóra de España. Cando lembro ese día tamén lembro este regalo.

Realizar a ficha bibliográfica
Blanco, C., Rodríguez Ferrer, A. (2000). A casa de cartón. Everest Galicia, [59pp.]. (ISBN: 84-403-0411-0).

Describir o formato da obra
Comezando polo formato da obra, podemos dicir que a cuberta e a contracuberta son brandas. Na cuberta, se facemos unha análise detallada, preséntase de fondo a ilustración dunha casa na que se amosa un grilo mirando cara o ceo mentres unhas bolboretas voan arredor del; na parte superior esquerda aparece escrita a editorial Everest Galicia e na parte superior dereita aparecen escritos nun recadro azul tres elementos: o nome da colección, da autora e do título da obra. Se voltamos o libro, atopámonos coa contracuberta, a cal non garda relación de continuidade coa ilustración da cuberta. Se a dividimos en tres seccións ou partes (sección de arriba, sección do medio e sección de abaixo), aparecen escritos outros tres elementos na parte superior, en vertical está escrito a idade lectora recomendada, neste caso pon a partir dos seis anos, ao carón aparece a única ilustración da contracuberta, que é unha bolboreta enmarcada nun cadradado amarelo e de novo, volve a aparecer o nome da colección. Na sección do medio, aparece novamente e en letras grandes, o título da obra. Na sección inferior, amósase en letras vermellas, un pequeno resumo da obra ao carón do código de barras e o ISBN do libro. Por último, xusto debaixo de todo isto aparece escrito nunha liña o nome da editorial.

Resumir o argumento 
Adela, unha nena pequena, ao crecer xa non lle servían os seus zapatos de charón, que gardaba sempre nunha caixa de cartón coma un tesouro. Os zapatos herdaríaos a súa curmá pequena. Para non deixar a caixa de cartón baleira e sen uso, transformouna nunha fermosa casa, que decidiron alugar, tras moito matinar, un grilo e un vagalume que non tiñan fogar.

Atopámonos ante unha obra dialogada, na que o narrador é omnisciente. Que esta obra sexa dialogada axuda a que a lectura sexa máis rapida e frenética.

Analizando os personaxes da obra podemos destacar como principal a Adela. Adela é unha rapaza pequena, de estatura baixa, con trenciñas no pelo e presume dun vestido granate con lunares negros. Aparecen dous personaxes máis secundarios en relación con Adela, a súa nai e a súa curmá pequena, das que a penas se sabe nada. Por outra banda, aparecen personaxes ficticios, como un grilo que fala. Ao grilo gústalle moito cantar a súa canción. Tamén aparece un vagalume con miopía que lle gusta recitar adiviñanzas aos demais.

Un dato a ter en conta desta análise é que non se atopan gardas nesta obra.

Describir as ilustracións
En todas as páxinas deste libro aparecen debuxadas ilustracións. Todas elas recrean o momento exacto da historia no que se atopa o lector ou a lectora, isto axuda a que nenos e nenas podan imaxinarse a historia máis detalladamente e así non perder con tanta facilidade o fío desta. Analizando a maneira na que se presentan as ilustracións, podemos observar como se emprega pintura acrílica, con trazos moi suaves e difuminados. Por outro lado, as cores que se empregan son moi variadas e en moitos casos contrastan tonalidades, pero a pesar disto non incomoda para nada a lectura do libro.

Explicar as potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos
Lembro ler esta obra con seis ou sete anos pola miña conta. Non me resultou difícil de ler, ten un vocabulario simple, moitos adxectivos que axudan a detallar máis a historia, non ten saltos temporais, o cal fai máis sinxelo de seguir o fío do relato. Como xa dixen anteriormente, as ilustracións fan que o lector poda visualizar a historia moito mellor dando pé á súa propia imaxinación.

O argumento da obra fai que o neno ou a nena se mergulle nunha realidade ficticia, na que se mesturan elementos reais, que poden pasar con total normalidade na vida dun rapaz ou rapaza desa curta idade, con aspectos ficticios como pode ser que un grilo fale e cante ou que este comece a vivir nunha caixa de cartón, sen importar as condicións de vida reais deste animal, nin os recursos alimenticios que necesita para vivir. Con isto quero chegar á conclusión, da importancia que ten mesturar a realidade coa ficción nesta etapa infantil, posto que pode axudar na creatividade do neno e da nena, así como potenciar máis a súa imaxinación ou incluso a empatizar cos animais.
.
BIBLIOGRAFÍA
Blanco Blanco, C. (2000). A casa de cartón. Everest Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...