luns, 31 de xaneiro de 2022

OS CATRO AMIGOS

Carballo Soliño, Xesús (2009), Os catro amigos. Vigo: Editorial Galaxia.

 

1. Descrición do formato: álbum ilustrado de tapa dura composto de 36 páxinas. Na cuberta aparecen os catro protagonistas do conto, un enriba de outro de maior a menor tamaño. O título da mesma está na zona superior da portada en varias cores e debaixo o nome do autor da adaptación e o da ilustradora. A dereita do nome da obra reflíctese o logo da colección, que indica que é un audioconto e na esquina inferior esquerda aparece o distintivo da editorial Galaxia. Na contracuberta plásmase o contorno dun CD e no seu interior o título e o personaxe principal, o burro, ademais dun breve resumo da historia.

Respecto ás gardas, amósanse dúas imaxes moi similares, na primeira hai un burro e un galo observando de noite unha casa dende lonxe, e na segunda a imaxe é case idéntica, excepto porque non aparecen o burro e o galo pero sí se aprecia a lúa. A continuación da garda inicial hai unha páxina adicada aos créditos e logo está a portada, moi similar á cuberta, coa única diferencia de que os animais aparecen á dereita e non centrados.

2. Argumento: historia narrada mediante un narrador en 3º persoa aínda que predominan os diálogos entre os catro personaxes: o burro, o galo, o can e o gato. Así pois, preséntase a andanza que estos amigos realizan de camiño á cidade para vivir da música, posto que nos seus respectivos fogares xa non os queren. Nesta viaxe atopan unha casa na que refuxiarse para pasar a noite, onde coinciden cuns ladróns que estaban a roubar nela pero que conseguen escorrentar. Finalmente, os catro quedan felizmente a vivir no seu novo fogar. 

Ao remate da obra, obsérvase que o verdadeiro narrador é un pai contándolle a súa filla este conto, ademais de apreciar que o conto ten dúas variables respecto a frase popular final que berra o galo para acabar de escorrentar ao ladrón.

3. Ilustracións: ocupan toda a páxina, alternando o texto de lado esquerdo a dereito. As imaxes son paralelas á narración, ademais de recrear novos escenarios imaxinarios. Nestas mistúranse elementos reais como a herba ou leña, para poder apreciar as diferentes texturas, cos debuxos dos animais ou dos ladróns, todas elas perfectamente definidas. Os animais posúen algúns rasgos esaxerados para ser correctamente recoñecidos (as orellas do burro ou a cresta diferenciada do galo) e tamén humanizados (con brazos e pernas), para darlle máis verosimilitude á historia. As cores dos fondos varían dende tons azuis ou grisáceos (con pinceladas marcadas) para as escenas diurnas, a un ton negro referido ás andanzas nocturnas.

4. Posibilidades formativas: álbum ilustrado dirixido a nenos e nenas a partir de 5 anos, e co que se poderá traballar a temática da amizade xa que non importa o tipo de animal que sexa cada un, os personaxes fanse amigos igualmente. Rompendo así cos estereotipos xeralizados de que diferentes tipos de animais non poidan levarse ben. 

Así mesmo, tamén invita a reflexionar acerca de que os animais non cumpren unha única función como pode ser cazar ratos ou coidar do galiñeiro, senón que ante todo son vidas animais, que tamén sofren e non se poden menospreciar.

5. Aspectos destacables: esta obra é unha adaptación de Los músicos de Bremen, dos irmáns Grimm. Ademais é un audioconto, posto conta cun CD onde se narra a historia e se inclúen dúas cancións complementarias á mesma. 

En relación cos recursos en liña, en YouTube hai un audioconto realizado polos alumnos e alumnas de 5ºA do CEP Dr Fleming de Vigo, coas súas propias voces e ilustracións. Este mesmo alumnado, tamén fixo unha dramatización da obra a través de monicreques con paus.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...