luns, 31 de xaneiro de 2022

Paco Papán

 



Patacrúa  (2007). Paco Papán, ilust. Evelyn Daviddi. Pontevedra: OQO Editora (Colección: O), [40 pp.] (ISBN 978-84-96788-64-0).

Neste álbum ilustrado de Patacrúa e Evelyn Daviddi relátase como Paco Papán un rapaz lacazán vai buscar traballo pero acábano botando por excederse coas tarefas encomendadas. Cando remata a súa xornada danlle propina que sempre perde e nunca lla pode entregar a súa nai. A historia remata co protagonista atopando un traballo que se axeita a el e casando coa filla do seu xefe. Así mesmo, empréganse os días da semana para contar en que traballa cada día.  

Este álbum ten un formato convencional, dado que atopamos ilustracións que acompañan e expresan de maneira visual o que se atopa redactado. Esta é unha lectura recomendada entre 4/7 anos.

Á hora de falar da portada e a contraportada podemos dicir que ambas son de tapa dura e constan dun fondo vermello, na primeira observarmos un personaxe que neste caso será o protagonista da nosa lectura e un paxariño amarelo sostendo unha chave, dunha gaiola ao lado de Paco, que quizais representa a liberdade, ademais do animal sae un bocadillo onde se nomea o título do libro, tamén podemos ver algunhas flores. En cambio, na contraportada podemos ver plantas de diferentes tamaños, unha grande e dúas pequeniñas, acompañadas dunha regadeira, a esquerda e o que semellan herbas pequenas.  Así mesmo temos un código de barras, o nome da colección e un debuxo da editorial.

Observamos que este álbum ten un formato de  25 x 1 x 23 cm, composto por 40 páxinas. A escritora é Marisa Núñez, unha autora galega que adoita publicar as súas obras con pseudónimos (por exemplo Patacrúa ou Luisa Morandeira) e escribe versións de contos tradicionais publicados en formato de álbum ilustrado, como no caso de Paco Papán que provén dun conto tradicional xudeu. Á hora de falar da ilustradora, Evelyn Daviddi, naceu en Carpi, Italia ilustra contos en diversas linguas: castelán, inglés, galego...

Este libro consta dun texto sinxelo e cunha letra grande, está composto de moito diálogo e frases curtas. Ademais, algunhas frases e palabras atópanse en letra grosa e os días da semana, resáltanse con letras maiúsculas. Así mesmo, este texto conta cunha expresión que se repite continuamente, seguramente para que o alumnado a repitan ao unísono co/a docente.

            No referente ás ilustracións, estas son en cor, contan con personaxes moi expresivos e con  accións claras, detalladas e descritivas. Os debuxos empréganse como un recurso para acompañar o que relata o texto. Todas a páxinas contan con imaxes. Xógase coas cores, onde dependendo da situación na que se atope o personaxe empréganse máis vivas ou tons máis escuros. Predomina o emprego da cor amarela e vermella, sobre todo na escena na que se aparecen os namorados.  

Por outra banda, esta obra traballaríaa nunha aula de primeiro de educación primaria, nun contexto lúdico – formativo, onde cada un contaría cun exemplar. Nada máis chegar o alumnado poríalles o recurso interactivo para introducir o libro. Empregaría unha hora da materia de galego, onde leremos, entre todos/as intervindo o/a docente como participante e posteriormente faremos unha posta en común falando do que máis lle chamou a atención aos educando/as e expoñemos preguntas, que deberán responder os/as estudantes como se fora un debate.

As cuestións divídense en dous tipos:

·        Sobre o contido do libro: que fariades vós se fósedes Paco? Cal credes que sería o traballo que mellor se vos dá?

·       Profundando máis no significado deste contido: Cres que unha persoa é boa só para un traballo? Merece a pena seguir loitando ata atopar un traballo, cando cres que deberías deixar de buscar porque non serves para ningún? (esta última pregunta presentaríaa en cursos máis avanzados).

Dende o punto de vista do profesorado, mediante unha técnica repetitiva, as potencialidades a resaltar son: a preguiza e a inocencia, neste caso de Paco Papán, tres tipos de diversidades (A diversidade da xente e dos empregos, hai xente a que se lle dá ben onde Paco presenta máis dificultade e viceversa. A diversidade á hora de tratar os diferentes materiais e como debemos empregalos ou gardalos. A partir do vídeo tamén se pode tratar a diversidade do alumnado), que o importante á hora de facer unha actividade é como a realizamos, por último, o sentimento de persistencia (persistir e nunca desistir, porque sempre vamos atopar algo no que sexamos bos).

O recurso en liña que se usará será o seguinte vídeo: https://youtu.be/b1cbvnN5OgM. Con este aprenderemos unha nova canción, que resume o contido do libro e algúns dos xestos empregados na linguaxe de signos, ademais aproveitaremos este medio para ensinarlle o abecedario nesa lingua. Outro vídeo atopado foi https://youtu.be/X8Bl9HY55sk, onde se encontra o libro e unha persoa que o narra, este recurso non é tan atractivo porque os rapaces non interactuarían do mesmo xeito coa obra.

Escollín o primeiro audiovisual porque ten en conta a diversidade na aula e paréceme un vídeo a destacar porque despois de ver varios audiovisuais en galego sobre álbums ilustrados e outros contos este foi o único que atopei onde se traballe a linguaxe de signos. Ademais outro motivo é ensinar ao alumnado que aqueles que teñen certas limitacións físicas, tamén se poden comunicar perfectamente, e que eles mesmos poden facer uso desta linguaxe.

Seleccionei esta obra porque tanto o Loboferoz de Patacrúa e Chené e Paco Papán eran as miñas obra favoritas da infancia e das que teño un mellor recordo. O que me motivou a decantarme pola segunda foi o recurso interactivo que atopei para traballar na aula. 

 

BIBLIOGRAFÍA

Ei. Abelliñas (31 de xaneiro de 2020). Paco Papán en LSE [Arquivo de vídeo]. Youtube. https://youtu.be/b1cbvnN5OgM

Taxi Roberto Burela (30 de novembro de 2017). "Paco Papán" - (conto en galego) [Arquivo de vídeo]. Youtube. https://youtu.be/X8Bl9HY55sk

Pérez, J. y Marín, R. Pep Bruno. Marisa Núñez. [Mensaxe nun Blog]. https://www.pepbruno.com/index.php?option=com_content&view=article&id=833:marisa-nunez&catid=50&Itemid=75&lang=es 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...