Casalderrey, F. (1997). O misterio dos fillos de Lúa. Ediciones SM.
A obra en cuestión titúlase O misterio dos fillos de Lúa, unha obra da famosa autora Fina Casalderrey, pertencente á editorial Ediciones SM e á colección O Barco de Vapor. O libro escollido é a 7ª edición, que foi escrita en 1997. Dita historia é gañadora de varios premios, como o Premio O Barco de Vapor 1994 ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996.
En canto ao formato, dita obra conta con tapa branda. Na cuberta podemos observar unha gata (Lúa) dándonos as costas aos lectores, enriba dun tellado e observando unha enorme lúa. Nesta recóllese o título, o nome da autora, a colección e a editorial, así como tamén aporta os premios que recibiu e o número de edición.
Por outra banda, a contracuberta ofrécenos un breve resumo da historia e a importancia desta para a carreira de Fina Casalderrey. Tamén volve aparecer a colección e lemos en letra grosa a idade dos nenos e nenas para os/as que vai recomendado o libro: “a partir dos 9 anos”. Nesta, ademais, observamos a un neno e unha nena (David e Branca) correndo cara á cuberta, animando aos lectores e lectoras a comezar a historia.
Unha vez aberto o libro, atópase unha garda en branco e deseguido, a portada, na que volve aparecer o título, o nome da autora, os diferentes premios acadados e a edición. Pasada esta, atopamos a páxina de créditos, a cal nos aporta moita información, xa que nela aparecen datos relevantes, como quen realizou as ilustracións foi Manuel Uhía, que este libro imprimiuse en España, na imprenta SM, ou que a primeira edición creouse en abril de 1995 e a séptima, a que estamos analizando, en setembro de 1997. O libro non conta con solapas. Un dato curioso é o índice, que se sitúa ao final do libro en lugar de facelo ao principio, como é o habitual.
Cabe destacar que O misterio dos fillos de Lúa forma parte da “Serie Laranxa”, que conta con vinte e unha historias diferentes. No lombo observamos escrito o número 21, polo que o libro en cuestión é o último da serie. Podemos coñecer os demais títulos desta na páxina seguinte ao índice, situada a continuación doutra garda branca. Despois desta atópase a “Serie Vermella”, formada por 26 obras. Esta será recomendada para nenos e nenas a partir dos 12 anos de idade.
O xénero da obra é a novela, xa que é unha narración extensa con personaxes que se relacionan entre eles. A historia está dividida en 28 capítulos, nos que o protagonista é David, un neno de 8 anos que narra en primeira persoa as aventuras da súa gata Lúa, a cal o seu irmán maior, Quin, atopa nun cemiterio. Dita gata protagonizará un gran misterio ao desaparecer os seus gatiños cando esta pare en dúas ocasións. Será entón cando, no seu terceiro parto, David, coa axuda de Branca, a súa noiva de tamén 8 anos, procurará encontrar os fillos de Lúa. Os demais personaxes son a nai de David, o pai, a avoa, a tía Sita e o veciño Indalecio, principal sospeitoso da desaparición.
O libro conta con diferentes ilustracións. Estas son en branco e negro e atópanse situadas na folla dereita, na impar. Dito método axuda a potencialas, xa que na folla esquerda perden relevancia ao ser o lado menos observado polos ollos lectores.
A linguaxe é sinxela e infantil, propia da infancia, o que conseguirá que os nenos e nenas se sintan identificados/as co personaxe principal. Na linguaxe tamén podemos observar a presenza do humor e da ironía.
Introduciría esta obra no alumnado de Educación Primaria, entre cuarto e sexto, xa que lles aportaría valores como o amor, o respecto ou o cariño polos animais. Tamén está presente o misterio, que nos pode dar moito xogo á hora de querer realizar diferentes actividades. Unha das posibles actividades sería, despois de ler o libro conxuntamente na aula, dividir ao noso alumnado en pequenos grupos de traballo e que pensen e creen un novo misterio. Unha vez creado, poderíase elaborar un pequeno teatro no que os nenos e nenas exploren a súa creatividade, así como tamén serviría para traballar o falar ante o público.
Debido ao famoso que é o libro, este atópase na rede e existen varios recursos en liña para trasladar á nosa aula, como diferentes vídeos en youtube que nos poden servir para realizar unha lectura máis visual e dinámica.
Abalde Rodríguez, Kevin
Ningún comentario:
Publicar un comentario