Bailar nas nubes
Starkoff, Vanina (2010). Bailar nas nubes. Pontevedra: Kalandraka
Este libro chámase Bailar nas nubes e foi escrito por Vanina Starkoff e publicado no ano 2010. A editorial á que pertence é Kalandraka e o lugar de edición foi Pontevedra. Esta obra foi finalista do III Premio Internacional para álbumes ilustrados no ano 2010.
Nesta obra estamos ante un conto seguido sen capítulos, onde o narrador está en primeira persoa e a que fala é unha nena. Os personaxes que compoñen a obra son a rapaza, protagonista e, os seus veciños os secundarios.
A historia mostra como unha nena, da que descoñecemos o nome, desexa bailar coas nubes e a súa nai non lle deixa. Pasan os días e van aparecendo veciños novos, que constrúen as súas casas debaixo da casa da protagonista, a cal comeza a sentirse feliz con esas persoas. Un día, cando chegou xa moi alto, logrou ver as nubes e bailar con elas, non obstante, o silencio que alí había puxo moi triste á rapaza, que decidiu volver xunto os seus veciños e seguir alí a súa vida.
Este é un álbum ilustrado, xa que máis do 50% do espazo do libro está ocupado por ilustracións, de tapa dura e con papel de gramaxe alto. A cuberta está formada por unha ilustración na que aparece unha rapaza mirando cara á esquerda, subida a un conxunto de casas. Na parte superior aparecen o título do libro e o nome da autora e, na inferior, a editorial. Na contracuberta continúa a ilustración que se mostra na parte dianteira, o código de barras co ISBN correspondente. De seguido, na anteportada non aparece nada escrito, e na portada encontramos de novo o nome da autora co título do libro e a editorial, xunto cunha pequena ilustración, representada por casiñas, unhas enriba das outras. Na parte esquerda aparecen o título orixinal, o nome da colección e da editorial, o ano de publicación, o lugar onde se editou e imprimiu e o ISBN. Desta maneira podemos saber que esta edición que estamos analizando é a primeira. A continuación xa comeza a relatarse a historia.
Neste álbum ilustrado podemos observar que o texto é moi escaso e que as ilustracións son un punto clave para poder comprender a historia que se está a narrar. As ilustracións deste libro ocupan ambas caras e ás veces só aparecen na dereita. Isto ocorre xa que a vista humana enfócase primeiro nesta parte, polo que a autora estalle querendo dar máis importancia aos debuxos que ao relato, que pasa a ser algo secundario. Ademais son ilustrativas, expoñendo todo o que di o texto.
A lectura deste libro é moi interesante para nenos e nenas de Educación Primaria. Con el poderiamos tratar temas como por exemplo os sentimentos e emocións que experimentamos os seres humanos no noso día a día ou como co paso do tempo imos madurando e cambiando de gustos e opinións. A rapaza do libro consegue o que quere e aínda así decide baixar cara ao seu pobo xunto cos seus veciños, xa que arriba, nas nubes, séntese soa. Isto é algo moi importante que se debe traballar cos nenos e nenas na aula, que expresen as súas emocións, e crear debates e traballos interactivos sobre a temática.
Finalmente, en canto aos recursos en liña sobre esta obra podemos encontrar en google diversos vídeos onde nenos, nenas e algún adulto/a len o libro e coméntano, o cal pode ser unha boa alternativa para poder traballalo na aula. Por outra banda sería interesante traballar esta lectura levando a cabo unha obra de teatro en clase, desta maneira os nenos e nenas desfrutarían da lectura dunha maneira máis divertida e cooperativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario