luns, 31 de xaneiro de 2022

Artur e Clementina

 TURIN, Adela (1976). Artur e Clementina. Trad: Eva Almazán (2012). Pontevedra: Kalandraka.




A obra escollida para traballar co alumnado de Educación Primaria é Artur e Clementina, un álbum ilustrado que conta cunhas dimensións de 22,5 x 28 cm, de tapa dura e encadernación en cartoné. Na cuberta presenta o título do libro, o nome da escritora Adela Turín e da ilustradora Nella Bosnia e a editorial á que pertence. Seguidamente,  podemos atopar un debuxo das dúas tartarugas aparentemente namoradas, el cun reloxo e ela cunhas flores. Seguindo coa contracuberta, ó tratarse dun álbum ilustrado, a imaxe está relacionada coa portada observándose así o ceo e a herba. Aquí tamén aparece o código de barras e mais unhas palabras que resumen o tema principal do libro. Ten 40 páxinas e na primeira atopamos todos os dereitos. O método de lectura é tradicional xa que se le dunha maneira convencional, de esquerda a dereita e o texto plásmase en calquera parte das páxinas. Por último, cabe destacar que a obra presenta unha linguaxe sinxela e fácil de ler para os cativos/as. Pertence a unha colección de literatura infantil dirixida a nenos/as de 6 anos en diante.


O libro conta a historia de dúas tartarugas, Artur e Clementina, que se coñeceron no lago e decidiron casar. Ela era alegre e contáballe a el os seus plans de vida. Todos os días Clementina propoñíalle algo (tocar a frauta, pintar) e sempre obtiña a mesma resposta, que non ía ser capaz. Ela quería coñecer mundo e el só lle dicía que quedara na casa. Tratábaa coma se non soubese falar nin facer nada ben. Ata que un día decidiu que aquilo non podía continuar así e decidiu abandonalo. Para el foi unha ingrata, pero ela era feliz polo mundo adiante, sen ninguén que lle dixera o que tiña que facer. O argumento trata un tema de gran importancia na actualidade como é o machismo. Hoxe en día tristemente moitas mulleres sofren diariamente abusos e maltratos por parte das súas parellas, o que se chama violencia de xénero. Neste caso, Clementina está farta de recibir comentarios daniños e ofensivos por parte do seu marido, o que se coñece como violencia verbal, que doe tanto ou máis como a violencia física. Clementina tomou a valente decisión de abandonalo para conseguir a súa liberdade e ser quen de tomar as súas propias decisións. 


Tocante ás ilustracións, Nella Bosnia trata de contar a historia desta obra a través dos debuxos que axudan a súa comprensión. No interior do libro, aparecen varias ilustracións que teñen a función de visualizar as accións. Nas primeiras páxinas aparecen as dúas tartarugas xuntas na súa fase de namoramento. Continuando a historia, podemos ver o rostro de Clementina cada vez máis entristecido e cansado. Como ela apenas saía de casa, Artur sempre lle traia algún agasallo para que estivera calada e non se queixara. En cada páxina, observamos a Clementina co seu lombo cheo de obxectos polo que non se daba nin movido. Cara ó final as imaxes que se amosan son de Clementina feliz bañándose no estanque coa idea de deixar para sempre a Artur. Por outra parte Artur está abraiado e enfadado á vez por ver o abandono pola parte da súa muller. 


O narrador é heterodiexético xa que presenta ós protagonistas narrando as súas peripecias e introducindo o conflito, polo que a historia está contada en 3ª persoa.  Prodúcense varios diálogos entre os personaxes principais e secundarios intercambiando información e expresando sentimentos e emocións. 

Como potencialidade, este libro ofrece unha lectura crítica do dominio do home sobre a muller, tomando todas as decisións, consolidando a súa autoridade, mentres ela é unha persoa submisa, dócil e  obediente, subxugada neste caso ó seu marido. É importante facer comprender ós nenos/as a igualdade, ninguén é máis que ninguén, sen distinción de xénero, todos temos dereito a opinar en liberdade, a equivocarnos e a volver empezar. Debemos poñernos no lugar dos demais para mellorar o trato interpersoal na contorna escolar e social. Con esta lectura pretendo destacar a necesidade de distribuír equitativamente as tarefas no fogar sen menosprezar á muller para que non se vexan afectados os seus dereitos. Valorar a importancia de identificar estereotipos sexistas que permitan a toma de conciencia e a denuncia da súa existencia. Por último, cabe destacar que debemos romper prexuízos e barreiras e abrir camiño para futuras xeracións baseándose na coeducación. A igualdade é necesaria para crecer en liberdade. 

Como recurso en liña, achego este contacontos realizado por Carmen Dolmench, https://www.youtube.com/watch?v=JglmWgcN17o, que proporciona dunha maneira lúdica e entretida para os cativos/as unha nova forma de axuda á hora de ler. Grazas ás súas marionetas, representa a perfección todos os contidos do libro. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...