martes, 11 de xaneiro de 2022

Entrevista a Carlos Meixide

Entrevista ao escritor, editor, humorista e redactor para programas televisivos Carlos Meixide. O autor, que na actualidade está centrado no seu papel de editor literario, concedeunos esta entrevista para falar das súas novelas infantís e xuvenís. 


“Para os nenos e nenas, a vida é a mesma que para os adultos, aínda que a súa forma de vela e facerlle fronte sexa diferente en función da idade.”



Álvaro Castro Martínez

Juan José Díaz Nieves

Juan Domínguez Pérez

Raquel García González


Vostede nace en Vilagarcía no ano 1977. Estuda xornalismo, pasa pola TVG e polo mundo da música. Que podería contarnos deses seus primeiros anos?


Eu estudei xornalismo en Santiago de Compostela. Logo tiven experiencias como xornalista nos medios de comunicación, destacando unha experiencia longa en programas de entretemento da TVG, en especial co programa de curtametraxes Onda Curta, que daba visibilidade ao auxe do audiovisual galego de onde saíron moitos dos nomes do novo cinema galego. 


Traballei tamén en prensa, medios dixitais, etc. Non obstante, tras unha etapa de crise vocacional decidín mudar de vida e deixar de lado o xornalismo para centrarme no mundo do humor (co grupo humorístico/musical Os da ría) e, sobre todo, na literatura e a autoedición como medio de vida.


Como se produce o feito de comezar a escribir e a qué idade?


Eu escribo dende pequeno. De xeito xa máis serio, comecei publicando un conto infantil cando aínda estaba na universidade (A miragaia) e posteriormente chegou O home inédito, a miña primeira novela. Foi ademais a primeira novela que se editou en Galicia en internet. Era un libro que contaba as peripecias dos anos universitarios.


Polo tanto, a que se dedica actualmente?


Actualmente intento dedicarme a escribir e editar. Neste proceso de editar os meus propios libros tamén comecei a editar a outra xente como Martiño Suárez, xornalista e vocalista dun grupo musical, co que temos un par de volumes sobre crónica deportiva e historias similares que xuntamos e chamamos Vestiario de Vestiarios. Este ano tamén editei a Carlos Santiago e a súa antoloxía de textos poéticos dos últimos vinte anos. Ademais, traballei con Corinna Marx, unha autora alemá que escribe en galego, que publicou a súa novela Escándalo no CDG, o que pretendemos que sexa o primeiro volume dunha colección de novelas románticas. E nesas estou, escribindo e en procesos de edicións tanto do meu como de outros autores. 


Por que comezou a escribir literatura infantil, pasou a literatura xuvenil e se atopa actualmente con novelas para adultos?


Non hai un motivo premeditado, de feito, sigo escribindo indistintamente literatura infantil, xuvenil e para adultos. É certo que a primeira novela que escribín foi de literatura infantil porque foi como “asomar a cabeza no mundo literario”, non sabía moi ben daquela como ía o asunto, foi unha experiencia inesperada. Despois, con Ons, o espírito foi a curiosidade de escribir sobre o mundo xuvenil, un mundo que resulta surrealista. Penso que ese espectro de pobación, en concreto en Galicia, están un pouco esquecidos, porque non son nenos pero tampouco adultos… e a min me interesaba facer algo con esa etapa ignorada por algúns.


Observando as súas novelas, como é o proceso de autopublicar as súas propias obras? E por que optou por este modo?


Foi por decisión persoal, tiña que ver coa necesidade de tomar as rendas da miña vida, nun momento complicado de crise vocacional no xornalismo. Tamén na necesidade de orientar a miña vida cara o que de verdade quería facer, e para iso entendín que non só era necesario escribir senon que era necesario asumir o proceso na súa integridade. 


Ademais a xente pedíame consellos sobre o tema da autopublicación e eu dicialle que tampouco é a panacea. É dicir, que  eu o fixera non quere dicir que fose unha solución milagreira para quen quere escribir ou publicar, pois hai que ter certa vocación xa que é un traballo complicado e complexo.


Tamen é certo que teño experiencia a través de Os da ría, por exemplo da autopublicación  de discos, ademais coñezo bastante ben o entramado cultura de Galicia, o mundo das librerías, o mundo literario tamén pola miña propia profesión, a miña experiencia no mundo do xornalismo. Polo que, tendo eses coñecementos, decidín asumir como reto persoal autopublicar as miñas novelas. Deume moita liberdade e sobre todo me concedeu a posibilidade de recompoñerme nun momento de zozobra persoal.


Como xorde a idea (en 2017) de publicar A memoria dos meus pasos por entregas diarias no xornal galego Praza Pública?


A verdade é que sempre me interesa experimentar sobre outra maneira de facer as cousas. Praza Publica é un medio co que teño relación. Ademais, agora mesmo está tamén Vinte na Praza, dirixido por María Yáñez, coa que fixen a miña primeira edición dixital no seu momento. É xente afín e que ten a mesma mentalidade de facer cousas con novas formulas, quixemos probar un sistema de publicación periódica na rede como paso previo a posterior publicación en papel. 


Durante o verán iamos publicando un capítulo novo ao día. A novela xa  estaba pensada para iso, xa que cada capitulo tiña a suficiente tensión interna como para ser publicado por individual pero ao mesmo tempo incrementaba o suspense e a emoción do total. A verdade é que o proceso foi bastante ben, xa que queiras que non a novela vai enganchando aos lectores e dándose a coñecer e cando se publica xa ten o camiño aberto.


Que cree que espera un neno/a cando comeza a leer os seus primeiros libros? Cómo da o autor resposta a iso?


A Miragaia é un libro de relatos para nenos e nenas que escribín cando aínda tiña vinte e poucos anos, polo que xa a teño algo afastada na memoria. Eu persoalmente estou moito máis próximo ás novelas como Ons (literatura xuvenil) e como encaixan no público. De feito, acudo a centros de ensino a falar con rapaces e rapazas, o que me permite achegarme aos seus gustos e ao que esperan desas novelas. 


É certo que cando escribo para un público adolescente trato de evitar calquera distancia xeracional, posto que non considero que a miña persoa sexa moi diferente do que era con 16 ou 17 anos, simplemente teño máis experiencia. Creo que o lector espera atoparse con personaxes que afronten a vida dun xeito similar ao seu, aínda que cunha acción sexa máis trepidante que sexa capaz de enganchar.


Como conseguiu inspiración para escribir a Miragaia?


Non me inspirei en ninguén en concreto, foi unha invención a partir da miña propia imaxinación do que é a literatura infantil  e o que a min me gustaba na miña infancia polo que construín unha historia que respondía a iso.


Pode ser que me inspirara nalgunha outra obra. Eu creo que na Miragaia son un pouco evidentes algunhas, non tanto na historia senon nos personaxes como por exemplo na relación de Heidi e o seu avó. Ese tipo de relacións que están presentes en todo tipo de literatura infantil e que eu tamén acudín a elas dunha maneira un pouco cómoda. Aínda que pasou tanto tempo que non che sei dicir que tiña na cabeza naqueles tempos.


Cree que a mensaxe social que ten como transfondo Miragaia (emigración, celos…) pode chegar ao público infantil que a lee? Como valora a súa importancia? 


Eu creo que o interesante nestes casos, máis aló de ideoloxías, é mostrar a vida. A fin de contas, incluso para os nenos/as, a vida é a mesma que para os adultos, aínda que a súa forma de vela e facerlle fronte sexa diferente en función da idade. Polo tanto, a miña intención non é decirlles como teñen que pensar, senon amosar a realidade e como lidiar con ela a través de diversos personaxes (por exemplo, un que ven do estranxeiro). Supón unha forma de reflexionar sobre a vida e poden vinculalo coas situacións da súa realidade cotiá.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...