venres, 4 de febreiro de 2022

Con Tango son tres.







RICHARDSON, Justin; PARNELL, Peter & COLE, Henry (2016): Con tango son tres. Trad. Sandra Senra & Óscar Senra. Pontevedra: Kalandraka.

Con tango son tres é un álbum ilustrado de Justin Richardson, Peter Parnell e Henry Cole, traducido por Sandra Senra e Óscar Senra. Presenta un formato convencional con tapa dura e impreso en papel. As ilustracións de Henry Cole recrean escenas, espazos e personaxes do narrado. Este conto narrativo está composto de 48 páxinas, con ilustracións en todas as páxinas, así como na cuberta e na contracuberta. A cuberta contén unha imaxe cautivadora e emotiva na que aparecen os dous pingüíns xuntos, Roy e Silo, máis o seu fillo, Tango. Ó seu carón está o título resaltado en letra gorda e debaixo del, os nomes dos autores máis do ilustrador. Así mesmo, tamén se atopa debaixo á esquerda o nome da editorial, kalandraka. Pola contra, na contracuberta aparecen varios pingüíns no seu hábitat e debaixo á dereita a páxina web da editorial.

En canto á descrición das ilustracións, estas son de carácter expresivo xa que cumpren unha función descritiva de maneira que o texto e a imaxe adoitan estar ligados para así, entregar unha información máis intelixible. As imaxes son bastante realistas e representan as situacións dos pingüíns, destacando varias composicións de viñetas que representan o transcurso da historia.

A maioría das imaxes son claras, de cores suaves, resaltando o azul, o branco e o negro. Estas abarcan case toda a páxina o que facilita unha maior comprensión da historia.

Con tango son tres conta a historia dunha parella de pingüíns macho, Roy e Silo, que viven no zoo de Central Park da cidade de Nova York. Ambos os dous fan todo xuntos ata tal punto de que o seu cuidador Gramzay pensa que están namorados.

Cando Roi e Silo observan que as demais parellas constrúen os seus fogares para posteriormente incubar as súas crías, eles deciden facer o mesmo e elaboran un niño, porén atopábase baleiro. Deste xeito, Roi puxo unha pedra no niño e día tras día a chocaban, máis non aconteceu nada. O cuidador que observara toda a súa traxectoria, decide colocarlles no niño un ovo abandonado que necesitaba ser coidado. Así pois, Roi e Silo o incubaron ata que naceu e, finalmente covertéronse en papás dun precioso pingüín ao que o cuidador chamouno Tango, precisamente porque se necesitan dous para bailar un tango.

Este álbum ilustrado permítenos traballar varios temas e valores co noso alumnado en idades comprendidas entre os 5 e os 7 anos xa que consta dunha estrutura sinxela, vocabulario doado e imaxes claras. Ademais, a empatía e o respeto, temas que trata o libro, estanse a desenvolver nesa etapa. Deste xeito, fomentará o seu desenvolvemento intelectual e a identificación das emocións.

Adentrándonos nas potencialidades, amais do respecto e a igualdade cando se trata naturalmente a cuestión de que hai dous papás; a empatía cando Roi e Silo empatizan co resto de parellas ou mesmo o coidador cando observa que non poden por ovos; o amor que ofrecen os dous pingüíns polo seu fillo, o tema principal do conto é a diversidade das familias, neste caso dunha familia homoparental. Deste modo, permítenos traballar con dous conceptos chave como son a diversidade familiar, é dicir, os distintos tipos de familia que forman hoxe en día a nosa sociedade, e a adopción.


A modo de conclusión, considero este libro un bo recurso para traballar co noso alumnado xa que, como comenté anteriormente, mostra o respecto pola igualdade de xénero, promove e desenvolve o respecto dos rapaces e rapazas cara a outras persoas e os seus diferentes gustos e axuda a comprender a importancia do amor máis do afecto para os que forman parte dun novo hogar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...