domingo, 29 de novembro de 2020

A illa dos cangrexos violinistas

Queipo, Xavier & Cisneros, Jesús (2009). A illa dos cangrexos violinistas. Pontevedra: Oqo Editora, col.Q [48 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-165-3).




A illa dos cangrexos violinistas é un álbum literario escrito por Xavier Queipo e ilustrado por Jesús Cisneros, que está composto por unha narrativa coidadosamente redactada e unhas fermosas ilustracións. A editorial do libro, Oqo, inclúe este libro dentro da súa colección Q, pensada e escrita para nenos/as de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. O formato do libro está elaborado cunha cuberta de tapa dura, nel podemos ver como as páxinas están encoladas ao lombo e contan cun tamaño de 22x28 cm. As páxinas que compoñen o libro son dunha alta calidade, grosas e con brillo, un tacto e unha cor moi agradables. Tanto as gardas como a parte interior do lombo compóñense do mesmo papel que o resto do libro.

Na cuberta aparece unha imaxe dunha nena e un ancián pescando dentro dunha barca, por debaixo da barca aparecen unha morea de peixes pequeniños que se afastan da cana de pescar. Non obstante, existe unha continuidade coa contracuberta, na que aparece un peixe moito máis grande e definido que os anteriores, preto do fin da cana, coma se fose picar. Esta alegoría pode representar a idea de como os maiores e os pequenos aprenden uns dos outros, poñéndose ao servizo da necesidade innata de aprender dos cativos, o saber, a experiencia dos máis vellos. O título A illa dos cangrexos violinistas pode dar pé a diversas interpretacións do que vai acontecer no relato, inclinado o interese cara á temática dos animais ou sobre a música e as habilidades para tocar o violín.

En canto ao tipo de letra, o texto está escrito en minúsculas, cun tamaño e grosor apropiado para favorecer a súa lectura. A posición do texto está situada ao borde, en función das ilustracións, e aparece nas marxes dereita, esquerda ou no fondo, dándolle así todo o protagonismo á imaxe.

Moi, é unha nena que vive nunha illa do Caribe e xoga sempre soa, xa que na aldea non hai outros nenos/as. Un día a nena descobre ao pé da súa casa unha chea de buratos e comeza a escaravellar para ver o que atopa. Nunha noite de tormenta, Moi viu coa axuda da luz dun lóstrego como se movía algo nos buratos, seu pai díxolle que eran os cangrexos violinistas, e contoulle onde vivían e de que se alimentaban. A partir dese momento Moi, dedicouse a coidalos, leváballes comida, esperábaos, pero non conseguía velos.

Foi onda o seu avó á procura de máis información e este recomendoulle que tivese paciencia, que os espreitara. Un día mentres os espreitaba, Moi foi mordida por unha cobra e desmaiouse, os cangrexos deseguido foron avisar a súa nai, acenáronlle coas súas pinzas e ela de súpeto soubo que algo lle pasara a nena. O avó de Moi xunto con outros anciáns da illa prepararon emplastos de herbas para curala e dende ese día os cangrexos son tratados como amigos na illa e ninguén pode molestalos.

Ao longo do relato descríbese a illa, as rutinas dos seus habitantes, as súas vivendas, os costumes dos cangrexos… de xeito que entran en contacto con outras culturas e países. No conto trátanse diferentes temáticas: a sabedoría dos maiores, o avó que lle axuda a recoller a información que lle falta ou lle prepara a menciña para curala, a curiosidade dos cativos por explorar o mundo e a importancia que ten a investigación e a experimentación nese coñecemento. Por outra banda a voz do narrador aparece para introducir o inicio e o fin da historia, describe aos personaxes e narra a historia en terceira persoa, non participa dentro do relato. A súa intervención recóllese nunha letra sen marcar mentres que os diálogos dos personaxes aparecen en negriña.

En canto á linguaxe empregada en todo o relato é sinxela e de fácil lectura, aparecen palabras algo máis complexas que poden ser descoñecidas para os nenos/as, como hibisco, iuca, malanda, pilastre, emplasto… isto vai contribuír á ampliación do vocabulario e a desenvolver a capacidade interpretar o seu significado. En canto á arquitectura textual, preséntase unha estrutura coma se fose un poema, con parágrafos separados, alienados a esquerda ou a dereita en función das ilustracións e a escrita caracterízase polo uso de figuras como a esaxeración ou a hipérbole.

    As ilustracións están realizadas en papel de cor sepia ou ocre e as representacións da paisaxe e dos personaxes reflíctense nunha gama de cores terra, cunha combinación do negro, o branco e do azul á hora de representar tanto o mar como o ceo. Isto permite aos lectores trasladarse a un mundo de fantasía e de soños onde os habitantes da illa se caracterizan polas súas peculiares pernas infinitas. A caracterización dos personaxes represéntase con formas longas e esveltas, coas pernas e brazos estensos e delgados, transmitindo así ese carácter exótico das illas e dos países descoñecidos. Os trazos realizados están feitos a pincel, con salpicaduras que dotan as imaxes de expresividade e movemento. Grazas a estas imaxes, o lector mergúllase nun mundo tropical, seguramente descoñecido para moitos, cunhas características distintivas como as árbores, as vivendas, as barcas e a xoiaría artesanal das personaxes… de xeito que favorece a súa visualización e esperta a imaxinación e a creatividade.

A obra está pensada para traballar cun alumnado de entre os 8 e os 12 anos. En función do establecido no Decreto da Educación Primaria e respecto á materia de Didáctica da lingua e da literatura Galega é moi axeitada para traballar no 2ºcurso, xa que nos diversos bloques de contidos nos que se atopa dividida esta materia se atopan contidos e estándares que se poden desenvolver a través do tratamento deste libro.

De xeito global a obra está moi indicada para favorecer o coñecemento doutras culturas, o respecto pola natureza e os animais e a importancia de ter en conta a sabedoría popular, a que outorgan os maiores, coas súas experiencias, para favorecer a aprendizaxe dos máis pequenos/as e a de toda a comunidade. De xeito específico e relacionado con outras culturas aparecen os seguintes estándares: en canto á comunicación oral preténdese que acaden o uso dunha linguaxe respectuosa coas diferenzas, en especial as referentes ao xénero, ás razas e as etnias. Relacionado coa Educación literaria búscase que amosen curiosidade por coñecer outros costumes e formas de relación social, respectando e valorando a diversidade cultural.

A utilización do libro como recurso e fonte de animación á lectura permite adquirir a competencia da comunicación escrita, ler. De xeito específico preténdese que interpreten e comprendan, de maneira xeral, a información de ilustracións. Tamén deben descodificar de forma axeitada a lectura de textos diversos, ler textos sinxelos en voz alta, coa velocidade adecuada e facer lecturas dramatizadas de textos. Así como amosar interese pola lectura como fonte de aprendizaxe. Esta competencia trabállase co correcto uso da biblioteca da aula de xeito autónomo, para obter datos, coñecemento e como instrumento cotián de busca de información e fonte de recursos textuais. Por outra banda en canto a adquisición desta competencia da comunicación escrita, outra destreza que permite desenvolver é a de escribir. A partir do libro poderán elaborar textos sinxelos que combinan a linguaxe verbal e non verbal coa elaboración de carteis publicitarios ou anuncios. Fomentarase que elaboren os textos, con coherencia xeral e de xeito creativo.

Para todo isto é preciso potenciar un coñecemento da lingua cada vez máis amplo, polo que a través do conto tentarase que interioricen as normas ortográficas máis sinxelas, aprecien o seu valor social e a necesidade de cinguirse a elas, así como a identificación das palabras como instrumento para a segmentación da escritura.

Por último dentro da didáctica da lingua atópase o bloque da educación literaria. En relación ao desenvolvemento desta habilidade, o conto en si ten como potencialidade a de beneficiar a capacidade para recrear e reescribir diversos textos literarios sinxelos: contos, poemas, refráns, adiviñas, trabalinguas, cantigas e xogos de sorte; e facilitar a lectura, de forma guiada, de textos tanto en silencio como en voz alta, para chegar progresivamente á autonomía lectora. Todo isto levará ao alumnado a valorar a literatura en calquera lingua, como vehículo de comunicación e recurso de gozo persoal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...