domingo, 29 de novembro de 2020

CHOCOLATA

 




Núñez, Marisa (2006). Chocolata. Ilust. Helga Bansch. Pontevedra: OQO editora, Colección O, [36 pp.] (ISBN: 84-96573-62-1)


Álbum ilustrado con tapas duras de cartón, unhas dimensións de 230 x 250 mm e un peso de 450 gr. A cuberta está ocupada na súa integridade pola imaxe dunha hipopótamo, que porta un vestido rosa e adopta unha postura de bailarina saudando, mentres mira con timidez ao lectorado, acompañada dun paxaro e unhas zapatillas, que adiantan aspectos relevantes do argumento. Na parte superior dereita aparecen os nomes da autora e ilustradora, debaixo dos que destaca o título da obra en letras irregulares, mentres que na parte inferior aparece o nome da editorial. Na contracuberta aparece de novo o paxaro da cuberta cunha maleta, que simboliza a viaxe que emprende a hipopótamo e aparece a imaxe dunha bañeira cun bikini colgando, que simboliza o urbano e a cidade.


No interior, as gardas están cheas de debuxos de marcado carácter étnico, estilo que se mantén nas ilustracións da obra, con imaxes relacionadas con África, que amosan unha paisaxe alegre e colorista onde as pinturas se mesturan sobre os papeis con diferentes texturas. Ademais, a protagonista e os seus amigos mostran felicidade e optimismo, nunha clara humanización de todos os personaxes animais que aparecen ao longo da historia, que incide nunha atmosfera de normalidade e de convivencia plena entre perfís humanos e animais que falan, mercan nas tendas e comen en restaurantes. A imaxe e o texto están intimamente relacionadas, propiciando unha necesaria lectura visual, pois é algo difícil de seguir o texto sen as imaxes, xa que vai axudar moito aos cativos a comprender a mensaxe.


Dende o punto de vista do argumento, Chocolata é unha hipopótamo que vive na selva. Un día decátase de que hai unha casa de baños na cidade e cansada de mergullarse sempre na lagoa, decide somerxerse nunha viaxe en solitario cara á cidade. Unha vez chegada á cidade, Chocolata ten que adaptarse á nova vida e a unha serie de normas, pois non quere aparentar ser una “salvaxe”. Para iso, comeza comprando roupa e zapatos e tamén visita restaurantes vexetarianos. Unha vez chegada a hora, a nosa protagonista achégase á casa de baños e aínda que non era o que ela esperaba desfrutou dunha tarde de charla e relaxación con novos amigos. Antes de regresar á casa para nunha librería e mércalle un agasallo ao seu amigo Teófilo, durme nun hotel e soña coa selva, á que volve o día seguinte impaciente por contar a súa experiencia fóra dela.


A lectura desta obra permite, entre outras potencialidades, reflexionar o dotarse de coñecemento grazas á experimentació, o afán por facer pequenas viaxes e saír da zona de confort, a posta en práctica do valor propio e o valor de todo o que temos preto e tamén dalgunha forma aprender sobre os animais da selva africana.

Entre os recursos en liña que se atopan salientamos un conta-contos e una canción baseada no libro:

Taxi Roberto Burela (s.d.). Chocolata. Conto en galego. Recuperado de: https://youtu.be/AszcpKy3yfI

Taxi Roberto Burela (s.d.). Chocolata. Canción en galego. Recuperado de: https://youtu.be/vQ2_7yV8qUg

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...