Casalderrey, Fina (1995). O misterio dos fillos de Lúa. Ilust. Manuel Uhía. Madrid: SM, O Barco de Vapor, [122 pp.] (ISBN: 84-348-4674-8)
A continuación preséntase unha análise crítica do libro O misterio dos fillos de Lúa de Fina Casalderrey. A obra foi publicada pola editorial SM en Madrid no ano 1995, mais a edición utilizada correspóndese coa undécima (2002). A publicación conta co premio O Barco de Vapor e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1996.
É unha novela infantil narrada en primeira persoa polo protagonista, David. A historia está contada en formato diario, polo que recolle todas as súas peripecias, pero tamén tódolos seus pensamentos, coñecementos e opinións. Grazas a isto, pódese observar a súa evolución no relato.
O exemplar en físico conta con cubertas brandas de cartón. Na cuberta principal aparece a ilustración dun gato coa lúa de fondo, ademais de datos como o título, a autora, a editorial, etc. Na cuberta posterior atópase unha imaxe de dous nenos correndo nunha paisaxe rural. Ámbalas dúas sitúanse sobre un fondo de cor laranxa.
O relato desenvólvese ao longo de 122 páxinas e estrutúrase en 28 capítulos titulados (todos con aproximadamente a mesma extensión). O libro non ten grandes dimensións (19x12x1 cm). Respecto da tipografía, a letra é sinxela e cun tamaño adecuado para o público ao que vai destinado.
Con relación ao argumento, David é un neno de 8 anos, que acompañado da súa moza Branca, intenta descubrir quen lle rouba os fillos á súa gata Lúa cada vez que pare. Dende unha perspectiva inocente e curiosa, David describe as trasnadas do felino. Ademais, relata os cambios de comportamento do animal e a súa transición ata o momento do parto. Cando Lúa comeza a dar a luz por terceira vez, David e Branca están presentes para protexela do ladrón. No momento que nace o primeiro gatiño, os nenos asústanse ao ver que a gata lambe e morde o cordón do animal. Deseguido, a nai de David aparece para explicarlles que sucede no parto, como chegaron os gatiños á barriga de Lúa e, por último, o máis importante: resolver o misterio dos fillos desaparecidos nos anteriores partos. Tratábase de Rambo, o can dos donos da botica, este matara os gatiños, e os pais de David decidiran enterralos na eira para que o seu fillo non sufrira por eles.
Respecto ás ilustracións da obra, Manuel Uhía foi o encargado de deseñalas. Son imaxes en branco e negro. Semellan estar realizadas cun lapis. Acompañan ao relato exemplificando accións, pero o lectorado non precisa focalizar a súa atención nelas para comprender a historia. Polo xeral, a medida que o lectorado crece, as imaxes redúcense, ata desaparecer. Desta forma é o texto quen recolle a historia. Aínda así, a continuación móstranse algunhas:
O misterio dos fillos de Lúa está recomendado a partir dos nove anos. É unha lectura sinxela debido ao vocabulario empregado, a construción das oracións e a estruturación do relato en capítulos curtos. Esta obra trata diversos temas dunha forma moi coidada que poden ser moi enriquecedores no ámbito educativo.
En primeiro lugar, abórdase como tema á amizade entre David e Branca. Mostran complicidade, xenerosidade, lealdade e preocupación polo benestar do outro. Na obra, David promételle a Branca que a gata será dos dous. O neno cumpre a promesa durante todo o relato e en múltiples ocasións autocorríxese "Por terceira vez a miña gata... Vaia!, tamén é de Branca. (...) Por terceira vez a nosa gata está preñada (capítulo 2)". Tamén se aborda a superación do protagonista ante os seus medos "Aquela escuridade metía un pouco de respecto malia que eramos valentes (capítulo 11)".
Ademais, trátanse as relacións familiares. No relato, David conta constantemente que sucede na súa casa, como se comportan os membros da súa familia e os roles que ocupan. Tamén se fan certas referencias relixiosas que deixan ver como vive a familia a fe: "Como estabamos moi preocupados, non nos acordou nin rezar (capítulo 18)", "Mamá tamén sabe o Credo, e iso que non vai nunca á misa (capítulo 18)".
Por último, o tema principal da historia: o mundo animal e a reprodución sexual exemplificados en Lúa. A gata fora abandonada e a familia de David recóllea. O neno relata dende o seu punto de vista inocente o celo do animal, o cortexo, o embarazo e o parto. Ademais, tamén se observa como David vai aprendendo sobre todo isto. Así a todo, abórdanse outros aspectos sobre a vida do felino: enfermidades, morte, alimentación etc.
A obra facilita que todos estes asuntos sexan tratados nunha aula de Educación Primaria. De feito existen algúns recursos en liña sobre o relato, de entre os que se destacan dous que ofrece a propia editorial. O primeiro (http://ecat.server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES198436_12973.pdf) é unha ficha. Na miña opinión non é moi apropiada para traballar sobre a historia, xa que non extrae do alumno ou alumna ningún tipo de reflexión sobre o contido. Sería útil para facer unha breve síntese do libro, pero non para afondar nos temas que aborda. Para esta segunda labor, pode ser moito máis eficaz o segundo recurso (http://ecat.server.grupo-sm.com/ecat_Documentos/ES198436_12972.pdf), xa que propón certas actividades interesantes e enriquecedoras que se poden levar a cabo na aula (actividade en grupo, actividade de ciencias da natureza e taller de escritura).
Ningún comentario:
Publicar un comentario