A
obra escollida para este traballo é A rapaza da fiestra, escrita por
Xavier Estévez. É un libro que xa lera cando era cativo na escola como lectura
obrigatoria, pero non recordaba a historia que agocha.
Estévez, Xabier (2014). A rapaza da
fiestra. Ilust. Fernando Llorente. Vigo: Tambre, col. Ala Delta, serie
verde, nº 28, 122 pp. (ISBN: 978-84-92404-81-0).
Dende
o punto de vista do formato, a obra presenta un formato rectangular de
200x130 mm e tapa branda. Na parte superior da cuberta observamos unha fiestra
dun edificio branco e no seu interior encóntrase unha rapaza sentada nunha
cadeira e escribindo nun caderno, ten unha melena longa de cor marrón e parece
que non está moi leda. Debaixo, aparece un recadro verde co título da obra en
branco A rapaza da fiestra, o nome do autor, da editorial e da
colección, mentres na parte inferior esquerda podemos observar unha planta e un
tubo que sobe ata a parte superior da cuberta. Na contracuberta encontrámonos
cunha división de catro rectángulos: o primeiro é de cor verde e contén un
breve resumo da historia; o segundo, de cor branca e nel podemos ler que é un
libro recomendado para nenos e nenas de 10 anos en diante; o terceiro está en
branco e contén o código de barras, mentres que o cuarto rectángulo contén unha
breve biografía de Xavier Estévez.
A
obra está escrita en terceira persoa. O protagonista é un neno chamado Lucas
que está enfermo e non pode saír á rúa, pero en ningún momento di o porqué. Os
seus pais déronlle polo seu aniversario un telescopio, por iso comezou a mirar
pola fiestra a escura cidade na que vivía, asolada pola guerra. Lucas observou
a unha rapaza que se atopaba na vella fábrica de en fronte, coa que acabou por
facer amizade pasado un tempo, xa que se comunicaban a través dun cartón no que
escribían o que sentían. Cando o neno volveu á escola e observou que a metade
do alumnado desaparecera, decatouse do conflito bélico no que estaba somerxido
o seu país: a persecución nazi. Foi atando fíos ata que comprendeu que a rapaza
da fiestra podería ser xudía, e por iso sempre estaba na vella fábrica, polo
que non dubidou en preguntarllo e os seus pensamentos eran certos, pero non lle
importou xa que estaba en contra das crueldades ás que estaban sometidos os
xudeus e xudías. Despois, coñecéronse en persoa e pasaron moito tempo xuntos. A
rapaza chamábase Ana Frank e vivía agochada na fábrica dende facía 3 anos. Polo
aniversario de Ana, Lucas regaloulle un caderno no que podía escribir e así foi
como a rapaza converteu aquel caderno no seu diario. Finalmente, encontraron a
familia de Ana e Lucas non a volveu ver, aínda que unha amiga da familia lle
entregou ao protagonista o diario que a rapaza escribira.
As ilustracións
son obra de Fernando Llorente, nelas podemos observar a frialdade e escuridade
da cidade, provocada pola guerra do momento. Todas son en branco e negro, o que
nos pode transmitir a emoción de tristeza que senten os personaxes da historia.
Con debuxos sinxelos reflicte o medo e temor da sociedade.
Entre
as potencialidades de lectura desta obra podemos destacar que propicia o
traballo con diferentes temas e incluso en varias materias. Cuestións
aptitudinais, como ir adquirindo valores e normas de convivencia, respectar os
dereitos humanos e o pluralismo dunha sociedade democrática. A través da
lectura poderán decatarse das inxustizas ás que foron e son sometidas moitas
persoas, desta forma desenvolveremos os obxectivos citados anteriormente. Tamén
se podería abordar dende a perspectiva histórica e traballar a persecución
nazi e a biografía dun dos personaxes da obra Ana Frank, falarlles que non se
trata unicamente dunha creación imaxinaria, senón dunha rapaza que sufriu as
inxustizas da guerra.
Dos
recursos en liña de acceso aberto sobre a obra de Xavier Estévez que
atopei na rede destacaría o blog do CEIP Valle Inclán do Grove, no que
podemos atopar un booktrailer creado polo club de lectura de 6º de educación
primaria. Paréceme unha idea moi orixinal para traballar a lectura co alumnado,
xa que motiva aos nenos e nenas. Preme na imaxe para acceder ao blog:
Tamén quería destacar
outra referencia á obra de Xavier Estévez que atopei, neste caso trátase dunha
imaxe tirada durante a visita de Xavier Estévez á aula do meu irmán (Maristas
Tui), a onde acudiu para falar do seu libro e o que agochaba nel. Ademais
asinoulle a todo o alumnado o seu exemplar, o que motiva á lectura. Preme na
imaxe para acceder:
Ningún comentario:
Publicar un comentario