luns, 23 de novembro de 2020

Gordiño Recheo

Casalderrey, Fina (2015). Gordiño recheo. Ilust. Xan López Domínguez. Vigo: Xerme Edicións, col. O Barco de Vapor. Serie Laranxa, n.º 28, 110 pp. (ISBN: 978-84-9854-001-7). 


         Trátase dun libro cunha cuberta branda e unha encadernación rústica, ten 110 páxinas e un tamaño de 19x12 cm. A cuberta do libro ten unha serie de elementos como o debuxo dun barco botando fume e as letras “O BARCO DE VAPOR” na parte superior, que identifican a colección á que pertence a obra; debaixo aparecen o nome da autora e o título do libro; na marxe esquerda aparece unha franxa de cor laranxa e amósase o número de edición, así como o nome da editorial e do grupo ao que pertencen. Na ilustración principal pode observarse como un neno, que coa lectura se descobre que é Zoel (o protagonista), camiña por un bosque cheo de árbores e herba alta. A ilustración ten unhas tonalidades moi apagadas e só pode distingui    squerda aparece unha pequena ilustración co barco de vapor, xa antes mencionado, debaixo aparece o número 28 que é o número de serie, o nome da autora e o título con letra grosa. Na esquina inferior esquerda aparece un cadrado branco co código de barras e o ISBN. Na zona central aparece unha breve sinopse do libro e unhas notas biográficas da autora. Finalmente, tamén aparece especificada a idade recomendada para ler este libro. Por último, no lombo aparece información repetida, como o número de serie, o título, o nome da autora e a editorial co grupo. A contraportada e o lombo aparecen de cor laranxa.

O argumento da obra xira ao redor de Zoel, un neno cun aparente problema de gordura. Despois de pasar o verán nun campamento, o último día pola noite acaba tendo un terrible accidente; escapando dunha “bruxa” intenta subir a unha casa nunha árbore e acaba caendo nun buraco no chan. Dende entón pasa os seus días no hospital debido a que ten rotos os nocellos e algunhas costelas. Mentres pasa a súa estancia no hospital de Montecelo en Pontevedra decide escribir as súas memorias. Zoel é orfo de nai e o seu pai encárgase de coidalo, tamén ten un tío, que é médico e que traballa no hospital. Este regálalle un libro sobre un neno con obesidade para intentar concienciar a seu sobriño da importancia de coidar a saúde xa que ten problemas de colesterol, diabetes e tensión debido á súa mala alimentación. Zoel nas memorias vai contando o seu verán no campamento, á vez que relata outras historias de Andrea, o protagonista do conto que lle regalou seu tío. Ao final do libro, Zoel recupérase e aparentemente con menos peso e mellor saúde.

O libro ten algunhas ilustracións, que serven de apoio á historia, aínda que esta non perdería o sentido se se eliminasen. Todos os debuxos aparecen coa mesma forma: están feitos con diferentes tons de grises e, ademais, amosan diferentes partes da historia, pero de maneira esaxerada. Por exemplo, na primeira ilustración, que aparece na páxina número 18, trata sobre a historia que estaba lendo Zoel. Na imaxe aparece un neno e un doutor en primeiro plano e de fondo un cadro cunha especie de can con camiseta; o contexto da fotografía é que o protagonista do conto, Andrea, deixou de comer e a nai lévao ao médico. Este mételle un pau na boca para verlle a gorxa e, de súpeto, o rapaz vomita toda a comida. Na ilustración aparece referenciado o momento no que o doutor lle vai meter o pau na boca, obsérvase como se esaxera o tamaño dos personaxes, xa que o médico é moito máis grande có neno e ademais en proporción ten unha cabeza moi pequena. O resto das imaxes seguen a mesma liña: son todas en branco e negro e ademais engrandecen os atributos dos personaxes que aparecen nelas.

Esta obra pode ser moi interesante para traballar na aula cos nenos, pois trata sobre todo o tema da alimentación e da obesidade infantil e as graves consecuencias que ten para a nosa saúde xa dende a infancia. Coa lectura desta obra pódese reflexionar sobre a importancia de comer ben, para que non teñan problemas de saúde no futuro. 

Ademais do tema da saúde, tamén é de interese a reflexión que a lectura propicia sobre os prexuízos, os estereotipos e a humillación ás persoas polo seu aspecto físico. Con este libro pódese inculcar nos nenos que non poden meterse con alguén polo seu aspecto físico. O protagonista da nosa historia non tiña problemas con iso, pero o do conto que estaba lendo si, porque por culpa da súa condición física os nenos non querían ser os seus amigos e ademais metíanse con el. Polo tanto, a lectura de obras ficcionais que abordan problemáticas propias da infancia e que permiten reflexionar de modo crítico sobre elas son de interese para fomentar valores de respecto e bos hábitos, ao empatizar cos personaxes e comprender as consecuencias que padecen nas súas vidas. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...