CASALDERREY, FINA (2007). Gordiño recheo. Ilust. Xan López. Vigo: SM, col. O barco de vapor, nº 28, 110 pp. (ISBN: 978-84-9854-001-7).
Quinta edición desta obra, que presenta tapa branda, cunha encadernación rústica e unha estrutura tradicional, onde predomina a letra sobre a imaxe. A fonte da letra é facilmente lexible e o seu tamaño non é nin pequeno nin grande. As ilustracións son escasas e ocupan a totalidade da páxina.
Na cuberta aparece a figura dun neno vagando só polo que semella unha fraga. Os tons son completamente apagados e resalta a cor laranxa que enmarca a imaxe, moi frecuente nos libros desta editorial. O título do libro, Gordiño recheo, aparece escrito na parte superior da cuberta dianteira, xusto debaixo da colección, “O barco de vapor”, e do nome da súa autora, Fina Casalderrey. A portada é moi similar á cuberta, pero coa diferenza de non ter ningunha ilustración e, ademais, cunha recolocación dos enunciados ao aparecer o nome da autora, neste caso, situado debaixo do título do libro. Na parte inferior esquerda aparece o logo da editorial, SM. A contracuberta ten un fondo de cor laranxa moi vistoso e unha liña negra divídea en dúas seccións. Na da esquerda podemos ver o nome da autora ou o título do libro, ampliando neste caso o número da colección á que pertence e, na parte dereita, unha sinopse do libro, xunto cunha pequena biografía da autora.
A organización do transcurso desta historia de cento dez páxinas está dividida por pequenos capítulos, vinte e dous en concreto. Cabe destacar a escaseza das imaxes, xa que non atopamos ningunha ata a páxina 18, correspondente ao capítulo III. A seguinte sitúase na páxina 27 e así, sucesivamente. A pesar diso, estas ilustracións non deixan indiferente a ninguén. Constitúen unha axuda visual que mellora a comprensión da historia e, a pesar de ser escasas, o ilustrador, Xan López Domínguez, dedícalles a totalidade da páxina nas que se atopan.
O argumento da obra xira ao redor das consecuencias da obesidade derivados dos malos hábitos alimentarios. O tío paparazzi de Zoel xa llo ten ben avisado, o seu pai e máis el están a levar unha mala alimentación. O certo era que dende que Zoel quedou orfo, a súa vida cambiara por completo. A súa accidentada estancia no campamento e o encontro coa “Bruxa do Ollo Verde” fará que acabe no hospital e comece a escribir as súas memorias. Parellamente, descubrirá a historia de Andrea, o protagonista do libro que comezará a ler e co que se sentirá en certo modo, identificado. Coñecerá a Leonor, a súa enfermeira, na que atopará o apoio que precisa e a relación máis semellante á dunha nai, que xa fai anos que non tiña. Todos estes acontecementos farano reflexionar sobre a súa saúde e as limitacións que ten, axudándolle a comprender a importancia de levar unha boa e equilibrada alimentación.
Todas as imaxes son en branco e negro e ocupan a totalidade da páxina na que están situadas. Cabe destacar que son meramente aclaratorias co fin de visualizar determinadas situacións. Adoitan representar a persoas e constitúen unha clara hipérbole da realidade, reflectida na esaxeración desmesurada dos corpos, presentados como seres xigantes e claramente obesos/as.
Entre as potencialidades da lectura desta obra cabe citar a identificación do lectorado agardado co protagonista, polo feito de ser un neno de nove anos, o que espertará moito máis interese que se fose doutra franxa xeracional. A súa situación faraos entender a importancia de levar unha boa e equilibrada alimentación e comprender que determinadas condutas poden ser prexudiciais para a saúde. Todo isto poderase aproveitar para traballar nas diferentes áreas. Así, en valores, poderemos presentarlle ao/á neno/a a importancia da empatía cos seus iguais, a través da relevancia que para eles/elas ten o aspecto físico como un elemento que nunca debería ser motivo de burla ou marxinación. Na área de ciencias naturais, introducirase ao neno ou nena nunha alimentación sa e equilibrada como fonte de saúde. Na área de lingua, aprofundarase nos sinónimos e antónimos con adxectivos referidos ao corpo (delgado/fraco, gordo/groso - forte/débil, rápido/lento...). Na área de matemáticas poderase, partindo do corpo, traballar conceptos matemáticos (arriba e abaixo, longo e curto, esquerda e dereita). Por último, no ámbito das ciencias sociais, o alumnado poderá verse a si mesmo como un ser social, dentro dunha comunidade, con normas, principios e valores que todos debemos respectar se queremos seguir o camiño da boa convivencia.
Entre os escasos recursos de acceso aberto sobre a obra seleccionaría dous deles polo seu interese. Ben é certo que outros están, na súa maioría, en lingua castelá, pero a pesar diso o profesorado poderá sacarlle proveito e adaptar estes bos recursos da web ao idioma que el prefira, neste caso, ao galego.
O primeiro recurso que se expón está en lingua galega e trátase dun blog onde se conta a experiencia dunha clase de 3º de Educación Primaria coa lectura e posterior traballo co libro, como é: Equipos de Biblioteca e Normalización Lingüística. CEIP A Carballeira (Lourizán) (2017). Hora de leer... Gordiño recheo, en O murmurio das palabras, recuperado de http://dinamizacioncarballeira.blogspot.com/2017/02/hora-de-ler-gordino-recheo.html
En segundo lugar, preséntase un recurso en lingua castelá. Trátase dunhas fichas de comprensión lectora do libro: preguntas de prelectura, durante a lectura e de poslectura. Gordito relleno. Guía docente ciclo III Sexto Séptimo. De qué se trata este libro? Quién escribió este libro?, en DOCPLAYER, recuperado de: https://docplayer.es/75847042-Gordito-relleno-guia-docente-ciclo-iii-sexto-septimo-de-que-se-trata-este-libro-quien-escribio-este-libro.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario