CASALDERREY, FINA (2010). Ás de mosca para Anxo. Ilustr. Manuel Uhía. Vigo: Xerais, col. Sopa de libros, nº 6, 144 pp. (ISBN: 978-84-8302-863-6).
A obra literaria elixida para esta recensión crítica titúlase Ás de mosca para Anxo. A súa autora, Fina Casalderrey, é considerada unha das mellores escritoras galegas de literatura infantil e xuvenil, obtendo, entre outros, o Premio Nacional de Literatura en 1996.
Na súa obra trata temas considerados tabús, animándonos a abordalos na aula cos nosos alumnos/as con total normalidade, de forma que non sintamos medo a falar de asuntos como a morte, o sexo, a violencia de xénero, o acoso escolar ou a aceptación das persoas diferentes... que, por desgraza, aínda están moi presentes actualmente na sociedade.
Foi este un dos motivos que me levou a decantarme por esta autora e obra en concreto. Ademais, trátase dun exemplar que tiven como lectura obrigatoria en primeiro da ESO e paréceme moi interesante para tratar xa no último ciclo de Educación Primaria. Por outra banda, tiña ganas de reler o libro anos despois, xa que a madureza cambia a forma de ver as cousas, entendendo detalles e mensaxes que con doce anos non era consciente.
Nesta liña, quero engadir tamén que a obra de Fina Casalderrey é sempre unha moi boa proposta para alumnado de Educación Primaria, xa que presenta personaxes tenros, pícaros, atrevidos, inxenuos… porque o que pretende é introducirse no mundo dos rapaces e vivir o que lles preocupa, lles divirte e os axuda a medrar.
En canto ao formato da obra, primeiramente cabe dicir que se trata dun libro en formato papel, que conta cunha cuberta, unha contracuberta, un lombo e unhas páxinas que conforman o miolo. Na cuberta, impresa a cor, destacan varias cousas. Unha delas é o título da obra, que figura na parte superior, sendo estas as letras de maior tamaño. O nome da autora aparece enriba cunha letra algo máis pequena; debaixo observamos o nome do ilustrador, Manuel Uhía, en letras aínda máis pequenas. O outro elemento a resaltar é a ilustración, a cal abrangue a metade da páxina. Nela vemos a unha rapaza enriba dun tellado, acompañada dun paxaro, apoiada nunha cheminea e observando as vistas. Na contracuberta pódese ler unha sinopse do relato, así como a idade recomendada (10 anos en adiante), o ISBN, a editorial e a colección, e outra ilustración. Neste caso trátase dun pequeno tarro que contén unha mosca dentro (unha vez lido o libro atópaselle sentido e o porqué do título).
Nas primeiras páxinas do libro atopámonos a información editorial e a portada, a cal difire da primeira na ilustración. Neste caso, en branco e negro, vemos á rapaza sentada no tellado, arroupada cunha manta e cunha expresión de medo. Despois disto xa se presenta o primeiro capítulo, cuxo título, acompañado do número correspondente, ten letra maiúscula. Isto repítese ao longo da obra, nos 32 capítulos que a compoñen. Quero destacar aquí o feito de que os títulos adiantan o que ocorre, pois son sempre unha frase que nos imos atopar ao lelo. En xeral, o tamaño de letra é bastante adecuado e grande para facilitar a lectura, feito que fai que se lea rápido. Ao longo da historia atopámonos con algúns fragmentos en cursiva (noticias, cartas, poemas…). O índice, neste caso, figura tras o derradeiro capítulo.
O argumento do relato podería ser o seguinte: Estrela Canedo é unha nena moi especial, tanto pola súa inocencia e inxenuidade, como polo seu gran corazón. O día que se incorpora ao novo colexio, os seus compañeiros/as de sexto de Primaria recíbena con desgana, pero, co tempo, a rapaza vaise gañando o seu cariño e respecto. A partir do secuestro dun empresario, o mestre propón un debate na aula sobre a liberdade. O alumnado expresa a súa opinión mediante contos e poemas, pero Estrela prefire redactar unha carta na que pide aos secuestradores que traten ben ao secuestrado. Esta ten un impacto emocional tan grande nos compañeiros que deciden enviala a un diario como medida de presión. Mais o día en que sae publicada, Estrela desaparece.
Cabe salientar aquí que Ás de mosca para Anxo é unha historia que comeza polo final (a liberación do empresario grazas á actuación de Estrela). A partir de aquí, de forma retrospectiva, vaise tecendo unha narración asentada nun fondo sentido da liberdade. Isto fai que os lectores sintan curiosidade por entender como se chegou a ese feito inicial.
Outro dos elementos a destacar, que nos axuda a entender mellor a historia e a somerxernos nela son as ilustracións, as cales se nos presentan en branco e negro e se basean na técnica da acuarela. Non considero que sexa un libro no que abunden, pero as que inclúe son de gran calidade artística. Algunhas abranguen toda unha páxina; outras, a metade. Desde o meu punto de vista, son bastante animadas e realistas e, sobre todo, atractivas para o público ao que se recomenda a lectura.
Persoalmente, en vista dun futuro como docente, non dubidaría en implementar, nun contexto urbano, esta proposta de lectura nunha aula de quinto de Educación Primaria. Por unha banda, debido á temática abordada no relato, xa que se corresponde cos intereses do alumnado desta idade. A historia, dinámica e divertida, desenvólvese de xeito áxil mediante un vocabulario que enriquecerá o repertorio léxico dos nenos/as. O grao de dificultade na comprensión do libro adecúase á idade dos mesmos.
Así, os temas que se tratan nesta obra son: a aventura, a solidariedade, as relacións familiares e escolares, a confianza nun mesmo e nos demais, a superación das dificultades, a amizade e o cariño, e tamén o valor do pequeno. Paréceme de grande importancia a educación en valores, que neste caso inclúe: a aceptación das diferenzas (Estrela é unha nena con dificultades específicas de aprendizaxe), a educación para a convivencia, a valoración do respecto nas relacións humanas, a curiosidade e coidado dos animais e o medio ambiente, e tamén o gozo das actividades grupais.
Por outra banda, a min non me propuxeron esta lectura obrigatoria ata 1º da ESO, e gustaríame tela lido antes, polo que considero que sería interesante introducir aos rapaces e rapazas de Primaria neste tipo de relatos e temáticas xa antes de chegar ao instituto. Desta maneira, unha vez explicadas as potencialidades da lectura desta obra, cabe mencionar certos estándares de aprendizaxe que se poderían traballar con ela, como son, entre outros, expresar, de maneira sinxela, opinións e valoracións sobre a lectura, e tamén deducir o posible contido dun texto antes de lelo, axudándose do título e as ilustracións.
O blog da biblioteca do CEIP Amadeo Rodríguez Barroso conta con dúas entradas sobre esta obra. Unha delas trata sobre a visita de Fina Casalderrey ao centro (2014), na que, entre outros libros do Plan de lectura, Ás de mosca para Anxo foi tamén protagonista. A outra entrada do blog trata sobre a presentación deste libro por parte dun contacontos (2015) ao alumnado de 4º e 5º de Primaria. Ademais, á parte deste centro, tamén me chamou a atención un traballo feito por alumnado de 4º de atención educativa sobre o libro, o cal descubrín no blog da biblioteca dun CEIP da Coruña. Por último, atopei uns comentarios interesantes de alumnado de 1º de ESO sobre o libro, publicados no blog da biblioteca do instituto IES Sánchez Cantón (Pontevedra). Estes pódense consultar aquí.
Ningún comentario:
Publicar un comentario