A obra literaria que se vai traballar a continuación correspóndese cun libro da autora Fina Calderrey, pertencente á colección “O barco de vapor”. O motivo de elección desta obra foi que tras estar investigando na páxina web da biblioteca da universidade e ver as diversas obras pertencentes a esta autora, así como a outros múltiples escritores de literatura infantil en galego, finalmente decanteime por este libro, xa que me transmitiu certo suspense e curiosidade. A obra é a que segue:
Casalderrey, Fina (1997). O misterio dos fillos de lúa. Ilust. Manuel Uhía. Vigo: SM, Col. O Barco de Vapor, serie laranxa, nº 21, 122 pp. (ISBN: 84-348-4674-8).
Dende o punto de vista do formato externo, é un volume cunha encadernación de tapa branda e unhas dimensións de 18,9 cm de alto e 11,9 cm de largo. A cuberta presenta unha imaxe nocturna de Lúa, a gata, mirando cara á Lúa dende o alto dun tellado, enmarcada na característica cor laranxa que identifica a serie dirixida ao lectorado a partir de 9 anos da colección “O barco de vapor”. Na parte superior dereita atopamos o nome da autora e o título en letras brancas, en letras máis grosas o segundo, mentres que en letras de cor negra e debaixo do mesmo podemos ver os premios do libro. Por outro lado, na contracuberta distinguimos a dous nenos correndo por un campo preto dunhas casas; os nenos podemos deducir que son David e Branca.
Xa no interior, na portada volve aparecer o título, que destaca por ter un tamaño máis grande, así como o nome da autora e os premios: Premio O Barco de Vapor, 1994 e premio Nacional de Literatura Infantil e xuvenil, 1996. Ao pe desa mesma páxina aparece o nome da editorial e o lugar de publicación. A seguir, na páxina de títulos de crédito atopamos os datos editoriais e de rexistro, como a edición, o nome do ilustrador ou o ISBN; e na seguinte páxina achamos as dedicatorias, mentres que nas últimas páxinas do libro aparece o índice, cos títulos dos 28 capítulos e a paxinación. Por último, aparecen outros títulos da colección, tanto da serie laranxa como da vermella.
O argumento desta obra de carácter narrativo conta a historia de David, un neno que se muda coa súa familia a unha nova casa e alí deciden adoptar unha gatiña, á que chamarán Lúa. Un día os fillos da gata desaparecen, tal como sucedera noutras ocasións. David, decide converterse en detective e resolver o misterio coa axuda da súa noiva.
O libro conta cun total de 8 ilustracións en branco e negro repartidas ao longo dos diferentes capítulos. A finalidade destas é axudar ao lector a interpretar e facilitar a comprensión do texto; porén, non son complementarias nin necesarias para realizar unha lectura correcta.
Dende o punto de vista das potencialidades da lectura desa obra para nenas/os de 6 a 12 anos, cabe sinalar que esta obra se podería traballar a partir de 4ª de Educación Primaria, xa que é sinxela e ten unha linguaxe clara para os nenos e nenas deste curso. Ao ser unha obra narrada por un neno os lectores máis novos poderanse sentir identificados co protagonista. A narración desenvólvese nun contexto rural, polo que podería ser tratada, sobre todo, en centros cunha localización similar, xa que os nenos e nenas poderán relacionar a obra coa súa propia contorna ou con vivencias propias. A partir desta obra, e seguindo a súa temática, poderanse traballar temas como o amor, a morte ou o afecto cara aos animais. Temas esenciais que se deben abordar na aula.
En canto aos obxectivos recollidos no Artigo 3 do currículo de Educación Primaria, é importante que o alumnado adquira habilidades para a resolución pacífica de conflitos, coñecer e empregar a lingua galega e a lingua castelá, valorar aos animais e desenvolver capacidades afectivas. Por outra banda debemos mencionar que esta é unha actividade que pode ser traballada de forma transversal co outras materias como por exemplo Lingua castelá e literatura ou Valores sociais e cívicos.
Entre os recursos en liña de acceso aberto sobre a obra pódense atopar diferentes Booktrailer. Esta é unha ferramenta que resulta moi útil á hora de traballar a lectura con nenos/as en Educación Primaria, posto que son unha forma de representar audiovisualmente o argumento da obra, polo que serven para motivar e incentivar ao alumnado a realizar a súa lectura, pero tamén como actividade de post-lectura, de forma que sexa o propio alumnado o que faga o Booktrailer.
Viqueira, A. [Bautista, A.]. (2019, decembro 2). Book tráiler "O misterio dos fillos de Lúa", de Fina Casalderrey. Realizado por Ana Viqueira García [Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=Av-ajuYQVLc
Por outra banda, podemos atopan algúns vídeos de Fina Casalderrey falando sobre o libro ou da súa carreira como escritora, así como realizando lecturas doutras das súas múltiples obras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario