CANOSA, MARÍA
& PADRÓN, DANI (2018). Caderno de Lúas. A Coruña: Bululú, [36 pp.].
(ISBN:978-84-945494-3-4).
A obra escollida para a seguinte
recensión e que creo que é moi axeitada e con moita potencialidade para
traballar na Educación Primaria, é Caderno de Lúas, do que previamente
realicei a ficha bibliográfica. A lectura desta obra aportaría moitos beneficios
ó noso alumnado, tanto a nivel emocional, como a nivel de contidos e
coñecementos do mundo que nos rodea pola temática a tratar.
O formato desta obra é un libro con
tapa dura de 17x23 centímetros, no que xa na súa cuberta podemos ver a
variedade de ilustracións que imos atopar a medida que avanzamos na lectura:
por unha banda existen ilustracións “profesionais” creadas polo propio
ilustrador, Dani Padrón, mentres que, por outra, poderiamos salientar as
ilustracións “máis rudimentarias” que semellan ser realizadas pola nena
protagonista da historia (nun xogo de busca de empatía e identificación co
lectorado agardado do propio ilustrador). Polas imaxes da cuberta e o seu
título, unha rapaza que semella estar mirando cara á lúa, podemos inferir a
temática da obra.
Cadernos de Lúa
é un diario escrito por unha rapaza que padece insomnio e que, por mor desta
problemática, decide coller un caderno e comezar a escribir e facer debuxos
sobre a lúa. Durante o transcurso da obra, a rapaza xunto co seu inseparable
avó, vai indagando e obtendo información sobre como é realmente esa lúa que ela
ve (e ás veces imaxina) desde o seu cuarto. O avó, personaxe a salientar neste
libro pola súa estreita relación coa protagonista, serve de guía e explícalle
moitos datos sobre a lúa que ela descoñece. A medida que a historia avanza, a
nena vai coñecendo nova información que lle permite ir mellorando os seus
debuxos sobre a lúa: a lúa sempre é a mesma, o único que cambian son as súas caras
visibles; é redonda e non dá luz, senón que se aproveita da luz do sol; ten
diferentes fases e incluso que a lúa se pode ver até de día. O verán pasa e a protagonista
para rematar o seu precioso caderno/diario, decide inventar co seu avó
distintos poemas dedicados a cada unha das diferentes fases do satélite.
As ilustracións deste libro son algo
realmente especial. Existen dous tipos de ilustracións claramente diferenciadas.
Por unha banda as profesionais, que son doces, fermosas, realizadas con moito agarimo,
con trazos finos e suaves e capaces de transmitir sentimentos (a cara de
concentración da rapaza cando pensa en coller o caderno e escribir e debuxar
nel; o avó pensativo e semellando adoración pola súa querida neta; a nena
esgotada enriba do satélite; a protagonista a sorrir mentres segue a pensar na
lúa ou a incrible imaxe que desprende tenrura coa que finaliza a obra, na que
avó e neta están a ler xuntos os poemas creados por eles mesmos). Por outra
banda, non nos debemos esquecer das preciosas ilustracións da lúa nas súas
diferentes fases que son tremendamente abraiantes. En contraposición a estas
imaxes, temos as realizadas pola protagonista nas que os trazos son máis
grosos, máis bruscos e quizais salvaxes, propios dunha rapaza da súa idade (no
libro non se nomea cal é, pero polos trazos da súa letra podería ser unha nena
de 2º ou 3º de Educación Primaria). Nas ilustracións realizadas pola cativa, o
seu avó e mais ela sempre semellan felices cun grande sorriso na face, incluso
a lúa ou os peixes, o gato... excepto as nubes que tapan a lúa, que aparecen
cunha cara triste, querendo amosar o seu desacordo por tapar aquilo que ela
tanto ama. Poderiamos salientar o feito de que ademais da lúa, as estrelas
aparecen tamén na maioría das ilustracións. Se ben é certo que non se trata dun
álbum ilustrado posto que a historia tería sentido sen as imaxes, as
ilustracións que aparecen no exemplar son un complemento para acompañar a
lectura, para introducirnos máis na historia e meternos máis se cabe na pel das
personaxes.
As potencialidades que nos ofrece a
lectura de Cadernos de Lúa para o alumnado de entre 6 e 12 anos son moitas.
Primeiramente, salientar o feito de que é un libro adecuado para todas as
idades, incluso adultos; merece a pena tanto pola temática, pola historia, como
polas excelentes ilustracións. Por unha banda, mentres os rapaces len a
entretida historia da protagonista, están a aprender contidos de
ciencias naturais sobre o sistema solar como son os astros, os satélites, as
diferentes fases da lúa, a relación entre a lúa e as mareas... E tamén
poderiamos aproveitar co alumnado de máis idade para ensinar outros aspectos do
noso sistema solar. Por outra banda, a partir desta obra poderiamos traballar
as emocións como os medos que non nos deixan durmir polas noites (como a
protagonista, que sofre insomnio), as relacións cos avós e todo o que nos poden
aportar, xa que son unha gran fonte de coñecementos e sabedoría, e mesmo as diferentes
profesións que os rapaces aspiran a ser cando medren (como a rapaza, que quere
ser astronauta para poder chegar á lúa, como podemos ver nos seus debuxos).
Creo que é unha obra que nos permite traballar de xeito transversal moitos
contidos e, algo moi importante tamén, achegar a infancia á ciencia de forma
lúdica, ao tempo que se desenvolven na lectura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario