domingo, 15 de novembro de 2020

O estanque dos parrulos pobres

 



Casalderrey, Fina. (2007). O estanque dos parrulos pobres. Ilust. Teo Puebla. A Coruña: Rodeira, col. Tucán, serie laranxa, nº 1, 165 pp. (ISBN: 978-84-8349-098-3).

O libro escollido está editado cunha encadernación rústica e ten, na súa totalidade, un total de 165 páxinas. Na cuberta imos ollando, de arriba a abaixo, unha serie de elementos: na parte superior temos o nome da colección (Tucán) xunto á idade recomendada da serie (máis de oito anos); nunha liña inferior, o título da obra, posteriormente o nome da autora e por último o Premio Edebé de literatura infantil que recibiu. Ocupando a meirande parte da cuberta, debaixo dos datos antes mencionados, atopamos unha ilustración a cor; nesta, observamos a unha nena contra unha fiestra, mirando cara a arriba, semellando que está facendo contacto visual directo coa lúa situada á súa esquerda, unha pista para o final da obra. Polo primeiro plano que se lle concede á nena, xa podemos intuír que se trata da protagonista, ademais da postura e da súa expresión que nos transmiten un sentimento de desacougo e incerteza.

Debaixo da imaxe, está escrito o nome da editorial (Rodeira), e na esquina dereita o número da edición, neste caso a décimo cuarta. Ademais, pola cor que rodea tanto a cuberta coma a sobrecuberta, podemos clasificar a obra na serie laranxa da colección. No lombo do libro temos os datos da idade recomendada, o nome da autora, o número da obra dentro da colección, o título e por último a editorial. Na contracuberta, temos unha ampliación do debuxo da cuberta na parte superior, o premio que recibiu debaixo deste, a idade recomendada, a colección e unha breve sinopse. As gardas aparecen en branco e na portada vólvense presentar os datos básicos da obra, xunto co nome do ilustrador.

O argumento xira ao redor da historia dunha nena pequena chamada Noema. Ela narra como vive e leva a enfermidade do seu avó ata a súa futura morte, a cal non comprende e compara cun xogo ao que non hai que dárlle demasiada importancia. Así, imos descubrindo a través dos seus ollos o que está a suceder, ollando pouco a pouco como se vai desenvolvendo a situación a medida que avanza o libro.

Ao longo de toda a obra van aparecendo unha serie de ilustracións que acompañan ao texto dese capítulo. Deste modo podemos visualizar na imaxe o que se nos contou anteriormente coas palabras. Na maioría dos capítulos aparece un breve debuxo que se relaciona directamente con algún concepto descrito neste; pero aparecen un total de dez ilustracións máis grandes e detalladas, coa mesma función que as anteriores, aínda que suxeitas a escenas de maior relevancia. Algunha delas, por exemplo, xorden cando ten algunha interacción importante co avó, como cando comen chocolate ou cando lle esconde o dente caído debaixo da almofada.

A principal potencialidade que aparece para traballar con esta obra é o propio tema do libro: a morte e cales son todos eses sentimentos e accións que aparecen preto dela. Antes de mergullarnos nesta temática poderiamos analizar en que contexto podería funcionar mellor esta obra, non obstante o espazo que nos presenta a autora é una mestura que acae tanto a un ambiente urbano coma a outro máis rural. Isto ocorre porque aínda que a protagonista vive nun piso, nun contexto que podemos caracterizar como urbano, tamén se mencionan diversas saídas á aldea do avó e as aventuras que ten arredor dela.

A idade recomendada para a lectura da obra é de máis de oito anos. Aínda que a temática debería poder tratarse independentemente da idade do lector ou lectora, é certo que pode presentar dificultades para idades inferiores non polo tema, como mencionaba anteriormente, senón pola linguaxe utilizada, a cal pode resultar un pouco máis complexa para nenos/as de menor idade.

Volvendo á temática da obra, esta é o principal motivo da escolla para traballar con ela nunha aula. O interesante, ademais do tratamento dun tema con moitos prexuízos aínda na actualidade, é que se nos presenta a través dos ollos dunha nena da idade aproximada aos nenos que está dirixida esta historia. A concepción da morte como un xogo e como algo polo que “non hai que chorar”, é unha maneira adecuada de presentar a temática ao alumnado e comezar a desenvolver reflexións e a profundar no sentido da vida a través desas ideas. Esa visión tamén nos axuda aos maiores a comprender mellor o punto de vista dos pequenos, para poder adaptarnos mellor a eles e achegarnos dunha forma máis apropiada. Debemos transmitirlles o concepto da morte como algo natural e non adoptar unha posición de esconder, manipular ou enganar respecto a ela, como sucede coa nai da protagonista, que remata sendo o comportamento estraño resaltado pola filla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...