VISO, MARCOS (2016). Vaite xa!. Vigo: Edicións Xerais de
Galicia, col. Merliño, nº 251, [40 pp.]. (ISBN 978-84-9914-964-6).
É un álbum ilustrado de cartón de tapa dura, cun formato de 20 x 18 cm, con texto e ilustracións de Marcos Viso que conta con 40 páxinas e custa aproximadamente 11 euros. A súa lectura está recomendada a un público infantil e xuvenil, a partir dos 5 anos de idade e pódese atopar con outros libros relacionados con relatos sobre a familia e o fogar ou sobre animais.
A pesar de que as ilustracións están realizadas polo propio escritor, o deseño da cuberta foi realizado por Miguel Vigo. Nela podemos atopar a un oso, dentro dunha habitación, sentado nunha cadeira case sen luz e cos brazos e a cabeza apoiados sobre os seus xeonllos. É importante mencionar que a figura do oso parece moi pequena, en contraste co tamaño da habitación que é inmenso, pois continúa na contracuberta. Tamén podemos observar na parte superior da ilustración do oso o nome da colección “Merliño”, debaixo o título e o nome do escritor e ilustrador e, na parte inferior, o nome da editorial.
A cuberta e contracuberta débense observar xuntas horizontalmente pois xa aportan ideas ao lector acerca da historia que se narra no seu interior. Pódese ver unha habitación na que predominan os cores da terra: variados de marróns, negro, azul mariño… que gardan unha estreita relación cos estados de ánimo (dúbidas, medo, tristeza…) que vai desenvolver Oso. Soamente co exterior do libro, xa se aporta información visual ao lector de como se sente o protagonista e busca chamar a atención para motivar a ler o álbum e coñecer o porqué deste sentimento.
Neste conto nárrase en 3ª persoa como Oso ten que deixar atrás a súa filla Osiña e a súa muller Osa e ir na procura dun traballo mellor lonxe do seu fogar, porque no mercado non consegue vender as cenorias abondas para vivir. Aínda que sabe que non hai outra solución para conseguir unha vida mellor a Osiña, a despedida é moi dura, consciente de que as vai botar moito de menos e está cheo de dúbidas e medos, debido a que comezar de cero é moi complicado. Dentro desta narración atoparemos páxinas cheas de diferentes ilustracións, acompañadas de texto en cor negra ou branca, dependendo das cores empregadas no fondo das ilustracións de cada páxina.
Ao tratarse dun álbum ilustrado, escrito e ilustrado por Marcos Viso é moi importante mencionar e destacar o gran reto que supón esta combinación de texto con imaxes que permite ao lector imaxinar todo sen dificultade. Viso préstalle moita atención ao tratamento visual e ilustra o texto mesturando diversas perspectivas e cores, ao mesmo tempo que realiza continuos cambios e combinacións de planos e encadres (plano xeral, primeiro plano…), empregando obxectos que simbolizan distintas situacións e sentimentos ( a barca, as bágoas…). As diferentes gamas de cores (azul, marrón, laranxa, amarelo... ) empregadas permiten ao espectador descubrir novos espazos relacionados segundo o estado de ánimo do protagonista, o que lle permite ao lectorado sentir máis a fondo o que está a vivir o protagonista nese momento.
O anterior pódese observar claramente, por exemplo, en dúas páxinas onde sae a cara de Oso en primeiro plano cos ollos abertos sen ningún tipo de texto ou noutras dúas páxinas onde aparece un plano xeral do lugar que abandona en busca dunha vida mellor. Son imaxes que, a pesar de non ter texto, teñen unha gran forza por si soas e están cheas de sentimentos e emocións. Este tratamento das ilustracións e o emprego das diferentes técnicas permite obter un resultado realmente sorprendente e atractivo, ao contribuír á creación dunha atmosfera realista que lle permite o lectorado crear imaxes realistas e fermosas.
Un dos principais criterios para seleccionar esta obra literaria foi o tema que trata e como Marcos Viso, apoiándose nas ilustracións tan precisas, conta unha historia que reflicte uns feitos que estiveron e están a padecer moitas persoas. Empregando un ton lírico xunto cunha linguaxe sinxela e directa, que incide nas emocións e sentimentos ao longo das súas páxinas.
Este álbum ilustrado paréceme un libro moi interesante e entretido para ler nas aulas de Educación Primaria pois non é fácil atopar nun álbum ilustrado, destinado a un lectorado tan pequeno, o tema da emigración e das fendas que produce o desarraigo persoal, familiar e social.
É moi importante concienciar aos nenos e nenas máis pequenas da situación á que se teñen que afrontar moitas familias actualmente. Ademais de que nunha aula se pode atopar algún neno ou nena inmigrante que vivira unha situación similar.
Tamén destacar que permite ao alumnado relacionar as distintas cores cos diferentes estados de ánimo, ao mesmo tempo que traballan coas emocións, aprenden a diferencialas e son capaces de identificar como se chegan a sentir as persoas nesa situación.
No seguinte enlace aparece unha entrevista a Marcos Viso onde conta coas súas palabras información interesante sobre o seu álbum ilustrado e as súas ilustracións: FERNÁNDEZ, Elisabet (2018). “Marcos Viso: Na ilustración dixital existe o prexuízo de ser menos real ca un óleo”. Recuperado de: https://www.laregion.es/articulo/ourense/marcos-viso-ilustracion-dixital-existe-prexuizo-ser-menos-real-oleo/20180914085834822949.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario