martes, 24 de novembro de 2020

Dúas bágoas por Máquina

    

     Escollín como obra literaria para a Educación Primaria Dúas bágoas por Máquina de Fina Casalderrey, ilustrado por Lino Fernández. Correspóndese coa terceira edición da obra, no ano 1995. A editorial é Edicións Xerais de Galicia e está incluído na colección “Merlín”.

 

Casalderrey, Fina (1995). Dúas bágoas por Máquina. Ilustrador Lino Fernández. Galicia: Edicións Xerais, colección Merlín, 102 pp. (ISBN: 84-7507-640-8).

 

O libro conta con seis capítulos e un epílogo, formado en total por 102 páxinas. Conta cunhas dimensións de 19x14 e o encadernado está feito con cartón e pegado. Trátase dunha portada de tapa branda, o tamaño das letras é medio, polo que é adecuado para a idade, e está escrito en prosa. Ademais, conta con bastantes ilustracións, as cales recrean a lectura.

A portada amosa información sobre a editorial, a colección, a autora, o ilustrador e o título da obra. Tamén se observa unha ilustración de Máquina e Xusta abrazados, posto que son os protagonistas da obra. Porén, na contraportada aparece unha pequena sinopse, na cal se indica novamente a editorial e o debuxo da colección “Merlín”, ademais de informar acerca do Premio Merlín que obtivo no ano 1991, e tamén o código de barras:


 

En canto ao argumento da historia xira ao redor de Xusta, unha nena de dez anos que tiña un can chamado Máquina que llelo regalara o seu pai nun aniversario ata que un día desaparece. Cando xa pasaran varios días sen Máquina, Xusta e o seu irmán Moncho deciden faltar ás clases e ir buscalo, mais non o atopan. A pesar disto, ela segue buscándoo moi tempo. O can non era moi apreciado pola familia, agás por Xusta e o seu avó, que xa falecera. De feito, foi o pai quen, cando o can estaba enfermo, o abandonou preto dun monte, xa que non tiña cartos para pagar o veterinario por quedar no paro. Cando Xusta descobre isto deixa de comer e pasa os días chorando, polo que o pai decide ir buscar o can, mais non o atopa. Pero un día, Xusta ía coller o autobús ao saír do colexio cando, de súpeto, aparece Máquina correndo cara a ela. Finalmente, Máquina salva á avoa de ser atropelada, pero morre neste mesmo acto, e á avoa cáenlle dúas bágoas, dúas bágoas por Máquina. Xusta, pasado o tempo, fíxose veterinaria, e no seu despacho tiña unha foto de Máquina, ademais di que ningún can chegou a ocupar o seu sitio no seu corazón.

No referente ás ilustracións, aparecen ao longo do libro e todas elas seguen un mesmo patrón. Son imaxes en branco e negro e con diferentes matices de azuis, como se pode observar nas seguintes imaxes: 

 

 

Penso que cos matices azuis, nalgunhas imaxes, resaltan os elementos importantes. De feito, en tódalas imaxes que está Máquina, este aparece de cor azul. Algunhas imaxes son a páxina completa e outras ocupan unha pequena parte da páxina que acompañan o texto. Todas elas mostran unha escena clara da historia, é dicir, expresan perfectamente o que quere ensinar e transmitir o texto.

Esta obra é adecuada para nenos e nenas de 11 anos en diante, polo que está enfocada para quinto ou sexto de Educación Primaria. Trátase dunha historia que fala do amor, a amizade, a responsabilidade, a familia, o respecto polos animais... Estes valores son os que pretende transmitir a autora aos nenos e nenas. Entre eles é importante resaltar o concepto de amizade, xa que neste libro se demostra que non existe unicamente a amizade entre persoas, posto que Máquina era o mellor amigo de Xusta. Moitos nenos e nenas, ao ler esta obra, sentiranse identificados con isto, polo que poderían contar moitas historias na aula e falar das súas mascotas. Outra actividade podería ser que se cuestionen se eles ou elas serían capaces de saír a buscar ás súas mascotas como fixo Xusta sen temor a ningures. Tamén é un tema importante o relacionado coa familia, posto que se fala en moitas ocasións da unión familiar, sobre todo co seu defunto avó, e a súa avoa (a cal é moi importante, sobre todo ao final da historia), polo que se resalta a importancia da familia e o que inflúe esta nos demais aspectos. Con todo isto, penso que se trata dun libro cheo de aspectos importantes para tratar con eses dous cursos.

Finalmente, un recurso en liña de acceso aberto sobre a obra é a guía de lectura: https://recursos.grupoanaya.es/catalogos/proyectos_lectura/XG00025802_9999998881.pdf. Neste enlace atopamos unha breve biografía da autora e outra do ilustrador, unha descrición do libro, temas e valores relevantes da historia e, o máis importante, unha serie de actividades para realizar cos nenos e nenas antes e despois da lectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...