A obra que escollín para traballar co alumnado de Educación Primaria é a terceira edición de Rubicundo, escrita por María Canosa e ilustrada por Nuria Díaz. É un libro ilustrado, escrito en galego, de curta extensión (oitenta e oito páxinas), publicado pola editorial Edicións Xerais de Galicia que pertence á colección Infantil e Xuvenil- “Merlín”. Esta obra, obtivo varios recoñecementos como por exemplo, quedar finalista do Premio da XXIX Edición do Merlín de Literatura Infantil, 2014.
Canosa, M. (2015). Rubicundo. Ilust. Nuria Díaz. Vigo: Edición Xerais de Galicia, col Merlín, 88 pp. (ISBN: 978-84-9914-821-2).
En canto ao formato da obra, dicir que ten unhas dimensións de 19x14 cm e a encadernación está feita con cartón. O texto foi escrito en prosa, con letras dun tamaño bastante grande e este está acompañado por ilustracións coloridas que lle confiren unha maior forza expresiva á narración.
Rubicundo conta a historia dunha nena de 9 anos, moi curiosa e observadora, a cal ten un veciño malhumorado, de aspecto peculiar e cun costume un tanto misterioso; todas as noites, colle a súa bicicleta, sobe pola árbore da súa casa, ata que desaparece entre as ramas. Erea esperta co ruído da bicicleta e ponse a observar dende a súa fiestra a rutina de Rubicundo, así como a súa particular indumentaria. Ata que un día, non pode coa curiosidade que lle produce esta actuación, e decide trazar un plan para descubrir a que se dedica o seu veciño.
A súa primeira idea foi manterse esperta toda a noite para ver a Rubicundo chegar á casa. A nena pensaba que deste xeito podería saber a que se dedicaba o seu veciño pola noite. Porén, cando Erea conseguiu ver regresar a Rubicundo, decatouse de que o seu plan carecía de sentido. Non obstante, a nena, a cal tiña claro que quería ter respostas ás súas preguntas, non se rende e volve trazar un plan: decide directamente falar con el e, malia que ao principio non foi doado, co tempo, Erea gaña a confianza de Rubicundo e este acáballe confesando o seu oficio: nin máis nin menos que cosedor de ventos.
Erea queda namorada do oficio do seu amigo Rubi e aínda que no relato non se menciona de forma explícita, os/ as lectoras, poden intuír que Erea será a súa sucesora.
Por último, o señor sincérase e explícalle o motivo de que sempre estea malhumorado e triste. A causa foi a desaparición da súa nai, a cal tamén era cosedora de ventos. Neste momento Erea dálle ánimos a Rubi e créase unha enorme complicidade entre eles.
Centrando o foco de atención nas ilustracións da obra, realizadas por Nuria Díaz, estas acompañan a historia de principio a fin. Trátase dunhas imaxes entrañables, en tons claros e cálidos as cales transmiten paz e tenrura. Algunhas das ilustracións ocupan toda a páxina, mentres que outras ocupan a metade desta. A continuación, engado uns exemplos;
En canto ás potencialidades da lectura, na miña opinión esta obra é acaída para traballar cos nenos e nenas de Educación Primaria, concretamente para os cursos de 3º e 4º, xa que a obra é recomendada a partir dos 9 anos. Penso que o libro ensina unha gran cantidade de valores que os cativos deben aprender, como por exemplo, constancia á hora de loitar polo que se quere conseguir, ou dito doutro xeito, o poder que ten non renderse ante as trabas que se atopen no camiño se están seguros e seguras de que a meta paga a pena.
O libro, a través de Erea, invita aos nenos e nenas a formularse preguntas, a ser persoas curiosas e buscar respostas ás diferentes dúbidas que se lles presenten.
Ademais, o relato trata o tema da morte e da soidade, tema tabú na maioría dos contos infantís, dunha forma axeitada para a idade dos e das lectoras ás que vai dirixida a obra. Deste xeito nenos e nenas poden ir reflexionando e sacando as súas propias conclusións.
Entre os recursos en liña relacionados có libro, atopei o blog O recuncho de Paula (http://orecunchodepaula.blogspot.com/2018/05/rubicundo-de-maria-canosa-ilustracions.html) no que se pode ver un vídeo feito por alumnos e alumnas dun centro de Chapela. Estes, dan a súa opinión sobre Rubicundo e algúns eles recomendan a obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario