sábado, 28 de novembro de 2020

¿E ti que farías por min?

¿E ti que farías por min? 

Casalderrey, Fina (2010). ¿E ti que farías por min?, ilust. Manolo Uhía. Vigo: Editorial Xerais, col. Infantil e Xuvenil - Merlín - Merliño, [40 pp.].  (ISBN: 978-84-9914-137-4). 


  

Para comezar coa análise deste libro de literatura infantil, clasificarei os paratextos, definidos por Gérard Genette na literatura infantil como as “manifestacións icónicas como as ilustracións ou as manifestacións materiais como o número de páxinas ou a tipografía elixida”. En primeiro lugar analizarei os máis visibles no exterior, como son: cuberta , formato, número de páxinas etc., en segundo lugar, dentro do libro, como: título do libro, dedicatorias, tipografía etc. e, por último, fóra do propio libro: crítica literaria, propostas de lectura etc.


Este libro é un álbum ilustrado, impreso en papel. O tipo de papel denomínase “papel recuberto/cuché/estucado”, é un papel que no seu exterior está recuberto por productos que lles confiren diferentes cualidades que se poden observar coma o brillo. As tapas do libro son duras e está composto por 40 páxinas. A cuberta é o paratexto que máis información acumula, no caso deste libro na cuberta aparecen os protagonistas, no centro, tirando un pouco máis cara á dereita. Á esquerda en negrita o nome da autora e debaixo ó do ilustrador en letra máis pequena. Enriba destes nomes con outra tipografía aparece o título en grande, e por enriba do título, a colección. Na parte inferior, no centro, o nome da editorial en letra pequena e o logo. Destacar tamén que a ilustración da portada a miúdo representa a parte dentral da narración, unha escena importante ou os protagonistas neste caso. 

Na contracuberta ou contratapa atopámonos na parte superior un breve resumo do libro, no medio unha ilustración que tamén fai referencia a algunha escena, ou  un dato importante da obra, neste caso aparece unha ilustración de “lixo”, xa que os protagonistas viven nel, e xa na parte inferior o nome da editorial outra vez e á esquerda o código de barras.



Entre os paratextos que se sitúan dentro do libro, na primeira páxina aparece unha bolboreta, xa na segunda unha dedicatoria mais unha pequena ilustración na parte inferior. Nas dúas páxinas seguintes aparece información máis detallada sobre o libro. Na páxina da esquerda recóllese información como: editorial, colección, deseño da cuberta, produción, ano da primeira edición, “copyright” do autor, ilustracións,  ISBN, depósito legal etc., na da dereita: título, autora, ilustrador, ilustración similar á da cuberta, editorial. A continuación xa comeza coa historia. 

En canto ao texto deste libro, adecúase perfectamente a idade tempranas, pero dada a temática considero que é valido para Educación Primaria. En cada páxina hai un breve párrafo, onde se conta a historia con tipografía e vocabulario sinxelos. O texto sitúase tanto nas páxinas pares coma impares.




Esta historia ten como principal tema a amizade. Son dous animais que teñen fame, son Malta e Marqués. Malta é caracterizada como a traballadora e a previsora desta relación dicotómica, a que anda á procura de algo que levar á boca. Pola contra, o Marqués (que xa o seu nome o indica), é un preguiceiro e vividor, que na historia só lle fala a Malta enumerando as cousas que sería quen de facer con ela, pero só as enumera. Mentres Malta busca algo para alimentarse entre o lixo, o can Marqués só fala, ata que ao final o Marqués cumpre o seu obxectivo: que a cadela comparta o zanco de polo que atopa no vertedoiro. 

En canto ás ilustracións, son de gran relevancia para a lectura visual, complementaria ao texto escrito.  

Neste libro, as ilustracións de Manolo Uhía, teñen un estilo inconfundible en canto á figuración e escolla da variedade cromática, relata todas as escenas que a autora debuxa coas súas palabras. Ao principio observamos que o primeiro que nos chama a atención é o ambiente onde se deselvolve a historia, nun vertedoiro. Vemos como a protagonista Malta, se achega pouco a pouco a el, e o Marqués queda atrás falando.  Nas seguintes páxinas as ilustracións representan todo o que o Marqués desearía ser para darllo todo a Malta. Observamos que o ambiente é sempre no vertedoiro. Nas penúltimas escenas, Malta consegue o zanco de polo e, xusto de seguido, o Marqués di que “se fose pasteleiro, faríache un rico pastel de carne”, e aí vemos como é un relato cheo de propósitos encadeados que evidencian o carácter nugallán do can fronte ao comportamento traballador da cadela. Penso que a autora constrúe unha estructura repetitiva que leva a pensar que o can é como un animal ao que lle marcha a forza pola boca pero que con iso consegue o seu obxectivo, que é que a cadela comparta ese zanco de polo. Cabe destacar que as cores do fondo non cambian moito dunha escea a outra, sempre se amosan cores vivas.

 

A lectura deste libro penso que trata temas que son de moita importancia para todas as edades: amizade e os roles de xénero tradicionais. 

Cómpre subliñar o valor da amizade, pois non sería de estrañar que a cadela non quixese compartir o seu achádego co can. Malta coñece moi ben o seu amigo e non ten atrancos á hora de compartir con el a comida atopada. Ela é a mostra de amizade incondicional, da que non pide nada a cambio. Un valor transmitido por Fina Casalderrey nesta historia á maneira de quen coñece verdadeiramente o pensamento dos lectores e lectoras máis novos. 

En canto aos roles de xénero tradicionais, relata Fina como é ela quen busca e traballa sen parar no vertedoiro para conseguir alimento, vemos como ese rol tradicional de que é o “home quen vai traballar para poder levar algo á casa para comer”  se rompe totalmente.


















Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...