xoves, 26 de novembro de 2020

Espantallo amigo

 Neira Vilas, X. (2006). Espantallo amigo. Ilustr. Xaquín Marín. Vigo: Editorial Galaxia, col. Árbore (a partir de 10 anos), nº12, [96 pp.]. (ISBN: 84-8288-903-6)


Espantallo amigo e un libro ilustrado, impreso en papel, con tapas brandas e composto de 96 páxinas. Na cuberta aparece o Nome do autor (Xosé Neira Vilas) enriba do título (Espantallo amigo) e á súa dereita, o nome da editorial. Na parte inferior aparece un debuxo no que podemos ver ao espantallo nunha árbore e tres merlos voando ao redor. As cores son vivas. Na contracuberta volve a estar o nome da editorial e a idade recomendada para ler o libro. Tamén se pode ver a casa do tío Ramón de Rebordena xunto cun merlo, un cadelo e o sol do atardecer. Se o libro se abre totalmente, obsérvase que a imaxe da cuberta e da contracuberta son a mesma, separadas polo lombo. No interior, nas primeiras follas preséntanse os personaxes do conto, xunto cunha ilustración de cada un. Despois comeza a historia separada en sete partes.


Con respecto ao texto, é unha narración sinxela e que se entedende moi ben coa axuda das ilustracións, mais ten algún vocabulario que pode ser descoñecido para nenos e nenas de Educación Primaria, xa que algunhas palabras son difíciles de entender se non están acostumados a falar galego.

Escollín esta obra literaria porque a lin en 5º de Educación Primaria no meu colexio e lembro que me gustou moitísimo e que fixemos moitas actividades ao redor desta lectura. Ademais chamoume a atención que o autor fose Xosé Neira Vilas, posto que tamén o estudei en clase durante moitos anos e ata agora non sabía que tiña un libro seu. Despois de volver ler a historia, sigo pensando que é un moi bo libro e que o usaría para traballar co alumnado en clase.


Dende o punto de vista argumental, cóntase que o tío Ramón de Rebordena, farto de que os merlos lle peteirasen todos os figos, decide crear un espantallo co fin de que os paxaros non volvesen pola súa figueira. Para facelo, o tío Ramón empregou un sacho que foi cubrindo con palla, un melón para a cabeza, dúas cereixas para os ollos e un pexego para o seu corazón. O Espantallo sentíase moi só e decidiu facerse amigo de todos os animais que pasaban por alí. Tivo moitos amigos: os merlos, o cadelo Penexo, un grilo e o gato Xirimía. Mais o Espantallo non quería estar alí para sempre, quería viaxar e coñecer máis sitios á parte da eira, e así foi como un día se ergueu unha rolada de vento tan forte que foi capaz de levantar o Espantallo polo aire. Chegou a unha pequena casa onde vivían dous nenos moi pobres, entón o noso protagonista decidiu darlle todo o que el tiña a eses rapaces, que se quedaron coa súa chaqueta, o pantalón e incluso coas cereixas e o pexego.


As ilustracións, feitas por Xaquín Marín, teñen moita importancia na historia, xa que aparecen frecuentemente e axudan a que o alumnado comprenda mellor a obra e fomentan a súa creatividade.

Agás a cuberta e a contracuberta, nas que se empregan distintas cores, no resto das imaxes do libro só se empregan tres cores fundamentais: o negro, o marrón e o branco. Todas aparecen no lado dereito da páxina para que sexa o primeiro que destaque ao cambiar de folla. Tamén se encontran no interior dun fondo branco, para diferenciar os límites da ilustración. Son ilustracións infantís debido a que están dirixidas a nenos e nenas de a partir dos oito anos. Nas primeiras páxinas aparecen as imaxes de cada un dos personaxes da obra: Espantallo, o grilo,o tío Ramón de Reborneda, Moncho, Penexo, os merlos e Xirimía. No inicio de cada parte, hai dúas follas coa ilustración do Espantallo voando e unha frase ao seu carón.


Esta obra trata moitos temas que están presentes na vida cotiá, como a amizade, a pobreza, a soidade ou a vida no rural. Todos se poden traballar na clase con exercicios ou actividades que favorezan a súa reflexión. Un dos temas máis importantes e que máis se repite durante a obra é a soidade que padece o tío Ramón de Reborneda e que se pode levar á vida real como os avós que traballan no campo e que por desgraza non teñen a ninguén ao seu carón. Co alumnado traballarase o respecto cara ás persoas maiores e o dereito a desfrutar da súa compañía. O segundo tema a resaltar é a amizade que o Espantallo procura ter con todos os animais, axudándoos por enriba do seu propio interese. Isto tamén ocorre na vida cotiá, xa que lles ensina aos nenos e nenas a ter respecto polos seus compañeiros e compañeiras e axudar en todo o posible.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...