RECENSIÓN CRÍTICA DUNHA OBRA LITERARIA
Autora: Nerea Durán Pérez
CASALDERREY,
FINA (2007). O estanque dos parrulos
pobres. Ilust. Teo Puebla. A Coruña: Rodeira, col. Tucán, 168 pp. (ISBN: 978-84-8349-098-3).
A miña elección de obra literaria para a etapa de Educación Primaria foi O estanque dos parrulos pobres. Este libro pareceume moi interesante para esta etapa educativa, por amosar un problema importante desta sociedade como é a morte dende unha ollada infantil, pero ao mesmo tempo moi madura. Este libro transmite valores moi importantes e relevantes para os nenos e nenas.
O estanque dos parrulos pobres ten 168 páxinas e conta con ilustracións moi significativas. Non contén solapas. A portada é dunha cor laranxa moi rechamante e aparece Noema con un dos seus maiores segredos, o que nos contará despois dentro do libro. No lombo podemos ler o título e tamén o nome da editorial. Na contraportada atopamos un breve resumo do contido.
É un volume de
20x13 cm, de tapa branda, encadernación rústica, ten un índice no que
nos indica o número dos diferentes capítulos e as páxinas onde podemos atopalos.
O estanque
dos parrulos pobres trata sobre Noema, unha nena de sete anos que
ten moita imaxinación. Unha das cousas que máis lle gusta neste mundo é estar
co seu avó e xogar con el, pásano moi ben xuntos. O seu
avó cóntalle un montón de historias, ata que un día cambia todo e Noema tenlle que
ensinar ao seu avó como morrer. Trátase dunha entrañable
e sensible historia na que se afrontan as etapas da vida, dende diferentes perspectivas.
Con respecto ás
ilustracións, cabe destacar que vou describir as máis relevantes do libro,
aínda que todas son significativas. Na primeira ilustración atopámonos con
Noema mirando pola ventá e dicindo que o que hai alí é un segredo e
que non llo pode contar a ninguén. Esta ilustración ten moita importancia no
desenvolvemento da historia. A maioría das ilustracións son de Noema e o seu
avó, onde se reflicte como é a relación entre eles dous e como o seu avó sempre lle conta
moitas historias coas que a nena queda enfeitizada. Tamén é de salientar a imaxe na que Noema chora desconsoladamente
porque ocorreu unha traxedia, o seu avó mexouse polos pantalóns e non falaba, deulle
unha trombose. A partir de aí, a mamá de Noema xa sabe que ao seu
pai lle queda pouco para
morrer e Noema cando se decata da situación decide xogar a morrer co avó para
que cando chegue o día saia todo perfecto. Finalmente, nunha das derradeiras
imaxes que nos acompaña ao longo de todo o libro, vemos un
pato do estanque onde ían Noema e o seu avó, xa que o avó de Noema deixoulle
unha moeda de recordo e ela decidiu tirala o estanque dos parrulos pobres para
que se cumprise o seu desexo que era poder falar co avó a través da estrela que
máis resplandecese.
Aquí podemos observar algunhas das ilustracións
nas que sae o avó contándolle unha historia a Noema e Noema ensinándolle a
morrer ao seu avó. Todas as ilustracións deste libro son moi significativas e
ademais diso fan que a lectura sexa moito máis emotiva.
A lectura desta obra considero que é de interese para nenos e nenas de 6 a 12 anos, pois permite reflexionar sobre o transcurso da vida, incidir en valores como o amor entre avós e netos, o paso da vida ata chegar á vellez e as súas consecuencias, a sabedoría de toda unha vida, como afrontar a morte dende varias perspectivas, pero tamén como afrontar a chegada de novos membros a unha familia. Estes valores son fundamentais na etapa de Educación Primaria porque considero que é un tema moi realista que pode estar vivindo calquera dos nosos alumnos e a alumnas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario