domingo, 22 de novembro de 2020

Eu son eu





CASALDERREY, FINA E VICÓ, JOSEP (2004). Eu son eu. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Paseniño, nº 2, [24 pp.] (ISBN: 978-84-9782-141-4)

A obra elixida para a seguinte recensión literaria é “Eu son eu”, de Fina Casalderrey. Ó longo dos seguintes apartados da nomeada recensión daranse máis detalles sobre dita obra, así como se especificarán as posibles potencialidades desta para os nenos que cursen a etapa de educación primaria.

Volume de cuberta rústica, de tapa branda na que, ademais do título da obra e o nome da autora, tamén se introducen dous elementos claves na obra, como son as ilustracións de Josep Vicó e a tipografía en minúsculas empregada no texto. Esta cuberta dá paso á portada, onde podemos observar de novo os datos que xa aparecían na propia cuberta, como o título, o nome da autora, do ilustrador, da editorial e da colección. A contracuberta presenta unha breve sinopse da historia e os títulos doutros libros da colección.

A disposición interior de cada dobre páxina mantense dende o principio do conto ata o seu final e presenta na páxina da esquerda o texto, o cal non é moi abundante e aparece repetido en dous tipos de caligrafía, por un lado a propia dun alumno de Educación Primaria cando comeza a escribir, empregando maiúsculas e minúsculas segundo as normas de escrita, e polo outro lado, texto completamente en maiúsculas, para todo aquel alumnado que se poida estar iniciando na lectura e aínda teña dificultades para recoñecer as minúsculas. Na páxina da dereita, por outra parte, podemos observar as ilustracións, as cales se ben non poden relatar a historia sen o texto, si teñen un peso moi importante na maneira de facelo, ocupando así cada unha delas unha páxina enteira. Esta fórmula repítese ó longo das 22 páxinas do conto. Pódese dicir que estamos ante un libro ilustrado onde a ilustración xoga un papel moi importante para favorecer a lectura e orientar na comprensión.

O texto recolle as vivencias dunha nena que observa como a súa bisavoa actúa dun modo estraño debido a que padece alzhéimer. A perspectiva infantil adoptada sobre os feitos inciden no humor e a visión inocente da cativa, mentres que para un lectorado máis avezado se fai patente o drama da perda de memoria.

As ilustracións teñen unha grande importancia por complementar o sentido do texto. Están realizadas por Josep Vicó e describen sempre de forma visual as escenas relatadas no texto escrito, que aparece a súa esquerda. En todas elas aparecen as dúas personaxes protagonistas da historia, como son a bisavoa e a bisneta, aínda que nalgunhas escenas aparecen outras figuras coma os pais da nena. Destaca nelas a tenrura coa que se tratan as situacións dramáticas que realmente se viven na historia. Ademais disto, cabe salientar o feito de que, no espazo que separa os dous tipos de textos presentes na obra segundo o tipo de letra, sempre aparece debuxada a figura do gato da bisavoa en diferentes posturas, o cal tamén fai acto de presenza no resto de escenas. Tamén destacar que todas elas son de tipo figurativo, a toda cor e remarcadas con liña negra, o que define con maior perfección cada figura e espazo.

Entre as potencialidades da lectura desta obra destácase a accesibilidade da mesma, pois grazas ó seu tipo de texto e ó continuo apoio que ofrecen as ilustracións, é apto para case todas as idades, incluíndo o prelectorado. Ademais, trátase dunha lectura curta, con elementos cómicos ante a mirada inocente dos máis cativos e imaxes recorrentes da vida cotiá, facendo así desta obra un bo exemplo de libro que pode ser usado para a introdución á lectura. Desta forma cubrimos boa parte dos contidos do bloque 2 do currículo de Educación Primaria, dedicado principalmente á lectura, e algúns do 4 e do 5, relacionados co coñecemento da nosa lingua e coa educación literaria, no curso de primeiro de Primaria. Porén, esta obra non so é empregable en cursos baixos como recurso para a iniciación da lectura, senón que tamén pode utilizarse o seu fondo para falarlle ó alumnado da enfermidade do alzheimer, conseguindo así que poidan coñecer dende cativos algunhas características desta enfermidade a partir das imaxes e escenas da protagonista da historia, é dicir, dunha forma, en principio, moito máis amena.

 

Recursos en liña de acceso aberto sobre a obra:

ROIG, B.-A. (dir.) (2004). Informe de literatura 2004. Recuperado de http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2004/InformedeLiteratura2004.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...