domingo, 15 de novembro de 2020

A lagoa das nenas mudas



Para a realización desta recensión crítica decanteime por unha das mellores escritoras galegas de literatura infantil e xuvenil como é Fina Casalderrey, e a súa obra A lagoa das nenas mudas. Un exemplo máis onde Fina volve transmitirnos ese intento de abandonar o medo que temos á hora de ensinarlles aos nosos alumnos/as tabús que, por desgraza, seguen presentes na sociedade actual.

Elixín este exemplar porque foi unha das lecturas obrigatorias en Educación Primaria e xa a tiña un pouco esquecida. Polo tanto, como tiña bos recordos dela, decidín retomar a súa lectura para volver gozar do tratamento que lle dá esta autora a moitos temas aos que nun futuro me terei que enfrontar como docente e que cando lin por primeira vez non analicei nin me dei conta de moitos deles. Así, antes de comezar a presentar diferentes elementos e opinións sobre a obra, quero destacar e iniciar esta recensión citando un dos aspectos máis importantes como é a ficha bibliográfica, que sempre debemos analizar e realizar para descubrir as características principais da mesma e que mostro deseguido.


CASALDERREY, FINA (2007). A lagoa das nenas mudas. Ilust. Patricia Castelao. Vigo: Xerais, Col. Sopa de libros, nº 33, 128 pp. (ISBN: 978-84-9782-521-4).

Libro impreso en papel cunha encadernación rústica solapada e que, polo tanto, está constituído por tres partes exteriores fundamentais: cuberta, contracuberta e lombo. Na cuberta podemos ver e analizar varios elementos de relevancia que nos achegan moita información sobre o libro. Trátase do título da obra, os nomes da autora e a ilustradora, a icona e o nome da editorial Xerais, a denominación da colección á que pertence (Sopa de libros) e a súa simboloxía e, por último, unha ilustración inicial na cal podemos ver unha nena de cor escribindo sobre a súa cama nun ambiente de soidade e sobre un chan que fai alusión a un espazo desértico e seco. 

En canto á contracuberta, quero destacar a repetición de varios aspectos que citei anteriormente como o nome da editorial e a colección, ademais dalgunhas novidades de grande importancia como a idade para a que está recomendada a lectura (dez anos), unha breve sinopse, que recomendo ler antes de comezar a lectura, xa que che transmite curiosidade por saber o que pasa na historia, e o ISBN, acompañado do código de barras para poder identificar a obra dun xeito rápido e adecuado.

Por outra banda, e no que se refire ao lombo deste exemplar, podo dicir que, á parte do título e do nome da autora e a editorial coa súa simboloxía, só aparece unha novidade: o número que lle corresponde ao libro dentro da colección á que pertence.

Para rematar coa descrición do formato, e en canto ao interior da obra, podo destacar que na primeira páxina aparece a información editorial, na seguinte sae de novo a portada co título e cunha ilustración en branco e negro, na cal se representa unha caixa de cartón cun animaliño coa cabeza fóra, algo que se descubrirá no desenvolvemento da historia e, antes de comezar, a dedicatoria do autor. Ademais disto, cabe resaltar que o tipo de letra que se utiliza é bastante grande para facilitar a lectura, que cambia a cursiva cando se reproducen cartas ou poemas, e a maiúscula para nomear o título principal e o dos capítulos, cuxos títulos aparecen recollidos nun índice final, xunto cunhas breves reflexións da autora e da ilustradora.

Seguindo co argumento desta lectura, podo dicir que trata a historia dunha nena de orixe africana, Amina, a cal chega a Galicia acompañada de súa nai logo de abandonar as malas condicións de vida de Lagos, onde incluso ten que deixar a súa familia. Polo tanto, tense que adaptar a unha nova escola e a uns novos costumes, algo que ao principio é duro, xa que moitos compañeiros se burlan dela e todo é moi diferente para Amina. Pouco a pouco, e despois de coñecer o lugar que para ela ía ser o seu preferido, unha lagoa cunha casa abandonada chea de debuxos, a situación empeza a mellorar. Todos os docentes e compañeiros empezan a levarse ben con Amina e incluso a facerlle sentir que está na súa casa, en especial a súa amiga Ío, coa cal coincide en que ambas nunca se atreven a falar en público e que é capaz de lle axuda a entender as clases mediante debuxos. Porén de súpeto, un terrible suceso vai paralizar a historia xa que Ío desaparece e a única que pode atopala é Amina a partir dos seus debuxos, ao decatarse de que en todos eles aparece a lagoa que tanto lle gustara. Alí é onde Amina descobre que os debuxos das paredes daquela casa eran de Ío, e que nun deles está debuxado o seu pai como un ogro, xa que Ío confesa que este maltrataba a súa nai, polo que ela ten medo a falar, ao igual que Amina cando chega á escola, onde nunca puidera ir ata chegar a Galicia. 

Con relación á historia, cabe destacar tamén a importancia das ilustracións que aparecen ao longo do relato, representando persoas dun xeito animado pero, ao mesmo tempo, moi expresivo, o que lle dá moita veracidade á historia, incluíndo ademais algúns obxectos da vida cotiá. Todas elas están realizadas con cores e trazos que, dende o meu punto de vista, aportan moita información á historia, ademais de representar as emocións que se viven, como por exemplo ao final, cando ambas as nenas debuxan na casa abandonada apoiándose emocionalmente unha á outra, cando Amina soña cun profesor gorila moi enfadado, ou cando recorda momentos co seu irmán en África cunha imaxe que consegue transmitir unha gran nostalxia.

Polo que respecta ás potencialidades que eu traballaría desta obra, quero dicir que enmarcaría este libro no curso de 6º de primaria e nun contexto dun colexio do rural. Unha vez nese ambiente, centraríame no traballo dos temas que a autora vai tratando durante a historia que conta e que penso que son verdadeiramente importantes para ensinarlle aos nenos/as a enfrontarse a eles, a entendelos e incluso a traballalos a través de actividades sobre a historia ou sobre temas e noticias actuais. Ademais, mediante ese tratamento poderiamos traballar estándares de aprendizaxe do currículo de Educación Primaria como localizar un libro na biblioteca, ler diferentes tipos de textos, interpretar a mensaxe da obra, realizar esquemas e resumos, consultar fontes bibliográficas e realizar exposicións orais e establecer relacións entre o texto e as ilustracións.

Os temas aos que me refiro son tanto temas tabús, como indicaba ao comezo deste texto, así como temas que penso que se lle deben inculcar aos nenos dende pequenos para construír unha sociedade igualitaria e mellor. Entre eles cabe destacar: as desigualdades entre países, as desigualdades entre os dereitos dos homes e as mulleres, o racismo, a violencia de xénero, a pobreza, o apoio, etc. 

Logo de investigar un pouco por diferentes páxinas e blogs de colexios, quero destacar, por unha banda, o labor do CEIP de Maceda, o cal inclúe un plan de lectura elaborado e interesante, que se imparte a través de diversas actividades, xogos, charlas de autores, contacontos, entregas de premios de narrativa e poesía, e mesmo obras de teatro que fomentan a animación á lectura. Todo isto pódemolo ver na súa páxina web, onde nos mostran actividades como o Bibliocanta, o contacontos dos Bolechas e o 112, e incluso a creación dun libro viaxeiro: As viaxes de Peluxa.

Por outra banda, á marxe deste centro educativo, gustaríame amosar outros blogs e páxinas web onde se comenta A lagoa das nenas mudas e se recomenda a súa lectura, mesmo propoñendo algún xogo a partir dela. Estes son A mestra Isabel, Xogo e Circunstancial de lugar. Por último, quero citar tamén un vídeo de Youtube onde unha nena recomenda a obra (premer aquí), e certas visitas da autora a colexios para asinar libros e revelar algúns segredos. Por exemplo: Fina Casalderrey no noso cole e Unha visita moi desexada.

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...