CASALDERREY, FINA (2005). Quen me quere adoptar. Ilust. Mª Fe Quesada. Vigo: Xerais, col. Merlín, n.º 156, 64 pp. (ISBN: 84-9782-359-1).
Esta obra escrita por Fina Casalderrey é moi interesante, xa que mostra dunha maneira moi entretida un dos problemas da sociedade actual e, desta forma, o alumnado verao dende un punto de vista infantil pero profundo. É unha obra moi amena que busca transmitir unha mensaxe moi importante que se debe inculcar dende moi cativos.
Conta con 64 páxinas, con pouca letra e moitas ilustracións. As súas tapas son brandas e contén solapas tanto na portada coma na contraportada. Na portada do libro aparece o nome da escritora e da ilustradora, o título, o nome da colección e a súa editorial. A portada vai acompañada dunha ilustración moi colorida sobre o protagonista do libro. Por outra banda, na contraportada só aparece un breve resume do contido da obra. Na primeira solapa móstrase unha breve biografía de Fina Casalderrey, mentres que na outra figuran as diversas obras escritas por ela para a colección “Merlín".
O contido da obra xira ao redor da historia dun señor maior, chamado Manuel, que vive só co seu gatiño. El xa non está acompañado pola súa muller xa que esta faleceu, e a súa filla traballa curando nenos en África. Todo vai ben ata que un día se decata de que empeza a sentir soidade, de que o sono non lle entra, de que xa non ten fame... A raíz disto, Manuel decide volver a encontrar a felicidade que perdera e pensa en escribir un cartel buscando unha nova familia con nenos. Nese cartel escribe: “¿Quen me quere adoptar? Busco familia con nenos.
Pasan os días e ninguén acode ao seu chamamento, el vai engadindo pequenos apuntamentos como que non busca cartos, para que así desta maneira sexa máis doado encontrar o que tanto desexa. Co paso do tempo, chega unha muller cun neno moi mal encarado, isto a Manuel non lle gusta, polo que decidiu rexeitalo. Con sorte un día unha boa muller asómase á súa porta e invítano á súa casiña coa súa familia. Manuel ao ver esa boa nova, acepta encantado e colle todas as súas cousas, ademais do gatiño, e marcha con eles. Chegou ao seu novo fogar a recibiu unha festa de benvida, as rapazas ensinábanlle os seus gustos, compartían o tempo con el e Manuel gozaba moito desa compañía. Alí nesa nova casa atopou todo aquilo que ansiaba e todo volveu á normalidade. O protagonista comezou a durmir polas noites, volveu a comer a súa merenda favorita e, o máis importante de todo, encontrou esa felicidade que tanto buscou.
En canto ás ilustracións da obra, a maioría das páxinas do libro están ocupadas por ilustracións e conteñen moi pouco texto. Son imaxes moi rechamantes e cheas de cores, ademais de ser moi grandes e vistosas. Estas acompañan moi ben o texto, xa que axudan a entendelo mellor. Son moi descritivas e podemos observar como son os personaxes e como vai acontecendo a historia.
¿Quen me quere adoptar? é un libro moi acaído para tratar cos nenos das idades indicadas. Na actualidade cando se fala de adopción, ninguén pensa neste tipo tratado no libro. O libro trata a adopción dunha persoa maior, algo que non é habitual no noso mundo e busca unha reflexión sobre as relacións familiares.
A soidade das persoas maiores é un tema moi importante na sociedade actual pola alta incidencia desta problemática, o cuestionamento da organización social e a falta de valoración das persoas que contribuíron a unha sociedade que no final das súas vida semella ignoralas. A autora mostra dunha forma humorística, sensible e delicada a temática, chamando a atención sobre o feito de que moitas persoas maiores buscan cariño nas súas familias pero non o atopan. É un tema pouco abordado en xeral e tamén nas obras infantís, que con lecturas coma esta poñen o foco en problemáticas que a infancia ten que coñecer e sobre as que debe reflexionar.
É un fermoso libro que busca chegar a todo aquel que o lea, tanto sexa un adulto ou unha persoa máis pequena. Os nenos lerán o libro sen entender moi ben o que intenta expresar, mentres que unha persoa máis desenvolta poderá sentir realmente o que transmite a autora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario