CASALDERREY, FINA (2016). O segredo
de Zoe (1º ed.). Ilust. Marina Seoane. Vigo: Tambre, col. Ala Delta, serie
vermella, n.º 23, 40 pp. (ISBN: 978-84-9046-145-7).
A obra que seleccionei titúlase O segredo de Zoe, un libro ilustrado que foi escrito por Fina
Casalderrey. É un conto que non lera pero que collín na biblioteca porque me
chamou a atención a relación do título e o resumo coa ilustración da cuberta, pois
aparentemente semella que non garden ningunha conexión, pero unha vez que les a
obra descobres que todo ten sentido.
Trátase dun libro ilustrado cun formato rectangular, cuxa
tapa é branda. Foi escrito e ilustrado por Fina Casalderrey e Marina Seoane,
respectivamente. Na esquina superior dereita encóntrase a o nome da editorial e
da serie á que pertence, neste caso a vermella. Xusto debaixo está o título da
obra, cuxa tipografía é a maior de toda a cuberta. A continuación sitúase o
nome da autora e da ilustradora, a pesar de que a primeira se encontre situada
por riba, teñen o mesmo tipo de tipografía, non xerando así ningunha xerarquía.
Na ilustración que cobre toda a cuberta atopamos a Zoe subida á cabina dun
barco pesqueiro, leva unha cana e parece que está tratando de coller algún
peixe.
Na contracuberta atopamos dous recadros en vermello, que
conteñen o resumo do libro e unha pequena bibliografía da autora, ademais de dous
en branco coa recomendación da idade e o código de barras. No lombo aparecen
escritos o título da obra, sobre un fondo branco, o nome da autora, sobre un
fondo vermello, e o número da serie á que pertence, o 23.
Unha vez que abrimos o libro temos unha folla en branco
con información da biblioteca á que pertence e, a continuación, están a páxina
de dereitos, con toda a información sobre o libro e a portada, cun recadro
igual ao da cuberta na que aparece a editorial, autora e ilustradora.
Segundo comezamos coa lectura observamos que a letra e o
vocabulario utilizado son acordes á idade recomendada (5 anos) e en ningún caso
a parte escrita emprega unha páxina enteira, se non que se divide e deixa maior
importancia para as imaxes. Ademais, destaca que non conta con numeración das
páxinas, xa que estarían tapados polos debuxos, e na última páxina atopamos
todos os títulos e autores da serie á que pertence esta obra.
Doutra banda, dicir que o libro conta cun narrador
omnisciente que ten un coñecemento total do que sucede e sucederá. Tamén,
resalta a musicalidade como un elemento que favorece a lectura, utilizada neste
caso cando Zoe canta cancións inventadas por ela mesma. E, por último, a importancia
das imaxes, que continuamente nos evocan ao mar pero o lector non sabe o porqué
ata o final da obra, é por isto que unha segunda lectura desta obra nos daría
unha visión diferente á da primeira vez.
O argumento da obra xira ao redor de Zoe, que unha noite se
pon diante do espello e debate consigo mesma se debe ou non darlle o seu
segredo a alguén, decide non facelo e agóchao no seu peto do seu anorak. Á mañá
seguinte atópase cun ovo de chocolate debaixo da súa almofada e cunha nota na
que lle prohiben comelo ata a merenda. Ela vai para a escola co seu abrigo e o
seu segredo gardado dentro. Protéxeo durante todo o día e non llo conta a ninguén,
incluso a súa nai pero, na hora da cea aparece unha persoa moi importante á cal
llo ensinará.
Este é un libro ilustrado que conta con imaxes a dobre
páxina que complementan á perfección a parte escrita. Na gran maioría delas
faise unha referencia ao mar, dende as cunchas no baño, as sabas da cama cos
debuxos de peixes, un barco de papel enriba da cama, o xoguete do ovo de
chocolate… unha clara metáfora que non entendemos ata que sabemos a profesión
do seu pai. A última imaxe foi a que máis me chamou a atención, conta cun
ratiño de xoguete que está observando o veleiro que traía o ovo de chocolate no
seu interior. Esta é unha clara metáfora final de toda a historia, o rato Pérez
ten que agardar a que chegue o barco e con el o mariñeiro para levar o seu
premio. Tamén recalco a harmonía e tonalidade das cores usadas en todas as
imaxes e o xogo cos cromatismos do mar.
En canto ás potencialidades, moitas nenas e nenos están
na mesma situación que Zoe, un dos seus membros da familia ten que ir traballar
e poden pasar semanas ou meses sen velos. Coa lectura deste libro podemos coñecer
o alumnado que se atopa nas mesmas circunstancias que a protagonista desta
historia e traballar que facer nestes momentos, poñernos na pel de Zoe e axudar
ás persoas que queremos a sentirse mellor. Tratamos así os sentimentos e a
relación e a confianza que poden sentir os pequenos coas persoas da súa
contorna. Ademais, este conto achéganos a múltiples temas para traballar nunha
aula como as viaxes, segredos, regalos, profesións…
Ningún comentario:
Publicar un comentario