Canosa, María & Padrón, Dani
(2012). Acuario. Ferrol: Embora, col. Fardel dos soños, [32 pp.]. (ISBN:
978-84-92644-44-5)
Escollín o álbum ilustrado Acuario de María Canosa para traballar con nenos e nenas de 6 a 8 anos. Seleccionei esta obra porque considero que é unha boa forma de acercar a poesía dunha forma divertida aos nenos e nenas dende idades temperás.
Álbum ilustrado impreso en papel e
encadernado en cartoné cunhas dimensións de 21x21 cm, polo tanto ten un formato
cadrado. Este libro é de tapa dura. Na cuberta podemos observar o título da
obra Acuario con letras grandes de cor azul sobre un fondo branco
e xusto debaixo do título vemos o nome da autora e do ilustrador ao mesmo
nivel. Na parte inferior está o nome da editorial. Con respecto á cuberta
podemos dicir que ten un fondo branco sobre o que destaca tanto o título coma
as burbullas e na parte esquerda vemos a unha rapaza colgada dun anzol. Coa
imaxe que nos ofrece a cuberta xa podemos intuír a temática da historia, pois o
título da obra incide no contido desta: un acuario que vai ser visitado por un
grupo de rapaces e grazas ao cal van ir coñecendo diversos peixes e animais
mariños ao longo da historia. A contracuberta presenta un fondo branco con
burbullas, ao igual que a cuberta, e ofrece outros títulos pertencentes á mesma
colección. Polo tanto, podemos dicir que existe continuidade entre a cuberta e
a contracuberta.
As gardas iniciais son de cor
vermella e nelas vemos un enorme buque no centro da páxina e ao redor aos
protagonistas en diversas escenas: vestidos de piratas, abrindo cofres... Estas
son ilustracións que se nos van mostrar no seu interior. As gardas finais
seguen a ser de cor vermella e nelas móstransenos as ilustracións dos peixes
que aparecen e son mencionados ao longo da historia. A portada móstranos a
mesma imaxe ca a cuberta.
No interior da obra atopámonos cun
texto en verso. Estes versos con rima teñen como obxectivo suscitar o interese
do espectador, neste caso dos nenos. O texto sempre se atopa á esquerda sobre
un fondo de cor, a cal varía segundo o peixe ao que se refira a
correspondente composición poética. O nome do peixe aparece nun cartel en letra
maiúscula e grosa colgado dun anzol. Coma o texto está á esquerda, no que imos
centrar a ollada ao pasar as páxinas vai ser nas ilustracións dos peixes e
moluscos que aparecen á dereita sobre un fondo branco. Estas ilustracións son
moi coloridas e van ser moi semellantes á realidade. Os animais mariños
representados en cada páxina van estar humanizados, aínda que se distinguen as
características propias de cada un. En resumo, son imaxes sinxelas que van
axudar a unha mellor comprensión do texto.
O álbum comeza falando de Marta,
Xoán e os seus amigos e do seu interese por coñecer máis sobre o fondo mariño,
mais como non se poden meter no mar van ir facer unha visita ao acuario.
Nel observarán aos peixes e inventarán historias cheas de piratas e
tesouros. Grazas a esa visita, vanse achegar máis ao mundo mariño e coñecerán
múltiples especies e as súas características máis destacables.
En canto ás potencialidades da obra,
cabe sinalar que permite achegar aos cativos e cativas á poesía dunha forma
divertida. Os versos desta obra son sinxelos e permitirannos traballar cun
vocabulario relacionado co fondo mariño e coas súas especies, aprendendo o nome
de diversos animais. Polo tanto, o tema da diversidade de animais e as súas
características vai estar moi presente nesta obra. Ademais, estes versos
musicais poden ser cantados polos nenos e nenas, de xeito que adquiran os
coñecementos dunha forma máis amena e divertida.
En resumo, con este álbum ilustrado
os nenos e nenas van coñecer o noso patrimonio mariño e tomarán conciencia da
riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do noso litoral.
Entre os recursos de interese cabe
sinalar estes:
- Anuncio da representación en Narón dunha peza de
teatro baseada neste poemario e representada polo grupo de teatro
Ghazafellos: https://www.cultura.gal/es/evento/55686/158/62182
- CEIP Coirón Dena (16 de xuño de 2013). Adiviñas
do mar (canción realizada polas nenas e nenos de 2º de Educación Primaria
a partir do poemario de María Canosa. Recuperado de: https://youtu.be/vl74uxpYXD8
- BiblioBn (6 de
febreiro de 2018). Martes-Poesía Express: Acuario. Reprodúcese
algún dos poemas de Acuario. Recuperado de: http://bibliobn.blogspot.com/2018/02/martes-poesia-express-acuario.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario