luns, 16 de novembro de 2020

ZOA E AZOR

 

ALFAYA, AN (2006). Zoa e Azor. Ilust. Montse Español. Vigo: Tambre, col. Ala Delta, serie verde, nº 14, 125 pp. (ISBN: 978-84-88681-47-8).

 

Esta recensión crítica está dedicada á unha das obras da autora An Alfaya, a cal é unha escritora galega recoñecida. Da súa longa traxectoria ao redor da produción infanto-xuvenil escollín Zoa e Azor, unha obra publicada en 2006 e recoñecida cos premios Frei Martín Sarmiento e Ala Delta. Entre as razóns para a escolla da lectura desta obra para a Educación Primaria, destacamos as diversas temáticas que deben comprender e analizar os nenos e nenas nesta etapa educativa como poden ser a marxinalidade, a cal pode derivar en acoso; a amizade e a lealdade, o maltrato animal fronte o coidado deste, as responsabilidades, a envexa, a educación tradicional centrada máis nos contidos básicos como son as matemáticas fronte á educación moderna, a cal é máis creativa, ou as tradicións galegas, como pode ser a matanza do porco e as diversas mentalidades da sociedade na que vivimos, entre outras. Así mesmo, este libro pode ser unha ferramenta moi útil para o futuro e actual profesorado atopándonos nunha mesma obra dous tipos de textos literarios, como son, o texto narrativo e o texto poético. Do mesmo xeito, o alumnado poderá traballar con todas as temáticas tratadas e aprenderá léxico novo, de forma que a lectura sexa unha actividade enriquecedora para todos eles e elas.

A continuación, se describimos o formato, trátase dun libro de tapa branda, é dicir, que a súa encadernación é rústica. Está composto por diversas partes como son: o lombo do libro, onde observamos o nome da autora, o título da obra, a serie á que pertence, neste caso é a serie verde e nos indica que é unha obra recomendada para o alumnado que teña 10 anos en diante e a editorial, Tambre. Na miña opinión, esta obra aínda que a editorial recomenda a idade de lectura a partir dos 10 anos, eu diría que é unha obra que incluso se pode traballar en secundaria debido á súa complexidade de léxico e o xogo que crea de textos literarios.

Se falamos da cuberta, nela destaca a ilustración dun rapaz cos ollos azuis e o cabelo louro, xunto a dous cabalos, un branco con manchas e outro marrón claro. A imaxe que amosa a tapa é agarimosa. Ademais, a paleta de cores que utiliza a ilustradora consegue incluso unir máis ás tres figuras, polo que expresa unha posible amizade entre elas. Só con ver a tapa os nenos e nenas terán unha idea sobre a temática do libro. Logo, tamén nos atopamos á contracuberta de tan só dúas cores, verde e branca, onde encontramos un breve resumo da historia e unhas notas biográficas da autora, ademais do ISBN e da idade recomendada do libro.

Outra parte que ten grande importancia nunha obra, son as súas gardas, xa que estas algunhas veces nos desvelan algún detalle da historia, neste caso, todas as gardas están en branco. Antes de descubrir a lectura, cruzámonos coa portada, onde está o título da obra, o nome da autora e coñecemos por primeira vez o nome da ilustradora, neste caso Montse Español.

Se nos introducimos dentro da historia, podemos ver que é un libro no que a meirande parte está composta por texto, onde se agochan diversos diálogos entre personaxes e poemas que expresan os sentimentos destes. Aínda que tamén ten ilustracións en branco e negro e están situadas tanto no lado dereito coma esquerdo da páxina, intercalando as posicións segundo o capítulo no que nos atopemos. Estas ilustracións vannos axudar a entender mellor a lectura e a poñerlle cara aos personaxes. Ademais, estas teñen unha trazada sinxela e grosa e os debuxos son infantís. Así mesmo, podemos comentar que son pouco realistas e pouco elaboradas. A ilustradora nos diversos debuxos que elabora marca con un ton máis escuro os trazos que quere destacar nese momento. En definitiva, tanto texto como imaxes compleméntanse formando a historia que explicaremos deseguido.

Zoa e Azor conta a historia dun cativo chamado Silvano que se sente diferente a todos os rapaces e rapazas da vila onde vive. El é un neno sensible, creativo, ao que lle gusta ler e escribir poesía, en cambio ao resto de compañeiros/as, entre eles o seu curmán, gústanlle as matemáticas, o fútbol ou axudar nas tradicións da familia como a matanza do porco, entre outros.

Ao ser un neno diferente e solitario, métense con el e séntese incomprendido tanto na aula como pola súa familia, xa que ninguén entende que non lle poidan gustar outras cousas como é o xénero poético. Ata que un día un forasteiro chega á cidade cun fermoso cabalo, a partir dese momento a historia cambia porque este forasteiro é o dono dunha compañía de teatro, ademais de tamén escribir poesía. Tanto o protagonista coma o forasteiro identifícanse un co outro. O rapaz vai conseguir introducirse nese mundo marabilloso e descoñecido para el, como é o teatro, e deixar a marxinalidade de lado. A pesar disto o sentimento de envexa aparece na historia debido a que o curmán de Silvano quere seguir sendo o centro de atención.

Entre os acontecementos relacionados cos cabalos, Azor e Zoa, Silvano perderá as amizades gañadas e volverá á marxinalidade, aínda que sairá vitorioso, posto que descobre que o seu profesor o comprende e ten similitudes con el. Así pois, a compañía da egua Zoa e a esperanza de volver ver as súas amizades do teatro van crear un ambiente esperanzador para o protagonista, a pesar de non aclarar a autora o que vai ocorrer con certeza no futuro.

Como podemos ler no resumo é unha historia sentimental, onde os nenos e nenas poderán sentirse identificados con algún dos personaxes e a autora invítanos a seguir lendo para coñecer o final e saber que ocorre con eles.

Por último, nomear que existen unha serie de recursos en liña de acceso aberto sobre a obra escollida, os cales poden ser beneficiosos para traballar na aula, como é o caso do libro con actividades sobre a lectura divididas por fases que se pode atopar en: https://docplayer.com.br/93423546-Ala-delta-plan-lector-tambre-zoa-e-azor-an-alfaya-ilustracions-montse-espanol.html

É de interese o blog dunha mestra que ensina a visita da autora An Alfaya, o centro e como os nenos e nenas decoraron a súa chegada con debuxos da obra Zoa e Azor . O enlace para acceder a este blog é: https://endlmarcosdaportela.blogspot.com/2019_04_28_archive.html?m=0


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...