Pérez, David (2016). Todo o tempo do mundo. Ilust. Marcos Viso. Vigo: Xerais, col. Merlín, n.º 18, 184 pp. (ISBN: 978-84-9121-102-0)
Breve descrición do formato e contido: libro de David Pérez Iglesias, con ilustracións de Marcos Viso, de formato rectangular (13,50 x 19,00 cm), rústico cosido a fío, con solapas e de tapa branda. Con respecto á cuberta, presenta o título na parte superior en letras grandes e negras dentro dun cadro, acompañado do nome do autor e do ilustrador, ademais tamén ten un debuxo feito a acrílico nun ton sepia no que aparece a protagonista co can do seu avó. Con respecto á contracuberta, observamos que é toda de cor azul, e contén unha breve sinopse en letras de cor negra na que invita ao lectorado a ler o libro. Por outra parte, na solapa da cuberta podemos ver que é de cor azul ceo e nela encontramos unha fotografía a cor do autor e unha breve biografía deste e do ilustrador. Na solapa da contracuberta, tamén de cor azul, encontramos os últimos premios da colección que neste caso é Merlín. A portada é igual cá cuberta, pero neste caso é todo a branco e negro, co nome da colección na parte superior, e dentro dun cadro branco o título, o nome do autor e o ilustrador, mentres que á dereita, debaixo do cadro, aparece a referencia ao premio e o nome da editorial.
No interior do volume observamos algunhas ilustracións con diferentes escenas, dende algún retrato, de paisaxes, de obxectos, e noutras aparecen ata os protagonistas nun plano enteiro, pero todas elas son nun ton sepia e feitas con acrílico. Con respecto á letra, podemos dicir que é de tamaño medio, de cor negra e moi clara.
Dende o punto de vista do argumento, a obra relata unha bonita historia dunha nena chamada Ariadna e o seu avó Valente. Ariadna vivía nun pobo de Galicia, ata que os seus pais son despedidos no traballo e teñen que emigrar a Canadá, polo que ela é levada á casa do seu avó ata que poidan levala con eles. Alí un pouco desubicada, xa que todo lle era raro, case non había nenos, non había televisión, faltáballe cousas da súa casa… ela axudaba ao seu avó a apañar a leira, a facer as cousas da casa, a comida, pastar as vacas…. Ían pasando os días e Ariadna ía adaptándose e cada vez o pasaba mellor, descubría e aprendía moitas cousas que na súa casa non facía. Un día decidiu ir visitar unha casa abandonada e tivo un pequeno accidente, abriu a cabeza e tiveron que levala a urxencias e o avó sempre estivo ao seu carón, nunca se separou dela. Chegaron as festas do pobo e, coma todos os anos, Valente tocaba o acordeón na misa, ese día saíron con tempo da casa, ían a pé, para que Ariadna puidera ver o resto da aldea. Cando Valente acabou de tocar foi buscar a súa neta que quedara cunhas mulleres e ensinoulle unha pedra que estaba chea de nomes e de anos, o avó explicoulle que cando era a primeira vez que se estaba alí, a xente puña o seu nome e cando ía ser a ultima púñase o ano. Ariadna puxo o seu nome e Valente escribiu 2015, xa que ía ser o seu ultimo ano, máis ela non o entendía moi ben. Esa noite os pais chamaron para dicirlles que non lle quedaba moito tempo alí, pronto tiña que marchar para Canadá, polo que intentou desfrutar os últimos días e non se separou do seu avó. O día antes de marchar foi despedirse de Ramón, un dos poucos nenos que había por alí. Esa madrugada Mario, o pescadeiro, que era quen os levaba ao aeroporto, recolleunos na casa, foi un traxecto moi longo, en canto chegaron facturaron as maletas e Ariadna despediuse do seu avó, estaba triste, pero prometeulle que algún dia ía volver á aldea e que se el xa non estaba, sempre o ía recordar, e ía a facer todas as cousas que lle ensinou.
Potencialidades: a lectura deste libro ten entre as súas potencialidades a de fomentar o respecto pola natureza, o coidado dos animais, do campo… Ademais, ao dirixirse directamente ao lector, fai que este se somerxa na historia. Tamén cabe destacar un tema bastante importante e que se podería falar na clase, como é o tema da emigración. Creo que é algo importante e que os nenos e nenas teñen que darse conta do que existe no mundo, onde ás veces non todo vai ben. Podemos destacar tamén a amizade que ten Ariadna co seu avó, como algo transcendental e que inflúe en gran medida nas vidas das persoas. Tamén podemos traballar o proceso de crecemento e maduración e como as cousas que facemos dende pequenos poden influír no noso futuro. Por último, podemos tratar o tema das emocións, xa que Ariadna sempre vía ao seu avó apagado, nunca lle contaba case nada e a ela iso púñaa triste, ou os sentimentos que a embargaban cando tivo que marchar.
Recursos:
«Todo o tempo do mundo» de David Pérez Iglesias, premio Merlín de LIteratura Infantil 2016. (2016, 5 junio). Xerais. https://blog.xerais.gal/todo-o-tempo-do-mundo-de-david-perez-iglesias-premio-merlin-de-literatura-infantil-2016/
García Fernández, A., & García Teijeiro, A. (2017). REMUÍÑO DE LIBROS (6) «Todo o tempo do mundo», de David Pérez Iglesias. Versos e aloumiños. http://garciateijeiro.blogspot.com/2017/01/remuino-de-libros-6-todo-o-tempo-do.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario