Casalderrey, Fina e Seoane, Marina (2006). Un día de caca e vaca. Alzira: Algar, col Cartera de Valores, n.º 4, 29 pp. (ISBN: 978-84-96526-55-6).
Trátase dun libro de tapa branda. Na parte superior da cuberta aparece o nome da autora (Fina Casalderrey) e da ilustradora (Marina Seoane) na mesma liña e co mesmo tipo e tamaño de letra. Debaixo delas aparece o título do libro nun tamaño máis grande. Nunha esquina do título podemos observar cal é a editorial e a colección á que pertence. Por último, debaixo do título observamos unha ilustración dunha muller collendo no colo a un neno ou nena (dando a supor que son nai en fill@).
O libro non presenta gardas entre a cuberta e a páxina de título de créditos, na que volve aparecer a autora, a ilustradora, a editorial, a colección e o título, ademais do selo da biblioteca da universidade, onde foi emprestado o libro. Na seguinte páxina comeza o conto. Tódalas páxinas conteñen grandes ilustracións que presentan desbordamento, estas ilustración son moi coloridas, xa que se utilizan cores vivas en contraposición coas cores máis pastel do fondo. Debúxase a protagonista de maneira andróxina para que non poidamos adiviñar cal é o seu xénero ata o final. As ilustracións acompañan ao texto describindo o que conta a historia. Sen elas o conto seguiría tendo sentido máis axúdanos a entender algúns detalles. Polo contrario, as ilustracións sen texto carecerían de significado, non conseguirían expresar a historia que se quere contar. O texto aparece indistintamente na páxina dereita ou esquerda, máis sempre ocupando unha soa. Nalgunhas ocasións preséntase encima das ilustracións.
As dúas páxinas seguintes ao final do conto conteñen un texto sobre os dereitos dos nenos e a igualdade entre todos e todas, acompañado dunhas ilustración con nenos e nenas facendo diferentes labores. A seguinte folla trátase da páxina de créditos, e , por último, a contraportada, onde aparece unha breve sinopse da historia, unha ilustración que tamén podemos encontrar na interior do conto, os títulos de toda a colección, a editorial á que pertence e o ISBN. Finalmente no lombo do libro aparece o título da obra e o número ao que pertence na colección.
A historia trata sobre Alex, unha nena de curta idade que convive con Cruz e Andrea, que a queren moito. Un día, Alex vai de excursión co seu colexio e na viaxe en autobús descobren que a nosa protagonista pisou feces, polo que se alborota toda a clase. Despois da excursión, na viaxe de volta, o autobús ten un accidente ao atropelar unha vaca e os nenos asústanse e preocúpanse por un neno ferido. Unha vez que todos os problemas son solucionados, chegan ás súas respectivas casas e Alex, feliz por regresar con seus pais, descóbrenos que Cruz é a súa nai e Andrea o seu pai, ademais de que ela é unha nena chamada Alexandra.
A lectura desta obra é recomendable para todos os cursos a partir de 2º de Educación Primaria, polas múltiples potencialidades que permite desenvolver, entre elas a reflexión sobre os roles de xénero, os estereotipos e prexuízos que a estas idades xa teñen interiorizados nenos a nenas sobre as expectativas de homes e mulleres na sociedade.
No contexto educativo e tendo en conta o currículo, a lectura de Un día de caca e vaca pode abordarse na materia de lingua e literatura, no Bloque 2: comunicación escrita: ler, para traballar estándares de aprendizaxe como a descodificación axeitada na lectura de diferentes clases de textos (neste caso, dun conto); a lectura de textos sinxelos en voz alta coa velocidade correcta e o amosamento de interese pola lectura como medio de comunicación, de aprendizaxe e de lecer. Pola súa banda, na materia de valores sociais e cívicos, no Bloque 3: a convivencia e os valores sociais, os estándares que se poden traballar son: o respecto á igualdade dos dereitos dos nenos e nenas no xogo e o emprego de xoguetes; e a colaboración cos compañeiros indiferentemente do seu sexo en diferentes situacións escolares. Xa dende unha perspectiva transversal, tamén se poderán traballar as normas viarias básicas.
Entre os recursos nos que aparece citada a obra cabe sinalar unha entrevista a Fina Casalderrey pola concesión dos Premios da Cultura Galega 2015 na que fala da súa obra e que se pode atopar en RAG (2015). “A auténtica literatura infantil admite lecturas diferentes a distintas idades”, recuperado da páxina da Real Academia Galega. tamén é de interese consultar a propia páxina web que ten a autora: https://fina.casalderrey.com/.
Ningún comentario:
Publicar un comentario