mércores, 30 de decembro de 2020

 

A historia do RAINBOW WARRIOR.






Martínez, Rocío (2008). A historia do RAINBOW WARRIOR, trad. Laura Almazán. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Maremar [36 pp.]. (ISBN 978-84-8464-671-6).

            A autora e ilustradora do libro, Rocío Martínez, licenciada en Belas Artes, conta con numerosos premios e recoñecementos na súa traxectoria profesional no ámbito da ilustración de libros infantís e xuvenís. Con este libro amosa unha evolución cualitativa no seu percorrido artístico.

            A editorial do libro Kalandraka, inclúe este libro dentro da colección “Maremar”, álbums ilustrados, dirixida a  lectores autónomos.

            O libro está encadernado en tapa dura e as páxinas están encoladas ao lombo, estas teñen unha dimensión de 22x28 cm. Na impresión do libro empregáronse follas de papel reciclado, fabricadas a partir de madeira procedente de plantacións ambientais sostibles, polo que Greenpeace aprobou a publicación da obra, xa que cumpre cos requisitos do proxecto “Libro Amigo do Bosque”.

            Este recoñecemento aparece na cuberta do libro, nela amósase tamén unha imaxe a toda cor do barco, e arredor del preséntanse parte dos personaxes que aparecerán ao longo da historia: golfiños, baleas, habitantes de illas… É preciso resaltar que non existe unha continuidade entre a cuberta e a contracuberta, xa que nesta última se recolle unha imaxe dun mapamundi, onde se pode ver a cantidade de espazo que ocupan os océanos na Terra e pode interpretarse como un chamamento á reflexión do ser humano para conciencialo sobre o seu coidado.

            En canto ao texto do libro, destaca polo emprego dunha linguaxe sinxela que lles axuda aos nenos e nenas a comprender unha historia sensible sobre a importancia do mantemento dos ecosistemas do planeta , a pesar de estar cargada de matices ideolóxicos está adaptada ás súas idades de xeito que favorece a súa comprensión. O tipo de letra empregado, o uso das minúsculas, a idea de resaltar os diálogos en letra grosa e a posición do texto no relato, tanto mesturado coas ilustracións como a toda páxina, favorecen unha lectura fluída e  independente do alumnado.

            Por último en canto ao formato, un dato importante é que ao final do libro se engade un despregable cos fitos máis importantes do barco, recollidos en orde cronolóxica, onde se poden analizar todas as súas accións.                                     

            O relato comeza coa presentación de dúas baleas, nai e filla, que viaxaban polo mar dispostas a chegar aos mares do sur. A viaxe ía ser moi longa e a balea pequena lacazaneaba, a nai empurraba nela suavemente, mentres lle contaba a historia do Guerreiro do Arco da Vella, máis coñecido como Rainbow Warrior. A filla por non perder o fío da historia comezou a nadar máis a présa, escoitando abraiada o que dicía a súa nai.

            A historia do Rainbow Warrior xorde dunha profecía india, da tribo dos Cree. Na profecía falábase dunha paisaxe terrible para os animais, onde os seus hábitats, os mares e os ceos estarían contaminados, o que derivaría na extinción e morte de moitas especies. Ao fin desta predición, os Cree prognosticaron que homes e mulleres de tódalas razas e aldeas se unirían para loitar contra a destrución da Terra, o que provocou que a asociación Greenpeace puxese en marcha o proxecto do Rainbow Warrior.

            Este proxecto parte da reconstrución dun barco vello, froito do traballo en equipo de moitas persoas, onde os seus tripulantes loitan pola defensa das baleas, das focas, peixes e demais animais que habitan os mares. Do mesmo xeito tamén se implican na defensa das augas, na súa limpeza, na protesta contra os vertidos tóxicos e na construción de petroleiras no medio do mar.

            O guerreiro do Arco da Vella converteuse nun emblema de concienciación sobre a pesca furtiva, a caza ilegal de baleas e focas e a protección da flora e da fauna mariña, e neste libro adáptanse as fazañas realizadas polos ecoloxistas para contarllas aos cativos, sen pararse a describir polo miúdo as leis que moitos países aprobaron para facer fronte a todas estas problemáticas.

            Aínda que xa fai máis de 21 anos que aquel barco se atopa no fondo do mar, coma se fose un arrecife artificial, a súa causa segue viva e o seu sucesor, o barco Rainbow Warrior III continúa a loitar polas especies máis indefensas.

            En relación coas ilustracións, no libro a autora alterna debuxos realistas do mar e dos animais mariños, con imaxes simbólicas, onde as siluetas dos animais serven de soporte para relatar visualmente a loita de Greenpeace na defensa das especies e do mar.

            Estas imaxes presentan unha gran plasticidade. As técnicas empregadas na ilustración combinan un elegante manexo da pintura, debuxos a toda cor, con liñas e trazos moi finos e minuciosos para rodear as formas.

            No concernente ás potencialidades a obra está pensada e escrita para traballar cun alumnado de entre os 8 e os 12 anos. En función do establecido no Decreto da Educación Primaria e respecto á materia de Didáctica da lingua e da literatura Galega, é moi axeitada para traballar no 2ºcurso, xa que nos diversos bloques de contidos nos que se atopa dividida esta materia atópanse contidos e estándares que se poden desenvolver a través do tratamento deste libro.

            A historia relatada permite o tratamento da educación medioambiental dentro da aula, este é un tema transversal que debe traballarse de xeito globalizado, a través de todas as materias e que pola súa idiosincrasia favorece a concienciación medioambiental, o coñecemento ecolóxico e a adquisición de actitudes e valores comprometidos co medio ambiente, cun uso racional dos recursos. Isto vai contribuír á adquisición do concepto de desenvolvemento sostible, a través da compresión da linguaxe escrita do texto. Empregando a lectura como recurso, serán capaces de extraer as súas ideas principais, poderán interpretar a información exposta, as ilustracións e sacar as súas propias conclusións.

            A competencia lectora ademais de mellorar a comprensión do alumnado, debe ser tratada na aula de xeito diario, co emprego da biblioteca como recurso, facilitando o seu uso como instrumento cotián, accedendo a ela para a busca de información complementaria dos contidos tratados en dicionarios, enciclopedias, xornais… isto seralles de grande axuda para desenvolverse dentro da sociedade, para ir á biblioteca do concello e ter unha idea previa de como funciona e  para saber coidar e conservar os libros.

            A adquisición da competencia oral, coa participación nas conversas entre iguais, o desenvolvemento da escoita activa, o respecto das quendas de palabra e o respecto das opinións alleas son unha das potencialidades da obra. Debido á súa temática presente na vida real,  os nenos/as poden falar das súas experiencias persoais en canto á reciclaxe, a redución do gasto enerxético, limpeza do medio… a súa participación en debates, faladoiros, sobre cales son as mellores opcións para axudar a coidar o mundo axudaranlles a desenvolver o pensamento crítico e a súa capacidade de expresión comunicativa.

            Con respecto á escritura e ao coñecemento da lingua, estas son dúas destrezas que poden traballarse de xeito paralelo, coa reinterpretación da obra, mediante a elaboración de cancións, poemas ou adiviñas baseados na historia central do Rainbown, tentarase potenciar a creatividade dos cativos … isto, vai a axudarlles a elaborar textos de xeito correcto con coherencia e cohesión, empregando o uso da linguaxe verbal e a non verbal, a corrección das normas ortográficas e o emprego dos signos de puntuación. Procurarase que expresen as súas emocións a partir de diferentes textos, e as amosen a través da participación en lecturas ou interpretacións dramatizadas.

            Esta obra é vantaxosa para axudar a desenvolver a competencia literaria do alumnado, coa recreación e interpretación deses textos elaborados por eles mesmos procurarase que os valoren como fonte de goce persoal, xa que ademais de potenciar á animación á lectura e á escritura tamén serven para favorecer a lectura autónoma e independente, tanto en voz alta como en silencio. Polo tanto axudaralles a valorizar a literatura como un dos principais medios de comunicación.

            Ademais de todo o exposto, esta obra contén unha historia real, cargada de valores e podería empregarse para crear no alumnado a conciencia social e cidadá.  Como consecuencia da explosión onde se afundiu o barco, morreu un fotografo e foi o detonante para que en moitos países se aprobasen medidas para protexer o planeta. Con esta información nenos/as poden reflexionar, debater e analizar as consecuencias dos actos humanos tanto para o planeta como para nós mesmos como especie.

            Por último, esta obra conta cun valor engadido e é que existen un gran número de recursos en liña para traballar con ela dentro da aula, entre os máis interesantes recóllense os seguintes enlaces:

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...