mércores, 30 de decembro de 2020

Vanesa non quere ser princesa


 


PEROZO, XOSÉ A. (2004). Vanesa non quere ser princesa.  Ilust. Xaime Asensi. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco,  col. Contar x contar, 35 pp. (ISBN: 84-9471-871-1).

 

Libro ilustrado de Xosé Antonio Perozo e Xaime Asensi, de tapa dura, de 21 cm x 21 cm aprox. e ten 35 páxinas. Na cuberta presenta unha imaxe dunha nena vestida de astronauta e nun contexto que semella o espazo exterior que acena cara ao lectorado en actitude alegre, mentres se observan múltiples estrelas ao fondo. Na parte superior aparece o título da obra e debaixo os nomes dos autores.

Dende o punto de vista do contido, a historia xira ao redor do soño da nai de Vanesa, que quere que súa filla sexa unha princesa. Por iso chamou ás fadas dos contos para facelo realidade. O problema xurdiu cando a máis vella de todas decidiu que a nena puidese elixir por si mesma o que ía ser. Vanesa quixo ser mestra, doutora, arquitecta, xuíza, xornalista, actriz, astronauta e escritora, pero non princesa. Vanesa quixo ser libre.

As ilustracións de Xaime Asensi acompañan o texto e serven de aporte de información adicional á do texto. Podemos observar que as imaxes que aparecen nas páxinas están formadas por cores vivas, que ao meu modo de ver, representan a vida en si mesma, as ganas de explorar libremente o mundo, sen que ninguén poña límites a esa exploración. En cada imaxe aparece Vanesa vestida da profesión que elixe ese día. Polo xeral, móstrase a unha Vanesa feliz descubrindo oficios novos día a día. Baixo o meu punto de vista, este aspecto é importante xa que se representa á nena como unha persoa alegre que desfruta xogando e querendo ser algo distinto cada día, tal como debería ser a infancia feliz dun neno ou nena, xogando.

Entre as potencialidades da lectura desta obra moi axeitada para nenas e nenos de educación primaria estarían a reflexión sobre a importancia da coeducación, as expectativas de futuro de ambos os xéneros e a relación entre os adultos e a infancia. Hoxe en día é habitual que a xente siga asignando roles aos nenos. Se es neno tenche que gustar o fútbol e se es nena, as bonecas. Os nenos son listos e as nenas “bueniñas”. Son construtos sociais cos que convivimos. Incluso a publicidade de xoguetes infantís segue a día de hoxe promocionando estes falsos estándares. Por isto paréceme axeitada esta temática para os libros infantís, xa que debemos inculcarlle aos nenos e nenas desde pequenas que todos somos distintos, que a diversidade é boa. As nenas poden xogar ao fútbol igual ou mellor que os homes, estes poden levar vestidos… Son cousas que hoxe en día parecen obvias, pero non o son tanto, por exemplo para a xente que viviu na ditadura. É importante tratar na escola os roles de xénero para educar a nenos e nenas por igual e libremente.

Entre os recursos en liña sobre a obra cabe destacar un vídeo no que unha mestra lle conta o conto á súa clase, moi recomendable ler para o alumnado: h ttps://youtu.be/I3e9k9yKb8k

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...