mércores, 23 de decembro de 2020

A lagoa das nenas mudas




CASALDERREY, FINA (2006). A lagoa das nenas mudas. Ilust. Patricia Castelao. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Sopa de libros, serie verde, nº 33, 123 pp (ISBN: 978-84-9782-521-4).


A obra presenta un formato de tapa branda, cunha cuberta na que aparecen cores claras nunha única imaxe relacionada coa historia do libro. Na imaxe pódese observar a unha nena de pel morena e cun vestido/camisón rosa, de xeonllos apoiada nunha cama a escribir unha carta. A partir da metade da cuberta cara a arriba está ocupada por texto: na parte superior aparece facendo esquina o nome da colección “Sopa de libros” en maiúsculas mais o logotipo, debaixo deste, o nome da editorial en maiúsculas; no centro primeiramente encontramos o nome da autora en minúscula e debaixo o título nun tamaño de texto máis pronunciado; e por último, o nome da ilustradora debaixo do título en minúscula.

O argumento da obra céntrase na historia dunha nena nixeriana, Amina Nwapa, que se muda a Galicia coa súa nai e comeza o colexio onde pouco a pouco se fai querer polos seus compañeiros e compañeiras. Mentres, de forma paralela, Amina comunícase con Edu (curmá) a través de cartas onde lle conta todo o que aprende, os costumes e tradicións galegas, o seu día a día…

As ilustracións aparecen nas páxinas impares ocupando a totalidade do espazo. Están presentes as tonalidades escuras e apagadas, as cores amarelas, azuis e marróns. O tamaño do texto adoita ser igual, agás nos títulos dos capítulos (14 capítulos) que é de maior tamaño e en letra maiúscula. Outra excepción é o tipo de letra que aparece cando Amina escribe as cartas, xa que é unha letra máis cursiva e máis escura.

Entre as potencialidades da lectura desta obra, cabe destacar a importancia de valores como a inclusión, a igualdade e o respecto, a empatía, a humildade etc. Tamén a potencialidade das imaxes, os debuxos e todo o que poden transmitir e comunicar; a comunicación verbal e non verbal, a valoración do que se ten, o esforzo e a ilusión dos cambios e os novos comezos, a emigración, os prexuízos, as diferentes culturas e costumes…


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...