Moure, Anxo & Ouro, Cristina (2017). A xacia Luviñas. A Coruña: Baía Edicións, col. ContoxConto, [25 pp.]. (ISBN: 978-84-9995-217-8).
Escollín o álbum ilustrado A xacia Luviñas de Anxo Moure e Cristina Ouro para traballar con nenos e nenas de 6 a 8 anos. Decanteime por esta obra pois considero que trata temas moi importantes como a contaminación e creo que é necesario que o lectorado tome conciencia da importancia de coidar o noso planeta xa dende idades temperás
A xacia Luviñas é un álbum ilustrado recomendado para nenos e nenas de 6
a 8 anos que está impreso en papel e encadernado en cartoné. Na cuberta,
mirando por orde dende a parte superior á parte inferior, atopamos o título da
obra A xacia Luviñas en letras
grandes de cor amarela sobre un fondo verde e, xusto debaixo á dereita, o nome
do autor e o nome da ilustradora. Ambos os nomes aparecen escritos nunha letra
máis pequena cá do título e en cor branca, polo que non é tan rechamante coma a
deste. Na parte inferior podemos observar o nome da editorial co seu respectivo
logo e, á dereita o nome da colección, “contoxconto”.
Con respecto á cuberta, podemos dicir que no centro vemos a imaxe dunha xacia
chorando, muller que ten a metade inferior dun peixe e a metade superior
humana. Esta muller que ocupa a maior parte da cuberta e se atopa sobre un
fondo verde, o cal representa un bosque, vai ser quen lle dea título á obra.
Ademais, a cuberta revela unha das imaxes que se poderá ver máis adiante no
corpo do libro.
A contracuberta presenta a imaxe dunha paisaxe natural, un bosque onde
vemos unhas montañas ao fondo, árbores verdes e un río. No centro desta podemos
ler a frase: “Existe un país con mil ríos que desembocan cantando no mar”.
Tanto a cuberta como a contracuberta fannos intuír como serán as ilustracións
que atoparemos ao longo de todo o volume e podemos dicir que existe relación
entre ambas pois as xacias viven nos ríos.
Esta obra non posúe gardas polo que tras a cuberta atopamos a páxina de
créditos a cal, ademais de conter os datos de edición, comeza cunha cita da
obra Cantares Gallegos de Rosalía de
Castro.
«…durmo na beira das fontes,
durmo na beira dos regos,
durmo na punta dos montes»
A portada ofrécenos a mesma información cá cuberta pois volve aparecer o
título da obra, o nome do autor e da ilustradora, a editorial e a colección
sobre un fondo branco. Baixo esa información observamos un círculo coa mesma ilustración
cá da cuberta, a xacia chorando. O libro finaliza da mesma maneira pois, na
última folla volve aparecer un círculo cunha das imaxes que atopamos no corpo
do libro, neste caso uns nenos abrazando unha árbore. Polo tanto, atopamos
certa relación entre ambas as ilustracións e a trama da obra.
No interior da obra atopámonos cun texto cuxa letra é manuscrita. Ademais,
é un relato rimado que busca suscitar o interese e captar a atención do
lector/a. En case todo o álbum, o fondo é de cores azuis e verdes e as
ilustracións son a toda páxina. Estas ilustracións son realistas, aínda que
algún elemento da natureza, coma as árbores, está humanizado. Así mesmo,
destacan por ser moi vistosas debido ás cores que emprega e semella que están
pintadas con lapis de cores e ceras. As ilustracións convidan a deterse e
fixarse en cada un dos elementos presentes e reforzan e clarifican o que se
narra no texto, facilitando a interpretación da obra.
O álbum conta a historia dun barqueiriño que “andaba buscando a paz e os
ríos e mais os bosques quería amar”. Cando ía navegando polo río Miño, atopou
con Luviñas, a xacia que dá as cariciñas. A xacia estaba triste porque alguén ensuciara
os ríos, queimara as árbores e armara guerras e o barqueiriño vai tentar
axudala recollendo o lixo dos ríos e plantando árbores para que Luviñas estea
máis contenta. Esta obra vai ensinarlle aos nenos e nenas a coidar os ríos e os
bosques, a non pelexar e a acariñar.
Grazas a este libro podemos achegar aos máis cativos e cativas á mitoloxía
grega galega a través da figura da xacia Luviñas. Por outra banda, tamén
podemos ensinarlle aos cativos a hidrografía galega dunha forma máis lúdica e
falar de temas como a contaminación dos ríos e a queima das árbores; inculcándolle
valores como o coidado e o respecto do medio ambiente. Así mesmo, poderiamos
falar sobre as consecuencias negativas das guerras e da importancia de dar
cariciñas aos seres queridos.
A ensinanza que lle deberiamos transmitir ao lectorado é que entre todos e
todas debemos coidar o noso planeta Terra e que coa axuda e coa implicación de
todos é posible. En resumo, considero que é unha obra que permite tratar co
alumnado diversos contidos actitudinais. Por iso, debemos quedar cos consellos
que o barqueiro lle ofrece ao lectorado ao rematar a obra:
"...os ríos tendes que escoitar cantar, as árbores tedes que abrazar,
e moitas cariciñas tendes que dar..."
Entre os recursos de interese cabe sinalar estes:
· CEIP de Olveira (24 de xullo de 2014). Adaptación do conto de Anxo
Moure A xacia Luviñas e denominárono Salvoriña. Biblioteca do CEIP de Olveira: SALVORIÑA
(biblioceipdeolveira.blogspot.com)
·
Nenos de Beariz
entrevistan a Anxo Moure (3 de decembro do 2015) Contacontos: Anxo Moure. “Contos e historias das árbores
do Camiño Portugués” – O Porriño é cultura (ecultura.net)
Ningún comentario:
Publicar un comentario