xoves, 24 de decembro de 2020




Manuel María (1990). Os soños na gaiola. Ilust. Xaquín Marín, Vigo: Xerais, col. Merlín, nº 19, [96 pp.]. (ISBN: 84-9782-505-5).

Elixín este libro que lin cando estaba en cuarto de Educación Primaria e do cal teño moi bo recordo. Non un recordo material do libro en si, senón un recordo sentimental. Unha sensación interna de pracer ao collelo e pensar nel. Porque a memoria do meu cerebro ás veces falla, pero a do meu corazón… é cáseque permanente. Como dicía Antonio Machado, “solo recuerdo la emoción de las cosas, y se me olvida todo lo demás; muchas son las lagunas de mi memoria”. E recordo que este libro, daquela, fixérame sentir ben. E pode que fora o que me iniciara no amor pola nosa terra, pola cultura e pola lingua galega.

Os soños na gaiola é un poemario ilustrado. A cuberta, xa de entrada, chama moito a atención, por ter un debuxo policromático de vivas cores. Na parte superior aparece o nome da colección xunto ao seu logotipo, e na parte inferior o logotipo co nome da editorial. Nun recadro de fondo branco que ocupa a parte central vemos o título da obra co nome do autor e do ilustrador; os tamaños destas tres diferentes oracións decrecen nesa orde.

Na lapela da cuberta podemos observar, en primeiro lugar, unha foto do autor seguida dos seus datos biográficos e dun sintético resumo sobre a súa carreira literaria. Na parte inferior desta lapela atopamos unha nota con información sobre o ilustrador, aínda que sen foto. O libro posúe unha páxina en branco ao comezo, en cuxo reverso aparecen os nomes da coordinadora da editorial, do ilustrador, do deseñador da cuberta e do produtor. Tamén aparecen datadas as diferentes edicións do libro e distintos datos sobre a editorial.

Na contracuberta atopamos unha breve descrición do libro na parte superior e o código de barras xunto a un imagotipo da editorial na parte inferior. Tamén apreciamos un rectángulo de cor verde na parte inferior dereita, onde se le: “De 9 anos en diante”. Este rectángulo de cor verde conecta co canto, con outro rectángulo tamén de cor verde. Na lapela final atopamos unha serie de títulos de obras de poesía da colección “Merlín” para lectorado de 9 anos en diante. Isto non é unha garda, a garda une a cuberta coa interior e esta é unha folla solta, necesaria para completar o prego de papel.

No canto aparece o título da obra, o nome do autor e o número da colección. No extremo inferior do canto tamén aparece un minúsculo logotipo da editorial Xerais, noutro rectángulo de cor verde.

Respecto á parte gráfica e visual do libro, podemos comentar en primeiro lugar as ilustracións da historia. Son visuais e representativas dos poemas en cuestión. Podemos destacar que a cor laranxa, que reina na contracuberta, no canto e nas gardas, é un elemento en común das diferentes ilustracións que acompañan á historia. Respecto á letra, esta é de tamaño medio e ten forma redonda. 

Os soños na gaiola é un poemario que se divide en 6 partes. Abren o libro dous poemas dedicados a Galicia. O primeiro deles, que se titula de igual modo, é unha declaración de principios sobre esta a nosa comunidade, sobre esta a nosa terra. De seguido e baixo o epígrafe de "O mundo", aparecen o sol, as estrelas, a lúa, o arco da vella, o mar… diversos elementos presentes na xeografía galega. En “As cousas” descríbense diferentes realidades tanxibles da vida, en especial da vida galega do rural, que forman parte do noso ser: as campás, o barco, o muíño, a fouce, o bolo, o carro, o tractor, o arado…

 “Os homes, nenos e nenas" é o título do capítulo no que son protagonistas profesións relacionadas coa gandería, coa agricultura, coa música popular e co mundo máis cotián (caso do afiador, tan presente na cultura galega). Tamén atopamos un oco neste capítulo para as festas populares e as tradición culturais. E xa por último, dous capítulos dedicados aos animais.

Os diferentes poemas desta obra presentan unha estrutura sinxela e rítmica. E todos eles están impregnados dunha dozura e dun sentimento que tamén nos fala do noso mundo, de Galicia, e do que implica formar parte del.

Potencialidades da obra para Educación Primaria:

 O autor, nunhas palabras que plasmou na Carta ós nenos, a cal se adxunta ao comezo desta recensión, di que esta obra contén os versos que el botou de menos cando era neno e cos que intenta encher en nós ese oco.


Nesta obra aparecen realidades moi presentes na vida galega de fai uns anos, na contorna galega. Isto amosa unha gran potencialidade: a de recuperar elementos que se están perdendo e darllos a coñecer ao alumnado. Para iso pódense empregar moitas metodoloxías. Realización de viaxes, visitas a museos, visualización de vídeos, curtametraxes ou filmes relacionados, talleres de plástica nos que haxa que representar esas realidades, eses obxectos, con plastilina e en miniatura… pero eu vou elixir outra metodoloxía, unha relacionada cunha das miñas paixóns, o teatro.

Practiquei teatro durante a miña infancia e formei parte da aula universitaria Rosaura fai dous anos e só teño excelentes palabras para esta arte escénica, que se ocupa de mellorar as nosas habilidades comunicativas, dános paso a unha nova dimensión de sensacións e sentimentos, desenvolve a nosa psicomotricidade e fainos rir e chorar… pero dándolle un sentido.

O que propoño non é senón desenvolver teatralmente os diferentes poemas de cada bloque  desta obra. Isto supón un compendio de numerosas tarefas, xa que habería que redactar un fío condutor para cada bloque de poemas co cal xerar unha historia que poder representar, habería que preparar un atrezzo (tanto para o espazo físico no que representar finalmente as obras como para o alumnado en forma de vestimenta), habería que ensaiar un chisco… tarefas, todas elas, que están na nosa man poder modelar didáctica e pedagoxicamente.

Recursos en liña 

Numerosos vídeos de Youtube e doutras plataformas como Vimeo nos que se representan poemas soltos: unhas veces unha voz en off recita os poemas mentres se representan debuxos ou imaxes, e noutras o contido do poema en cuestión represéntase graficamente con letras mentres soa unha música de fondo e transcorren imaxes soltas sobre o poema. Tamén descubrín na rede outro recurso que ofrece esta obra, aínda que dito recurso non é en liña propiamente dito. Trátase dun audiolibro ou libro CD, no que supoño que se lerán os poemas, pode que acompañados de música.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...