luns, 28 de decembro de 2020

A que sabe a lúa?

GREJNIEC, MICHAEL (2015). A que sabe a lúa? (10ª ed.). Trad. Carmen Barreiro. Pontevedra: Kalandraka, col. Tras os montes, [36 pp.]. (ISBN 978-84-8464-625-9).




Álbum escrito e ilustrado do polaco Michael Grejniec traducido ao galego por Carmen Barreiro. Conta con 36 páxinas e custa aproximadamente 15 euros. A súa lectura está recomendada para nenos e nenas de seis a oito anos, podéndoa atopar no mercado traducida ao castelán, catalán, éuscaro, portugués, italiano e inglés.

Dende o punto de vista do formato externo, trátase dunha obra de cartón de tapa dura, cunhas dimensións de 19’5 x 29 cm. Por un lado, a tapa presenta unha imaxe nocturna dunha lúa chea enorme con ollos e boca, semella estar sorrindo e mirando a unha xirafa que se atopa debaixo dela, na parte inferior do libro. Este animal, á súa vez, tamén fixa a vista na lúa e mesmo a intenta tocar. No lado esquerdo da xirafa observamos un adhesivo que recolle información relativa do álbum, especificando que se corresponde cunha edición especial ao conter un póster medidor. No lado dereito está o nome da editorial Kalandraka. A autoría e o título da obra aparecen, respectivamente, enriba da ilustración da lúa, en cor gris e con letras grosas e maiúsculas, nas que destaca o til con forma de lúa semichea e o maior tamaño de fonte deste segundo dato. No lombo recóllense o título, o nome do escritor e ilustrador e a letra K da editorial. Por outro lado, na contracuberta ou contratapa, distinguimos outra lúa enorme con ollos e boca, pero neste caso minguante e que parece estar triste. Na esquina superior esquerda observamos o nome da colección e na inferior dereita están o código de barras, o ISBN do libro e a páxina web.

No interior hai unha portadiña co título, o nome do autor e ilustrador e a editorial. Antes dela temos unha das dúas gardas que protexen a primeira e a última páxina. Séguelle a páxina de dereitos que reúne datos referidos ao copyright do autor, da tradutora e da editorial; á súa reserva, o título orixinal da obra, o enderezo e o ISBN. Na seguinte páxina achamos a portada co título en letras grosas e maiúscula, o nome da editorial e unha ilustración cadrada no medio que une as dúas lúas da cuberta e da contracuberta como se representasen a figura do yin e o yang. Profundando máis na historia, o texto comeza nunha páxina par e vaise alternando entre par e impar ao longo da trama. O tamaño da fonte, a súa tipoloxía e disposición sobre o espazo adáptanse de maneira doada á idade dos rapaces, converténdose nunha fácil lectura para eles. O discurso textual baséase nunha narración en terceira persoa introducindo pequenos diálogos que axilizan a lectura.

O argumento deste álbum ilustrado conta a historia duns animais que tan só querían probar un anaquiño da lúa, saber se era doce ou salgada. Cooperando e grazas á axuda mutua da que foron partícipes a tartaruga, o elefante, a xirafa (que se atopa na tapa), a cebra, o león, o raposo, o mono e o rato conseguen facer realidade o seu desexo e compartilo entre todos.

No referido ás ilustracións, Grejniec préstalle moita atención ao tratamento visual, realizando continuos cambios e combinacións de planos e encadres. Ademais, fai uso das gamas de cores que permiten ao lector ou lectora situarse na trama, descubrindo novos espazos e personaxes. A distribución das imaxes, sobre fondo negro, e o texto, sobre fondo branco, proporciona un grande equilibrio que destaca polo seu estilo sinxelo e cálido. Emprégase unha estrutura baseada nas repeticións e na acumulación de personaxes. Finalmente, podemos observar como a lúa pasa a estar triste, é dicir, cambia o seu estado de ánimo tras observar como os animais lle arrincaron un anaquiño seu para probalo e, acto seguido, durmir todos moi xuntos.

En canto ás potencialidades da obra, a lectura ensina como a través da xenerosidade, a solidariedade e a capacidade para colaborar podemos conseguir metas en común. A estrutura acumulativa da narración propicia a memorización, mentres que os termos dos animais permiten traballar contidos máis relacionados coa fauna. Ademais, a disposición das imaxes tamén favorecen a curiosidade do espectador ou espectadora.

No seguinte enlace temos a posibilidade de escoitar e ler a trama, visualizando ao mesmo tempo as ilustracións. Logo, conta cun espazo para xogar de maneira dinámica e divertida. Desta forma saberase se o alumnado comprendeu a historia. MARTÍNEZ, ANA & GRILLE, ROSA (2011). A que sabe a lúa? Actividade LIM. Recuperado de: http://centros.edu.xunta.es/ceipdepazos/Ana/LIM/AQUESABEALUA/aquesabealua.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...