Casalderrey, Fina (2007). Xela volveuse vampira!! Ilustradora Noemí López. A Coruña: Baía Edicións, col. Contos da igualdade, 55 pp. (ISBN:978-84-96893-21-4).
A obra escollida é Xela volveuse vampira!!, un conto ilustrado infantil escrito por Fina Casalderrey e con imaxes de Noemí López. A cuberta presenta o título, o nome da autora, o da ilustradora, colección á que pertence, a editorial e unha ilustración na que aparece unha moza demacrada e triste. Na contracuberta aparece unha breve sinopse da historia, un código de barras e novamente o nome da editorial. Este libro pertence a unha colección que trata de romper cos estereotipos infantís, potenciando a igualdade entre homes e mulleres.
A historia comeza presentándonos a Xela, a profesora máis boa do mundo. Tiña unha voz doce coma un abrazo, mais tras as vacacións de verán xa non soaba igual. Os seus cabelos eran negros pero agora traíaos recollidos como unha avoa, os seus ollos aínda eran escuros e brillantes e os seus beizos mantíñanse rosados, aínda que xa nunca lle entraban ganas de sorrir. Todos os nenos se decataron de que a profesora non era a mesma do ano pasado, ao observar que ás veces chegaba cun zapato de tacón alto nun pé e cunha zapatilla verde noutro, outro día chegaba cun ollo morado, como se esquecera pintar o outro. Semellaba unha morta vivinte.
Unha mañá, Xela entrou na clase cunhas enormes lentes escuras, cunha bufanda arredor do pescozo e cunhas luvas e foi ese día cando os rapaces se deron conta de que algo moi grave lle estaba a pasar. Mentres estaba a escribir no encerado caeulle o xiz da man e quixo collelo tan rápido que a bufanda e as lentes marcharon voando polos aires. Xela tiña as pálpebras negras e unha mancha vermella no pescozo, xusto detrás da orella. Foi entón cando os nenos chegaron á conclusión de que a súa profesora se estaba a volver “vampira”. Esa mesma tarde Breixo, decide levarlle unha camelia á súa casa, mais ninguén lle abriu a porta. Polo camiño, descubriu a Rute, unha nena diminuta, que posuía poderes secretos e ofrécese a cumprirlle un desexo.
Mentres falan, chega o marido de Xela, e cos poderes de Rute, observan como este maltrata a Xela: bérralle, empúrraa e ata lle tapa a boca con cinta. É aí cando Breixo se dá conta da situación real que está a vivir a súa mestra. Rute proponlle a Breixo converter a Cibrán nun cocho feo que cheire tan mal que teña que pasar toda a súa vida fuxindo ata do seu propio tufo. Deseguido, Cibrán baixou as escaleiras e saíu disparado pola porta principal, convertido nun bicho noxento, montou na súa moto e marchou. Cando Xela voltou á clase volvía ser a profesora alegre e doce que recordaban.
As ilustracións desta obra son moi expresivas e transmiten as emocións que a autora narra na historia, dándolle unha maior relevancia ao que está acontecendo no relato. Destacan as cores que cambian segundo os estados de ánimo dos personaxes ao longo da narración.
Entre as potencialidades desta obra destaco o interese por fomentar o gusto pola lectura cunha temática presente na actualidade, así como para traballar as emocións: expresar como nos sentimos, adquirir habilidades emocionais, superar situacións difíciles e vivir en igualdade e respecto. Esta historia pode axudar aos nenos/as a empatizar e comprender a situación das mulleres que sofren ou sufriron violencia de xénero. Valorar a importancia da detección, da prevención e da superación de determinadas situacións de abuso.
Entre os recursos en liña de acceso aberto sobre a obra, destaco:
ROIG, B.-A. (dir.) (2007). Informe de literatura 2007. Recuperado de http://www.cirp.gal/rec2/informes/upload/ver/inf2007/Informe_Literatura_2007.pdf
Ningún comentario:
Publicar un comentario