Lara Rodríguez Costas
O noso Samaín, de Loretta Birott.
BIROTT, LORETTA (2016). O noso Samaín. Ilust. Nuria Valdeón. Vigo: Galaxia, col. Sonárbore, [48 pp.] (ISBN: 978-84-9865-738-8).
Esta recensión crítica está dedicada á unha obra da autora Loretta Birott, unha estudante de nutrición e dietética venezolana que vive en Galicia. Acaba de comezar a súa traxectoria no mundo da escritura, en concreto, na literatura infantil coa obra O noso Samaín. Así pois, a pesar de ter unha curta traxectoria na literatura infanto-xuvenil, a súa proposta espertou un interese particular en min, porque considero que é unha obra esencial para traballar co alumnado de Educación Primaria, pois é un libro que nos achega a unha das nosas tradicións galegas como é o Samaín.
Este volume é un álbum ilustrado cun formato e cunha encadernación de tapa dura. Está recomendado para nenos e nenas dende os 6 ata os 8 anos de idade e foi publicado no ano 2016. Conta cun total de 48 páxinas repletas de debuxos realistas, coloridos e significativos que acompañan e trasladan o lectorado aos inicios desta tradición, transmitida de xeración en xeración polos nosos ascendentes.
Se falamos da cuberta do libro, esta está ocupada na súa totalidade por unha ilustración principal, onde atopamos a un neno e unha nena sobre unha cabaza decorada, acompañados dun moucho, un gato negro e unha fada. Tamén aparecen de forma translúcida unhas sombras que evocan á festividade do Samaín, como poden ser: os nosos antepasados, nabos e cabazas decoradas e iluminadas, trasnos, celtas, entre outros. Da mesma forma, na contracuberta aparecen de novo as sombras translúcidas pero esta vez non hai ilustración central e estas están entrelazadas. Cabe destacar que a paleta de cores utilizada para as imaxes alude a cores outonais, como son os laranxas, os marróns, os negros, os amarelos ou os verdes etc.
No interior, as gardas están cheas de debuxos con formas de nabos, as cales aluden á noite de celebración da chegada do outono e nelas hai unha soa cor predominante, a cor verde. De seguido, atópase a portada a cal é unha folla de cor branca, onde destaca no centro o título da obra en cor laranxa e os nomes da autora e da ilustradora en cor branco cun fondo negro, ambos están situados ao carón unha da outra. Se nos centramos na historia, as ilustracións e o texto van ligados, dando pé a unha lectura visual que servirá de apoio para os cativos e cativas, á vez que nos invita a ser partícipes da celebración que narran o texto e as imaxes. Debemos citar que as cores do interior seguen marcadas por esa paleta outonal á que se engaden cores como o granate, os azuis, os brancos, entre outras cores.
Esta obra ten como protagonistas a unha docente chamada Nilda e os seus alumnos e alumnas. A docente ao longo da historia irá narrándonos a orixe remota da festa de Samaín, unha celebración que deriva da cultura celta e está dedicada a festexar o final do verán e da colleita, o cal trae consigo a chegada do outono, homenaxeando aos familiares falecidos. Así mesmo, nos últimos anos está a ser recuperada como versión propia do importado Halloween. Ademais do xa nomeado, este volume responde de forma breve e concisa ás preguntas onde, que, como e cando comezou este costume.
En canto ás potencialidades que ten esta obra son múltiples e sempre prima a transversalidade nelas. Con este exemplar podemos traballar as tradicións e costumes asociados á festa do Samaín, por exemplo: o emprego de melóns, nabos e outros froitos como adornos da festividade, os diversos nomes que poden recibir as cabazas dependendo do lugar, entre outras. Así pois, podemos falarlles ao alumnado da transmisión oral e o valor da nosa lingua e das lendas ou mitos galegos asociados á noite máxica do Samaín. Tamén podemos traballar a cultura celta, as relacións familiares, os seres mitolóxicos, os diferentes lugares que están conectados con Galicia pola mesma celebración como son A Bretaña, Irlanda, Escocia…, as emocións ou incluso valores como a unión, a amizade, a solidariedade, a compaixón, a curiosidade, o traballo e o esforzo, entre outros. En definitiva, é unha obra útil e necesaria para traballar na aula que nos ensina a comprender o que é noso e axúdanos ao labor de coidar e conservar a nosa identidade, os nosos costumes e tradición, é dicir, a cultura galega.
Polo que respecta aos recursos en liña de acceso aberto que atopei en internet sobre este exemplar, gustaríame destacar unha recensión da libraría Couceiro, na que dúas libreiras falan da obra analizada: Libraría Couceiro (2020, Outubro 28). O noso Samaín. El Correo Gallego. Recuperado de: https://www.elcorreogallego.es/galerias/videos/libraria-couceiro-o-noso-samain-CE510715 0
A maiores, gustaríame destacar dous audiovisuais atopados en YouTube. O primeiro audiovisual foi elaborado polo alumnado do colexio Ángel de la Guarda no curso académico actual, ano 2020, e é un audiolibro: https://youtu.be/AIblFMRsnVg. E por último, o segundo enlace: https://youtu.be/6OcFTMFrA1E, unha adaptación teatral realizada por nenos e nenas de Educación Primaria no CEIP Plurilingüe Curros Enríquez Celanova.
Ningún comentario:
Publicar un comentario