domingo, 20 de decembro de 2020

A vaca que puxo un ovo

CUTBILL, ANDY (2009). A vaca que puxo un ovo (The Cow That Laid An Egg, HarperCollins Publishers Ltd., 2007). Ilust. Russell Ayto, trad. e corrección Laura Sáez e Mónica Pazos, Pontevedra: Patasdepeixe editora, 2009, 30 pp. (ISBN: 978-84- 936842-3-5).



A obra escollida foi o álbum ilustrado A vaca que puxo un ovo. Trátase dun conto que non lera pero que nada más velo me chamou a atención polo seu título, tamaño e ilustración da cuberta. É unha obra sinxela e adecuada para a Educación Primaria, cun fondo co que reflexionar e debater nunha aula.  

É a segunda entrega do libro Primeira semana na escola de vacas, ambos escritos en inglés por Andy Cutbill e traducidos ao galego por Laura Sáez. Esta edición está en formato cadrado, de medidas 26cm x 27cm, cunha cuberta dura.  Nela atopamos, sobre un fondo rosa, o título da obra, no que as palabras vaca e ovo teñen unha tipografía maior ao resto, intuíndo así a súa importancia na obra, xa que son os únicos elementos que aparecen debuxados. Destaca que o ovo é un oco e as súas cores corresponden ás gardas, que semellan a pel dunha vaca holandesa polo seu branco con manchas negras. Na parte inferior aparecen os nomes do autor e ilustrador pero non o da tradutora. Antes da portada aparece unha folla onde hai unhas galiñas, que adiantan aspectos da temática. Seguidamente encóntrase a páxina de dereitos, escritos a modo en que entre todos forman un ovo, e a portada, onde se atopan os mesmos elementos que na cuberta, a única diferenza é que na ilustración a vaca ten un sorriso.

Na contracuberta atópase o resumo do conto enriba dun prado onde tres vacas están xogando mentres que a Marjorie, a protagonista, semella falar con tres galiñas, reflectindo no seu rostro aspecto tristeiro. No lombo aparecen escritos o título da obra e o nome da autora sobre un fondo negro, acompañados da información relativa á biblioteca que pertence.

Foi escrito orixinalmente en inglés e está traducido a moitos idiomas, un deles, o galego. En canto á súa lectura, non existe unha colocación específica para os textos, que varían de posición e tipografía, adoptando ás veces unhas formas grosas e contundentes. Segundo comezamos coa lectura observamos que está narrado en terceira persoa e que a letra e o vocabulario están destinados para un público infantil, do primeiro ciclo de Educación Primaria, xa que a idade recomendada está entre os 6 e os 8 anos. Tamén podemos reparar en que non conta con numeración de páxinas.

O argumento da obra xira ao redor da vaca Marjorie que comeza estando triste por non sentirse coma o resto das vacas, así que as súas amigas as galiñas tramaron un plan. Deixáronlle un ovo onde ela durmía e así sentiuse a máis especial de todo o curral. Converteuse na favorita do granxeiro e o resto de vacas empezaron a ter envexa e a sospeitar que o ovo non fose dela. Cando este escachou todas se quedaron mudas co primeiro son que fai o pito ao nacer.

Este é un álbum ilustrado onde todas as imaxes son a dobre páxina. Destacan as súas formas esaxeradas e angulosas, o cal atrae visualmente ao lector/a. As cores vense cun alto grao de saturación, alternando tons cálidos e fríos, creando así imaxes alegres e luminosas. Adopta diferentes perspectivas e planos e en cada páxina hai un fondo de diferente cor. Salienta que en varias páxinas da obra se recollen viñetas que recordan a unha banda deseñada, por exemplo, cando as pitas traman un plan ou cando Marjorie choca o ovo. Neste último suceso destaca como en cada postura na que se coloca a vaca ten un fondo de diferente cor, xogando así co sentimento de desesperación que anega á protagonista.

En canto aos personaxes, podemos ver os seus estados de ánimo pola forma na que o ilustrador lles abre os ollos, baixa a mirada ou como ensinan ou dentes pero, nas galiñas non, nunca abren o pico e están todas deseñadas da mesma maneira, coa cabeza alta ou baixa. A temática que trata leva a que todos os espazos sexan abertos, algo que nunha aula de Educación Primaria podemos conectar coa materia de ciencias da natureza. 

En canto ás potencialidades son múltiples os temas transversais que podemos tratar grazas a esta obra, dende a amizade e solidariedade, entre as galiñas e Marjorie que a axudan cando non se atopa ben consigo mesma; os prexuízos e a envexa, cando o resto de vacas ven que a protagonista é a favorita do granxeiro e xulgan porque non cren que ela puxese o ovo; e os pactos que se forman entre os animais: as galiñas traman un plan para socorrer á súa amiga. Tendo en conta estes valores e os contidos do currículo de ciencias naturais, o medio e os animais, podemos elaborar diferentes dinámicas dentro dunha aula de 1ºde Educación Primaria. Dende unha posta en común sobre animais que coñezan e que realicen algún feito especial ata inventar unha historia sobre un animal onde un deles realice unha acción que non sexa propia del. Con isto traballaremos diferentes bloques da Educación Literaria, conseguindo que o alumnado mostre interese pola lectura.

Por último dicir que ao tratarse dunha serie de libros, na que este álbum é a primeira entrega, sobre as aventuras dunha vaca peculiar, funciona como reforzo e motivación a seguir coñecendo novas aventuras que lle poidan suceder a este personaxe.

En canto aos recursos, ao tratarse dunha obra moi coñecida son múltiples os que aparecen en liña de libre acceso en galego. Algúns que destaco son: o vídeo do CEIP Wenceslao Fernández, https://www.youtube.com/watch?v=kx5JueTcFjU&ab_channel=CEIPWenceslaoFern%C3%A1ndez, no que se realiza unha dramatización onde participan activamente docentes e alumnos/as; a presentación que fixeron os nenos e nenas de 5ºde Educación Primaria no Día das Letras Galegas https://colegiolar.es/cms2/a-vaca-que-puxo-un-ovo/; a lectura dos nenos e nenas de 2º de Educación Primaria do CEIP Coirón-Dena https://engaleneno.webnode.es/a-vaca-que-puxo-un-ovo/; e por último o vídeo de Ana Vieites, onde vemos unha serie de imaxes das cartolinas e monicreques que realizaron os seus alumnos/as para representar a obra https://engaleneno.webnode.es/a-vaca-que-puxo-un-ovo/.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...