Carreiro, Abraham e Segura, Maties (2011). Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata. Santiago de Compostela: Sotelo blanco, Col. Xoeliki, nº1, 115 pp. (ISBN: 978-84-7824- 613-7).
Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata é o primeiro dos tres libros que conforman á
saga de Xoeliki de Abraham Carreiro. O motivo da selección desta obra foi que este é un dos
libros que máis me gustou ler na miña infancia, e pese a ter lido outros deste mesmo autor, o
meu favorito segue sendo este. Ademais, esta lectura céntrase nas tecnoloxías e pode
achegarse dunha forma moi persoal aos nenos e nenas.
Dende o punto de vista do formato externo, a obra caracterízase principalmente pola
súa estética; na parte superior do libro aparecen o nome do autor da obra e do ilustrador, ao
mesmo nivel. Seguidamente, atópase o título da obra cunha fonte de letra semellante á dos
videoxogos, bordeadas por distintas cores e empregando emoticonas nalgunhas delas.
Debaixo do título e nun tamaño de letra máis pequeno atópase o subtítulo da obra en letras
grosas, brancas, con sombra negra, e en maiúsculas.
Por outra parte, os tons escuros, como o verde e o negro, predominan no fondo do
libro. O verde é a cor de contraste, empregada para o fondo, mentres que a cor negra
emprégase para caracterizar a sombra de dúas personaxes, unha delas con lentes, que serán
clave no desenvolvemento da obra e que lle proporcionarán gran parte do misterio que a
caracteriza. Seguindo co fondo do libro, distínguense unha serie de liñas e puntos de cor gris,
as cales podemos relacionar cun mapa da rede da cidade na cal se desenvolven os feitos. Este
mesmo mapa aparece na parte de atrás do libro, onde tamén atopamos un breve resumo e a
ligazón á páxina web da obra. Por último, na parte inferior da cuberta atopamos a imaxe
doutros tres personaxes fundamentais, así como un código QR, que nos leva directamente á
páxina web de Xoeliki, e o nome da editorial en letras brancas.
Xa no interior do libro atopamos unha primeira páxina en branco a modo de gardas; a
continuación, na seguinte páxina atopamos no centro o título do libro coa mesma estética que
se empregou para a cuberta, pero agora todas as letras deste están bordeadas exclusivamente
en cor morada. Nesa mesma páxina, na parte superior, volve aparecer o nome do autor e do
ilustrador do libro ao mesmo nivel, mentres que na parte inferior atopamos novamente o
nome da editorial do libro. A seguir, na páxina de títulos de crédito atopamos os datos
editoriais e de rexistro, como as edicións ou o ISBN; na seguinte páxina dáse comezo ao
primeiro capítulo do libro.
Cabe mencionar que nas últimas cinco páxinas do libro atópase un glosario que
contén unha explicación breve de todas as palabras que o autor considera que ao estar
relacionadas con temas da informática os lectores poden non coñecelas; ademais, tamén se
inclúe un índice onde se numeran os doce capítulos do libro, co seu título e paxinación
correspondente, e o glosario. Este volume conta cunha encadernación de tapa branda e unhas
dimensións de 20 cm de alto e 13 cm de largo.
O argumento desta obra de carácter narrativo conta a historia de Xoeliki, un neno de
12 anos que pasa o día xogando a videoxogos, e que deberá cumprir unha misión: salvar a
Internet. Para iso contará coa axuda dos seus amigos e dun vello coñecido de seu pai, quen
faleceu hai uns anos.
A narración da obra desenvólvese nun contexto urbano, onde vive Xoeliki xunto coa
súa nai. Xoeliki era un neno coma outro calquera, ao que lle gustaba xogar a videoxogos, ata
que un día a súa vida deu un xiro inesperado cando un vello coñecido de seu pai aparece. A
partir dese momento, Xoeliki deberá mergullarse nunha aventura cargada de misterio. Porén,
a misión de Xoeliki é clara, deberá salvar a Internet.
O libro conta cun total de 9 ilustracións en negro e morado repartidas ao longo dos 12
capítulos. A finalidade destas é axudar ao lector a interpretar e facilitar a comprensión do
texto; porén, non son complementarias nin necesarias para realizar unha lectura correcta.
Cabe mencionar que, ademais das ilustracións, tamén se inclúen o que serían as capturas de
pantalla das conversas entre Xoeliki e os seus amigos. Así mesmo, debemos destacar o
predominio da cor morada ao longo do libro, tanto nos títulos dos capítulos como na
numeración destes, así como o seu uso nas distintas ilustracións que atopamos. Cabe
mencionar que todos os capítulos do libro comezan do mesmo xeito, simulando ser unha
mensaxe do ordenador. Na primeira páxina de cada capítulo aparece o número que lle
corresponde, o nome e tres datos que van mudando: “publicado por”, “data e hora” e
“palabras clave”.
Esta obra, que vai destinada aos lectores de 11 anos en diante, convértese nunha boa
ferramenta para traballar en 6º de Educación Primaria. Este é un libro que posúe certo grao de
complexidade, xa que, ao conter termos cos que o alumnado non está afeito a traballar poden
resultar difíciles; porén, o glosario final facilita esta tarefa e a propia redacción da obra
permítenos sobreentender o significado de moitas palabras, sen que sexa necesario coñecer
previamente a súa definición. Esta obra, a cal está narrada en primeira persoa por Xoeliki,
fará que o alumnado se sinta identificado co protagonista. Ademais, as características que se
describen deste personaxe poderían ser semellantes as de moitos lectores dentro dunha aula.
A partir desta obra, e seguindo a súa temática, poderanse traballar temas moi diversos
así como esenciais que deben ser abordados na aula. Algúns destes temas son: os videoxogos
e as novas tecnoloxías, as cales xa son unha parte fundamental hoxe en día na vida dos nenos
e nenas. Outro tema que se aborda é o amor, xa que, Xoeliki está namorado dunha rapaza coa
que fala todos os días polo chat. Tamén se trata a amizade e a morte. Esta última non se atopa
na obra como un dos temas principais, porén, aparece de forma naturalizada dende o punto de
vista de Xoeliki, a quen lle morreu o pai sendo un cativo. Anos despois o pasado deste ser
querido será o motor principal da obra e o que lle proporcionará a Xoeliki as ferramentas que
necesita para enfrontarse a este novo misterio.
Este libro de Abraham Carreiro, conta con múltiples recursos na rede que permiten
traballar a obra dento da aula. En primeiro lugar, debemos destacar un vídeo do autor no que
aparece mostrando o seu traballo como ilustrador nun colexio.
[CPI Pontecesures Pontecesures]. (2019, maio 30). Xoeliki, as aventuras dun
ciberpirata [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=TI5bCsmdukY
Por outra banda tamén se pode atopar publicado na rede un Booktrailer do libro.
[González-Bretaña, A., Fernández, L. e González-Rodríguez, A.] (2020, marzo 10).
Xoeliki booktrailer [Arquivo de video]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=2cA12y3L7vo
Esta obra conta tamén cunha páxina web propia; porén, actualmente está inhabilitada.
González Rodríguez, Alba
Ningún comentario:
Publicar un comentario