domingo, 20 de decembro de 2020

Escarlatina, a cociñeira defunta

               




COSTAS, LEDICIA. (2015). Escarlatina, a cociñeira defunta. Ilust. Víctor Rivas. Vigo: Xerais, col. Merlín, 176 pp. (ISBN: 978-84-9914-739-0).

        Para levar a cabo a realización desta segunda recensión crítica, decidín botar man dunha das escritoras máis versátiles da literatura galega: Ledicia Costas Álvarez (Vigo, Pontevedra, 1979) coa súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Esta é unha novela de carácter humorístico dirixida ao público infantil, que destaca pola súa facilidade para normalizar e satirizar diversos temas, entre eles, un tabú na nosa sociedade actual como é a morte. Recibiu ademais diversos recoñecementos, tales como o Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Fervenzas Literarias, entre outros.

        Escollín esta obra debido a que foi unha desas novelas que deixou unha gran pegada en min cando a lin por primeira vez, por tratar un asunto moi complexo dun xeito tan apropiado. A maiores disto, pareceume interesante o feito de lela de novo, anos despois, co obxectivo de captar todos aqueles aspectos e mensaxes que a autora trata de transmitir e dos cales non me decatei de cativa.

        Con respecto ao formato exterior da obra, cabe destacar que se trata dun libro de encadernación de tapa branda que presenta unha cuberta, unha contracuberta e un lombo. Na cuberta aparece representada unha imaxe a cor de tres personaxes nun ambiente lúgubre. Destacan nesta varios aspectos: o nome da colección, na parte superior; o título da obra, que figura nun recadro branco máis abaixo, xunto co nome da autora e o do ilustrador e, na parte inferior, o nome da editorial. Na contracuberta aparece un breve resumo da novela, o nome da editorial, o ISBN e unha pequena imaxe. O lombo presenta o título do libro, o nome da autora e o logotipo da editorial.

        En relación ao formato interior, destacamos que as 176 páxinas ao longo das que transcorre a historia están divididas en 12 capítulos e cada un deles comeza con cadansúa receita de cociña. O tipo de letra das páxinas da obra é dun tamaño medio, axeitado para o público ao que vai dirixida, propiciando unha lectura áxil e amena. A maiores, é imprescindible destacar o papel das ilustracións, uns elementos que apoian o texto en gran medida. Estas son debuxos dixitais a cor nos que se emprega a técnica do raiado; son moi abundantes ao longo da obra e representan a personaxes moi expresivos e cheos de vida, que non están quietos; nelas xógase moito coas luces e sombras e, na miña opinión, penso que completan á perfección a información aportada polo texto, logrando transmitir emocións e mensaxes claras ao lector. Respecto do seu tamaño, algunhas delas abranguen a metade da páxina; outras, a páxina completa. 

        En canto ao argumento desta obra, podo dicir que conta a historia de Román, un neno de 10 anos ao cal lle encanta cociñar e os seus pais, faltos de diñeiro, deciden regalarlle un curso de cociña polo seu aniversario, o día dos mortos. Para a súa sorpresa, o regalo que chega á súa casa é un ataúde; ao abrilo, Román descobre a Escarlatina, unha cociñeira cadáver do inframundo que ten unha araña de mascota vivindo no seu nariz, Lady Horreur. A defunta vén disposta a levar ao noso protagonista ao máis alto da cociña, coa única condición de que a axude a voltar á vida. Conta con tres horas antes de ser enviada de novo ao mundo dos mortos. Xuntos, viaxan ao inframundo e viven grandes aventuras, conseguindo finalmente elaborar un prato que gusta a vivos e mortos que fai resucitar a Escarlatina ao mundo dos vivos.

        En vista dun futuro como docente, eu aplicaría a lectura desta obra no 6º curso de Educación Primaria dun colexio de contexto urbano, xa que o grao de dificultade da mesma está adaptado a nenos e nenas dos últimos cursos de primaria. Partindo disto, paréceme moi interesante o feito de poder traballar de forma pormenorizada os diversos temas que trata a autora ao longo de toda a historia. Algúns deles serían: a amizade, a morte, a cociña e a falta de diñeiro. A raíz destas cuestións tamén se poderían traballar algúns dos estándares do currículo oficial de Educación Primaria como son: comprender a información relevante dunha obra, interpretar a información das ilustracións relacionándoa co contido do texto que a acompañan ou expresar opinións sobre a lectura.

        Persoalmente, gustaríame levar a cabo nunha aula o tratamento dos temas sobre os cales o alumnado adquirirá consciencia, como son: o amor, as relacións de amizade e o respecto polas mascotas, entre outros. Considero que esta é unha boa proposta para iniciarse en libros máis extensos, grazas ao seu ton humorístico e á súa fácil lectura.

       Polo que respecta aos recursos en liña de acceso aberto que atopei en internet sobre esta obra, gustaríame destacar concretamente o CEIP Juan Rey, o cal conta cun plan de animación á lectura e un blog da biblioteca propio. Neste podemos atopar varias entradas sobre o libro en cuestión: a primeira delas é un Book-Trailer realizado polos nenos e nenas de 5º de primaria da escola; a segunda, é unha visita que Ledicia Costas fixo ao centro e enxerta un contacontos realizado por ela.

        A maiores, gustaríame destacar a representación teatral realizada por unhas nenas do club de lectura do CEIP Ribadavia (2019). Considero que estes recursos axudan en gran medida a motivar á lectura, xa que tanto as imaxes coma os vídeos son elementos que serven de apoio aos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...