luns, 21 de decembro de 2020

VIVAN AS UÑAS DE CORES!


           

  Seleccionei o álbum ilustrado Vivan as uñas de cores! de Alicia Acosta e Luis Amavisca para traballar con nenos e nenas do primeiro ciclo de educación primaria. O motivo desta elección foi a recreación realizada dunha historia real e o modo de expresala mediante o uso de diferentes ilustracións. Así mesmo é unha obra sinxela de ler, cun vocabulario doado de comprender. Por último quería destacar os numerosos contidos e valores que se atopan agochados entre as súas ilustracións, o que fai que sexa un libro moi interesante para traballar na aula.


Acosta, Alicia e Luis Amavisca (2018). Vivan as uñas de cores!, ilust. Gusti, trad. Maruxa. Madrid: Nubeocho, col. Egalité, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-18133-27-5).


    Álbum ilustrado, impreso en papel, con tapas duras e composto de 36 páxinas. O seu formato é cadrado, o que fai que sexa fácil de manexar. Na cuberta superior aparece o título da obra centrado en letras maiúsculas e dobres, no que destaca a palabra “cores”. Os autores quixeron destacar esta palabra polo seu significado, 5 palabras pintadas cada unha dunha cor diferente, igual que o numero de uñas que ten Xan. Tamén podemos observar como o título é apoiado polas mans do neno que teñen o mesmo significado que este. Na cuberta, o ilustrador representou os dedos do rapaz nun tamaño máis grande, xa que a historia xira ao redor das uñas. Por último, destacar na dereita da cuberta o nome dos autores e ilustrador. Na contracuberta, o primeiro elemento destacable son as uñas de Xan, unha ilustración que está moi presente ao longo da historia. Xunto con esta, podemos observar un pequeno resumo do contido da obra, ademais do nome da editorial e o ISBN. Tanto na cuberta como na contracuberta, Gusti emprega unha gama de cores laranxas e vermellas, destacando as diferentes cores utilizadas nas uñas de Xan.

    Todos os elementos da cuberta fan referencia a historia relatada na obra. Podemos apreciar como o ilustrador representou a Xan cun gran sorriso ao levar as uñas pintadas. Este significado desta ilustración podémolo atopar dentro da obra de forma textual “A Xan encántalle pintar as uñas, sobre todo con cores alegres, alegres coma el” ou “ papá ía a buscalo ao colexio coas uñas pintadas e un gran sorriso na cara, se ben o sorriso levábao sempre”. Nestas frases destacan as palabras “alegres coma el”, “uñas pintadas” ou un “gran sorriso na cara” cun tamaño de letra máis grande e en grosa, feito que se vai a repetir ao longo da obra coas frases positivas. Cabe destacar que os autores tamén quixeron resaltar as burlas realizadas polos compañeiros na escola. A historia está narrada por unha voz en terceira persoa que narra o gusto de Xan por pintar as uñas e o feito que supón no seu día a día.

    Na portada, podemos observar de novo o título da obra xunto cos nomes dos autores e o ilustrador. En cambio, aparecen as mans de Xan coas do seu pai pintadas. En toda a obra o ilustrador emprega unha densidade da cor baixa, destacando unha tonalidade laranxada e vermella. O seu trazado é imperfecto o que fai que sexa un libro orixinal e moi vistoso. 

    Este álbum ilustrado cóntanos unha realidade actual que demostra como na nosa sociedade existe unha gran cantidade de prexuízos e patróns de xénero que seguen impóndose na infancia. A través de lecturas coma esta podemos traballar as diferentes perspectivas de xénero que teñen nenas e nenos desde moi pequenos. Esta reflexión permitirá tomar conciencia do acoso que sofren entre iguais moitos nenos e nenas polos seus gustos. Por último quería destacar a  importancia que ten o apoio entre iguais e a empatía, como podemos observar ao final desta obra. 

    Un libro que fala de igualdade, reflexiona, crea conciencia, libera e nos pinta un gran sorriso na cara ao observar que tanto nenas como nenos son iguais. Non nos esquezamos que este álbum ilustrado está inspirado nunha historia real que viviu unha familia. Por este motivo creo que é moi importante traballar estes temas cos máis pequenos. 

    

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...