domingo, 6 de decembro de 2020

Ás de mosca para Anxo




Casalderrey, Fina (2002). Ás de mosca para Anxo. Ilust Manuel Uhía. Vigo: Xerais, col. Sopa de letras, 144 pp. (ISBN: 978-84-8302-863-6).

 

Para esta recensión crítica, a obra elixida titúlase Ás de mosca para Anxo. A súa autora é Fina Casalderrey, unha das mellores escritoras galegas de literatura tanto infantil coma xuvenil e recoñecida co Premio Nacional de Literatura en 1996. Na obra trátanse temas moi actuais e tabús como a morte, a violencia escolar e de xénero, a diversidade... Un dos motivos da elección desta obra foi escoitar a autora no Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil “Sen tabús. Ler para pensar”, xa que me pareceu unha persoa moi interesante. En Educación Primaria tiven como lectura obrigatoria unha obra de Fina: Dúas Bágoas por Máquina, entón apetecíame moito volver ler a esta autora, que ten obras de grande interese para traballar coa infancia, xa que pretende introducirse no seu mundo e divertila, á vez que lle axuda medrar.

En canto ao formato da obra, trátase dun libro de formato papel, que ten unha cuberta, unha contracuberta, un lombo e unhas páxinas que van compoñer o miolo do libro. Na cuberta atópase o título na parte superior coas letras en maior tamaño. O nome da autora aparece arriba en menor tamaño e, xusto debaixo, aparece o nome de Manuel Uhía, o ilustrador, en letras aínda máis pequenas. É importante salientar que a ilustración abrangue a metade da páxina, nesta aparece unha rapaza enriba dun tellado, acompañada dun paxaro, apoiada na cheminea e observando a paisaxe. Na contracuberta, obsérvase unha sinopse do relato e a idade recomendada (de 10 anos en adiante), o ISBN, o nome da editorial e da colección e outra ilustración. Nesta última observamos un pequeno tarro cunha mosca dentro.

Nas primeiras liñas do libro atopamos máis información sobre á editorial e a portada, que é diferente da cuberta. Nesta ocasión, é en branco e negro coa rapaza sentada no tellado arroupada cunha manta e con expresión asustadiza. Despois xa aparece o primeiro capítulo, co título en letras maiúsculas e isto repítese ao longo dos 32 capítulos que a compoñen. Todos os títulos adiantan o que ocorre logo. Por outra banda, a letra é adecuada e fai que se lea sen dificultade.

O argumento da obra podería ser o seguinte: a protagonista é Estrela Canedo, unha nena especial pola súa forma de ser pero tamén pola súa bondade. Cando chegou ao novo colexio Rosalía de Castro os seus compañeiros e compañeiras ríanse dela por que tiña certas dificultades, pero co paso do tempo Estrela foi gañando un oco no corazón de todos os seus compañeiros e compañeiras de clase. Un día na aula abórdase o tema dun secuestro e Estrela coas múltiples dificultades que tiña non entendía de todo ben o que pasaba, polo que tentou buscar unha solución. O método empregado pola rapaza é desaparecer, o que provocou que todo mundo a andase buscando pola vila, polo campo, por todos lados e ela estaba simplemente no tellado da súa casa, pasando frío e fame. A razón da súa desaparición é que seu pai está no estranxeiro, en Alemaña, e ela pensa que o pode estar pasando mal. A súa acción provoca que seu pai apareza, polo que Estrela está convencida de que o seu método obtivo resultado.

É importante destacar que esta obra comeza polo final e, de forma retrospectiva, vaise tecendo a historia. Isto consegue crear nos lectores moita curiosidade por entender como se chegou a esa escena final.

En canto ás ilustracións, preséntanse en branco e negro e baséanse na técnica da acuarela. Non son moitas, pero as que están son de gran tamaño e de gran calidade artística. Son ilustracións que lle dan moita forza ao relato. Pódese mencionar que xogan moito cos contornos.

En canto ás potencialidades, a lectura desta obra permite reflexionar sobre as emocións e a importancia da educación emocional, ademais de abordar outras cuestións como a igualdade e a diversidade, é dicir, serve para educar coas mesmas condicións, aceptando as diferenzas entre as persoas. Esta lectura tamén salienta por visibilizar a diversidade das persoas que padecen algún tipo de discapacidade, por poñer en valor o traballo en grupo, a importancia da familia durante a infancia, o espírito de superación ante as dificultades ou a confianza nos demais, pero sobre todo en ti mesmo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...