luns, 28 de decembro de 2020

 


 

Casalderrey, Fina. (1996). O estanque dos parrulos pobres. Ilustración: Teo Puebla. Barcelona: Rodeira, Tucán, 9, 165 pp. (ISBN: 84-8116-238-8).


Elexín esta obra pola emoción que se vía na cara da autora o día que tivemos o pracer de escoitala dentro do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil impulsado pola UVigo.

Este relato conta a vida de Noema e a súa forte vinculación co seu avó Pablo. A nena conta aventuras, contos… que o seu avó lle relatou nalgún momento da vida, sempre ás agochadas da súa nai. Un día o avó cae enfermo e Noema e el falan sobre a morte e incluso practican como se debe morrer para saber “morrer ben” cando chegue a hora.

O que primeiro nos sorprende da edición que manexei é o fondo branco da cuberta, que neste caso é branda, xa que resulta pouco chamativo. Na cuberta aparecen de arriba abixo os seguintes elementos: o logotipo centrado da colección á que pertence, o título en maiúsculas, unha ilutración na que aparece unha nena mirando pola fiestra do seu cuarto, o nome do premio que recibiu, o nome da autora en letra considerablemente máis pequena que o título e, finalmente, a editorial.

A contracuberta ten fondo azul sobre o que se observa de novo arriba e centrado o logotipo da colección, seguido do resumo, debaixo do cal atopamos outra ilustración de Noema no estanque dos parrulos. No fondo, baixo a ilustración, atópase a recomendación de idade e a editorial.

Unha vez que entramos no libro atopamos as gardas, que son brancas e nelas aparece a colección e o título da obra. A portada, ao igual que as gardas ten fondo branco sobre o cal, en negro, aparece o nome da autora, o título e, por primeira vez, o nome do ilustrador (isto pode darnos unha pista sobre a relevancia das ilustracións na obra), no fondo de novo, a editorial. Seguidamente atopamos unha páxina de créditos na que aparecen os datos de edición. A seguinte páxina é unha dedicatoria ao seu pai. Logo desta aparece un índice no que se adiantan os títulos dos 22 capítulos e logo xa se entra no groso do libro. En canto a aspectos formais do libro, atopámonos ante unha narrativa sinxela, con parágrafos breves e diálogos sinxelos. O texto está adaptado ás necesidades do alumnado para o cal está recomendada a obra.

As ilustracións a media páxina, semellan ser unha imaxe vista dende unha fiestra, pois sempre aparecen encadradas nun marco. Nelas aparecen sempre Noema, acompañada do avó ou dalgún dos personaxes dos que se fala ao longo da obra. Todas as ilustracións serven de acompañamento ao texto e en ningún caso son indispensábeis para a comprensión do relato.

Desta obra podemos destacar diversas potencialidades para a Educación Primaria. Dende o tratamento da temática da propia morte, tema que se tenta evitar nas escolas, ata elementos curriculares como os seguintes, orientados ao 4º curso de Primaria: as enfermidades e as súas causas e consecuencias, as relacións interpersoais, as emocións e a súa expresión, comprensión de textos e interpretación de ilustracións, identificación e emprego de recursos literarios, adquisición de novo vocabulario (neste relato é frecuente a descrición do significado de termos que poden ser descoñecidos para o alumnado ou propios dunha zona dialectal).

En canto a recursos relacionados con este relato de Fina Casalderrey podemos atopar vídeos como este dun neno Booktuber, no que fai un breve resumo da obra. Ademais, existe un EDILIM que permite realizar actividades post-lectura, publicado no blog O cantil das palabras. Outros alumnos do CEIP de Pazos de Reis, dan a súa opinión sobre a lectura desta historia nun audio que parece sacado dun programa de radio. Todos estes recursos están dispoñibles en liña e totalmente gratuítos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...