A obra da cal vou facer esta recensión é Dúas bágoas por Máquina da escritora Fina Casalderrey. Elixín este libro nun primeiro momento debido a que me chamou a atención o seu título e tras ler o resumo da contracuberta decidinme por esta obra.
Casalderrey, Fina (2017). Dúas bágoas por Máquina. Ilust. Víctor Rivas. Vigo: Xerais, col. Merlín, nº 31, 120 pp. (ISBN: 84-8302-565-5)
En canto ao formato da obra, atopamos un libro dunhas dimensión de dezanove por catorce centímetros e cunha cuberta rústica con lapelas. Nela aparece o título da obra Dúas bágoas por Máquina, o nome da autora, Fina Casalderrey, e do ilustrador, Víctor Rivas, así mesmo tamén aparece o nome da editorial, Xerais, e da colección á que pertence, “Merlín”. Nesta cuberta cabe destacar unha ilustración na cal hai unhas mans que collen o que parecen ser unhas fotos: na primeira vese a Máquina con Xusta e na outra ilustración aparece Xusta co seu irmán Moncho, con Máquina ao fondo. Seguindo coas partes do libro, pode dicirse que o lombo deste non é moi grande debido a que son cento vinte páxinas. Na contracuberta hai un pequeno resumo da obra e una ilustración de Xusta con Máquina, tamén contén un código de barras do libro e o ISBN.
Cando abrimos o libro hai unha pequena portada onde aparece o título do libro e o nome da autora. A seguir aparece o índice do contido formado polos capítulos, o epílogo e os créditos. Na seguinte páxina aparece unha dedicatoria de Fina Casalderrey que di “Aos meus fillos Marcos e Rocío. A todos os nenos que non aturan ben”. En canto aos capítulos do libro seguen todos unha estrutura fixa, na que o texto do capítulo emprega unha caligrafía en minúsculas e as ilustracións adoitar estar case sempre á esquerda.
Xusta está moi triste desde que Máquina, o seu can, desapareceu. Xa se foi outras veces, pero sempre volvía, esta vez está a tardar demasiado. Xa non lle apetece facer nada do que adoitaba facer cos seus amigos e non ten ánimos nin para estudar. Como é o seu can, sente a obrigación de atopalo e para iso pídelle axuda ao seu irmán maior, quen ao ver o importante que é Máquina para Xusta decide axudala sen pensalo un segundo. Ao día seguinte, os dous irmáns diríxense ao colexio como cada mañá, pero esa vez báixanse na parada anterior coa escusa de que van á farmacia. Pásanse o día percorrendo a aldea, pero non hai nin rastro de Máquina. Mentres, no colexio, os profesores empezan a alarmarse pola ausencia dos dous irmáns, que non son dos que adoitan faltar, e cando lles confirman que os nenos subiron ao autobús do colexio esa mañá, non o dubidan, hai que saír a buscalos. A policía atopa aos nenos en perfecto estado, pero asustados polo balbordo que montaron. Máquina foi o agasallo que o pai de xusta lle fixo cando cumpriu seis anos. Todo o mundo recibiuno con alegría porque era un cachorriño moi gracioso e movía o rabo como unha máquina (de aí o seu nome); todos excepto a avoa. Máquina tivo que aprender a durmir só, a facer as súas necesidades no serrín. Xusta estaba a desexar chegar do colexio para xogar co seu can. Máquina era un cachorro e facía travesuras para chamar a atención. A cousa complicouse cando un día a avoa saíu detrás del, caeu e rompeu a cadeira. A esas alturas parecía claro que Máquina non ía poder seguir en casa moito máis tempo, empezaba a resultar un estorbo. Pero aínda foi a peor cando Ricardito, o fillo do xefe do pai de Xusta, encaixoulle un cubo na cabeza mentres lle tiraba pedras. Xusta quixo vingar ao seu can pegándolle ao insensible neno. O pai de Xusta quedou sen traballo, pero non podía culpar á súa filla pola reacción tan sorprendente que tivera. Pouco despois, o can desapareceu e os pais de Xusta pensaron que o can non podía continuar con eles, así que o levaron ata as montañas e alí abandonárono. Cando Xusta se decata, enfádase moitísimo, o can é seu e ten que coidar del. Non entende como poden facer iso. Pero un bo día Máquina aparece na aldea. Percorrera centos de quilómetros para volver á casa. Xusta volve ser a de sempre, Máquina volveu e toda a familia celébrao, agora o can é todo un heroe e demostrou a súa lealdade e o seu amor a Xusta e a toda a súa familia. O final desta histiria e moi triste e ocorre cando a avoa cruza despistada a estrada e Máquina empúxaa e a salva de ser atropelada por unha furgoneta.
Con relación ás ilustracións estas foron feitas por Víctor Rivas. Como xa comentei antes en case todos os capítulos ao longo do libro as ilustracións adoitan estar nas páxinas pares e son un complemento ao texto xa que reflicten momentos moi importantes da historia
A través desta obra pódense traballar valores relevantes para o lectorado agardado, pois nenos e nenas de once ou doce anos xa se decatan, a medida que avanza o conto deste contidos. Entre os valores que se poden destacar despois da lectura saliento os seguintes.
· A amizade. Aquí demóstrase que non só existe amizade entre persoas, Máquina é o mellor amigo de Xusta porque sempre está disposto a defendela, a axudala a que non esqueza tiradas as súas cousas e escoita con paciencia as súas confidencias. A cambio, Xusta coida de que estea sempre limpo, ben alimentado e é o seu compañeiro de xogos favorito.
· Respecto aos animais. É moi importante lembrar que os cans son seres vivos que necesitan dos nosos coidados e por iso hai que respectalos. Teñen dereito a un trato digno, a estar ben alimentados e a ser atendidos por un veterinario se se poñen enfermos. Calquera tipo de malos tratos a un animal non está xustificado en ningunha circunstancia e baixo ningún concepto.
· Sentido da responsabilidade. Un animal non é só un compañeiro de xogos, telo na casa implica alimentalo e coidalo para que non enferme. Hai que ter en conta que os cachorros necesitan xogar e, ás veces, rompen cousas, pero non debemos desfacernos deles.
· Axudar aos que o necesitan. Moncho non sempre está de acordo coa súa irmá, pero cando algo é importante para ela el ponse do seu lado, aínda que iso implique enfadar os seus pais. É o seu irmán maior e ten que demostrarlle que sempre pode contar con el.
· Valor. Xusta ten que atopar a Máquina antes de que lle poida pasar algo. Por iso saca forzas do seu interior, enfróntase ao medo de non localizalo e ao que os seus pais poidan dicir. Ela está decidida a atopar o seu can e non dubidará en defender as súas conviccións.
No caso dos recursos en liña, atopei un vídeo que forma parte dun proxecto no cal diferentes autores e autoras da literatura galega deixan oír a súa voz ou len de maneira presencial cun neno ou nena. Neste ocasión é Fina Casalderrey quen le cunha nena a súa obra Duás bágoas por Máquina.
Ronsel ronsel. (4 de septembro de 2014). O autor acompaña ao lector. Fina Casadelrrey. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=pC5tjWtApgQ&feature=emb_logo
Outro dos recursos que destacaría é o documento de apoio á lectura da editorial Anaya, unhas fichas para o alumnado, nas cales dan a coñecer á autora e ao ilustador, así mesmo trata os temas e os valores que traballa o libro e presentan unha serie de actividades para facer antes da lectura, durante a lectura e despois da lectura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario