martes, 1 de decembro de 2020

Lémbrate dos dinosauros, Ana María


O libro elixido para esta recensión é Lémbrate dos dinosauros, Ana María. A elección deste libro baseouse principalmente na falta de exemplares a man dos autores recomendados pola docente na aula, polo que na procura dun libro axeitado para a Educación Primaria, atopei este libro na miña casa, sendo do meu irmán maior de cando cursaba Educación Primaria. O propio libro presenta unha recomendación de idade de a partir dos 9 anos, aínda que polo contido e dificultade do propio libro podería ser empregado por un público un pouco máis xoven, sendo por exemplo apto para un público dende os 7 anos. 

JANER MANILA, Gabriel (2001). Lémbrate dos dinosauros, Ana María. Ilust. Mabel Piérola, trad. María Otero. Premio Edebé de Literatura Infantil. A Coruña: Rodeira, col. Tucán, nº 28, serie verde (a partir de 9 anos), 69 pp. (ISBN: 84-8116-774-6).

En relación ao formato, é un libro de tapa branda e dunhas dimensións de 19,5 x 13 cm. Na cuberta presenta na parte superior central o nome da colección, o título do libro , o nome do autor e o premio recibido, mentres que a parta inferior está ocupada por unha imaxe na que se pode ver un sombreiro e unha especie de copa ou vaso sobre unha escaleira ou o respaldo dunha cadeira; por outra parte, na contracuberta, podemos encontrar un resumo sobre o autor da obra e unha pequena sipnose do propio relato.

No interior, conta cunhas gardas brancas, a páxina de título de créditos e a portada interior, na que se repiten os datos da cuberta exterior. O tamaño da letra é maior en relación ca estándar, debido ás necesidades dos lectores/as potenciais aos que vai dirixida a obra.

O texto presenta unha segmentación en capítulos, tendo un total de dez; cunha trama que á súa vez pode dividirse en introdución (1-2), nó (3-6) e desenlace (7-10). 

O tema principal da obra é a amizade entre unha nena e un home que vive na rúa. Ao comezo do libro preséntanos aos dous personaxes principais, Ana María e Damián, que comezan a fraguar unha profunda amizade debido a todo o que Damián sabía facer, sendo isto os seus trucos de maxia relacionados ca prestidixitación e a súa filosofía de vida que segue. Esta amizade preocupa aos pais de Ana María, que chegan ao punto de castigala e prohibirlle ver o seu amigo. A pesar diso ambos amigos planearon xuntos facer nun futuro unha exhibición dos trucos dos que Damián é capaz de realizar nun vello teatro do barrio. 

As cousas cada vez ían a peor para Damián pois o coche no que el durmía levouno a grúa, pero co tempo volveu ver a Ana María e conseguiron montar o espectáculo do que xa habían falado nalgunha ocasión ante todo o barrio, aínda que a cousa foi mal, pois Damián en vez de facer os seus trucos púxose a roubar aos espectadores e ante a súa perda de habilidades foi pillado a asubiado por todo o mundo, ata que chegaron os pais de Ana María e a levaron para a casa castigada sen poder saír da súa habitación. Porén, un día Damián apareceu na habitación de Ana María e levouna de viaxe por unha escaleira ata a época dos dinosauros, onde lle explicou que eran criaturas violentas e agresivas; cando conseguiron voltar ata a súa habitación, os pais de Ana María vixiárona máis, pois estaban bastante preocupados de todo o que Damián lle ensinara. Finalmente, a historia termina coa desaparición de Damián, a quen non se lle volveu ver polo barrio e só Ana María é capaz de velo nas estrelas, dando a idea de que ou ben está morto ou ben era unha figura imaxinaria. 

As imaxes que presenta esta obra recrean aspectos do contido, como por exemplo no capítulo cinco cando se fala de ler as mentes, a imaxe que aparece é a de xente coa cabeza baleira e con orbes ou esferas expresando os seus recordos; aínda que tamén hai algunha outra que representa de forma literal o que se comenta no libro, por exemplo, no capítulo seis onde Damián vai xunto a unha árbore e esta é representada como tal, aínda que con algúns trazos de personificación.

Entre as diversas potencialidades que presenta a lectura desta obra, cabe destacar a presenza de cuestións pouco presentes na literatura para os máis novos, como a visibilización da marxinalidade e as persoas sen teito, de modo que se contribúa á sensibilización cara a problemáticas sociais da contorna. Tamén cabe sinalar que é unha obra moi acaída para abordar a forza da imaxinación como vía de escape da realidade e a creación de suxestivos mundos fantásticos cos que a infancia se sobrepón a situacións que non lle gustan. Por outra parte, coa lectura desta obra tamén se poden abordar cuestións como o diálogo e a relación interxeracional, en especial pais-filla, o afán protector dos primeiros ou a adecuación ou non do recurso a castigos en lugar do diálogo e a comprensión.

Finalmente, o recurso en liña que din atopado foi o seguinte:

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...