mércores, 30 de decembro de 2020

Nolo e os ladróns de leña

 Recensión crítica dunha obra literaria


A miña elección para facer esta recensión crítica é unha obra que tiña pola casa de cando eu era unha cativa. A obra pertence a Fina Casalderrey, titulada Nolo e os ladróns de leña.



CASALDERREY, Fina (2004). Nolo e os ladróns de leña. Teresa Novoa. Madrid: Edicións SM, col. O barco de vapor, 64 pp. (ISBN: 84-348-6163-1).



Esta obra é un libro ilustrado de tapa branda, o cal ten unhas medidas de 19 x 12, constituído por unha cuberta e pola contracuberta. Centrándonos na primeira, podemos dicir que observamos o nome da editorial cun pequeno debuxo representativo, por outro lado vemos o título da obra e o nome da autora, ao igual que un pequeno debuxo do noso protagonista, Nolo, sentando nun banco con varios nenos/as preto dunha árbore, e unha nube no ceo. Polo outro lado, na contracuberta observamos de novo o nome da editorial do libro co seu anagrama, tamén un breve resumo unha breve biografía da autora, unha fotografía de Nolo estomballado nunha nube e ao final de todo aparece o código de barras co que se pode identificar o libro. 


No interior conta con 63 páxinas, non todas numeradas por mor das ilustracións que ocupan a páxina completa. A tipografía é de letra redonda, a cal se emprega para facilitar a lectura autónoma da infancia. Ao longo de toda a obra podemos destacar as cores de cor pastel que fan relucir todos os debuxos, nos que chaman a atención tanto as cores como as siluetas, nos que se reflicte o que nos está a contar o texto. 


A historia que nos conta este libro trata sobre Nolo, un home moi querido no seu pobo, sobre todo polos nenos e nenas. É un home bastante maior e fisicamente está moi gordo. Tiña un can chamado Rufo, o cal vivía consigo na súa pequena casiña vella. Nolo nunca estaba só, sempre estaba rodeado de nenos, incluso esperaba no seu propio banco, a que saíran da escola para xogar un pouco e regalarlles lambetadas, mentres Rufo tamén xogaba un chisco no parque. Viviu moitas aventuras, ata que un día empezouse a laiar dunha forte dor no peito, a ambulancia veu buscalo pero Nolo marchou para o ceo, sen se poder despedir. A partires de aí, as cousas da casa de Nolo empezaron a desaparecer e, ao mesmo tempo, a leña das casas dos veciños tamén, ata que chegou un momento no que desapareceron os nenos. Os veciños estaban asustados sen entender nada do que estaba acontecendo, os pais preocupados polos seus fillos escoitaron ladrar a Rufo, e seguírono ata que os levou a xunto os nenos e a leña desaparecida. Todo fora unha invención dos nenos, que decidiran crear unha escaleira para poder estar con Nolo de novo, e así despedirse del e darlle as súas pertenzas.


As ilustracións deste libro son moi grandes e rechamantes, creadas por Teresa Nóvoa. Están cheas de cores pastel e cálidas, o que produce unha sensación moi agarimosa ao velas. Son ilustracións moi básicas e sinxelas, pero que axudan a comprender a lectura en todo momento. Na maioría das imaxes sae o noso protagonista Nolo, rodeado dos nenos e nenas do pobo, ou algunha paisaxe. Amplían moita información, xa que con tan só ver as imaxes podes imaxinarte ou facerte unha idea do que vas ler. 


A lectura desta obra ten entre as súas potencialidades o tratamento de temáticas consideradas tabú, como é a morte. A pesar de que poida resultar máis difícil para un neno/a entendelo, é algo inevitable que van ter que vivir ao longo das súas vidas. É de salientar nesta historia o tratamento do tema como algo natural, dunha forma sinxela e agradable. Ademáis, tamén se darán conta de todas as relacións sociais que este mantiña, ao igual que a súa bondade, xa que lle gustaba moito compartir e solidarizarse cos demais.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os soños na gaiola

Manuel María (1968). Os soños na gaiola  (9º ed.). Vigo: Xerais. Os soños na gaiola, de Manuel María, é un poemario impreso en papel de tapa...