Seleccionei o álbum ilustrado O meu baleiro de Marcos Viso para traballar con nenos e nenas de 6 a 12 anos. O motivo desta elección foi a mensaxe que el quere transmitir e o modo de expresala mediante o uso de diferentes ilustracións. Asi mesmo é unha obra sinxela de ler, cun vocabulario doado de comprender. Por último quería destacar as numerosas reflexións que se aatopan agochadas entre as súas ilustracións, o que fai que sexa un álbum tamén dirixido a un público máis mozo.
VISO, Marcos (2020). O meu baleiro. A Coruña: Hércules de Ediciones, col. Novas lecturas de Hércules, [ 40 pp.] ( ISBN: 978-84-121678-1-8).
Álbum ilustrado, impreso en papel, con tapas duras e composto de 40 páxinas. Na cuberta superior aparece o título da obra centrado en letras maiúsculas destacando en grosa a palabra “Baleiro”. Tamén podemos observar como a última letra do título aparece representada cun “nó”, simulando a letra “o”. Debaixo deste, atópase o nome do autor nunha letra máis pequena. O centro da cuberta ocúpao un neno xunto cun pequeno estanque no lateral. Máis abaixo podemos apreciar o nome da editorial. Na contracuberta, o primeiro elemento destacable é o texto reflexivo, xunto con dúas nubes que forman raios. Ademais de un deseño de imaxe que aparece reflectido ao longo da historia. Tanto na cuberta coma na contracuberta, Marcos Viso utiliza unha gama de cores neutras, entre as que destaca a cor vermella no corpo do neno. Todos os elementos da cuberta fan referencia á a historia relatada na obra. Podemos apreciar como o “nó” do título aparece no estómago do neno, xa que o autor quere transmitir todos os sentimentos e medos que agocha no seu interior e fai referencia ao “Baleiro” que el pode sentir. O estanque representado na dereita da cuberta aparece ilustrado na segunda páxina do relato, onde fai alusión ao barquiño que ficou neste, “a partir de alí comprendeu que nunca máis podería xogar con el”.
Na miña opinión, o autor con está ilustración e texto quere transmitir o sentimento que pode producir a perda dun ser querido ou algo moi importante para cada un de nós. O barquiño ao final da historia ocupará un lugar no estómago do neno. En cambio, na contracuberta o autor quixo mostrar unha reflexión acerca da perda das persoas, animais… un tema que se trata en toda a historia xunto coa amizade, o orgullo, a soidade... Polo tanto, falamos dunha abertura e un peche de libro con moito contido.
Ao abrir o álbum ilustrado podemos observar a garda, formada por siluetas de peixes fóra da auga e un barquiño navegando. En cambio, ao final do libro aparecen os mesmos elementos pero en diferente posición. Tanto a garda do principio do libro coma do final ten que ver coa historia narrada no interior, por este motivo son diferentes as ilustracións mostradas. Con respecto ás ilustracións, cabe destacar que estas ofrecen unha lectura visual paralela e complementaria ao texto, posto que nos dan información adicional. O protagonista e os elementos mostrados ao largo da historia son caracterizados cun trazado desigual, sinuoso… Por outra parte, o ambiente que o rodea caracterízase por ter unha gran riqueza visual, incluíndo elementos que reforzan a narración como pode ser a choiva, a cal pode expresar melancolía, tristeza... o mesmo sentimento agochado no seu interior. Ademais, tamén podemos observar a presenza doutros elementos como pode ser un papaventos ou os animais que van aparecendo ao longo da historia e que lle ofrecen compañía ao rapaz, posto que todo o mundo necesita alguén en quen apoiarse nos peores momentos. Amais, Marcos Viso utiliza as mesmas cores en toda a obra: vermello, branco e azul.
Con respecto ao texto, é unha narración sinxela que emprega un vocabulario accesible para nenos e nenas, polo que este libro pode ser destinado tanto a nenos/as de 6 a 12 anos, como para un público máis adulto. O tema central da obra é o valor que representa a amizade e a importancia de renunciar ao orgullo para deixarse axudar en momentos difíciles como pode ser a perda de alguén. Outros temas secundarios é a soidade, os sentimentos, o medo…
A lectura deste álbum presenta temáticas de relevancia social e educativa, xa que a través dela se pode reflexionar acerca dos medos, o orgullo, os sentimentos... temas que en moitas ocasión se converten en tabú para nenas e nenos. Con esta obra Marcos Viso quere reflexionar sobre a dor que se pode chegar a sentir ante a perda de alguén querido e os diferentes modos de afrontala. Así mesmo, fai referencia á amizade e orgullo que moitas persoas mostran, sobre todo os máis pequenos que en ocasións non queren expresar os seus sentimentos e gardan todo no seu interior. Por esta razón, esta obra é apropiada para ler nunha asemblea de clase onde posteriormente se podería falar dos medos, da dor … propiciando a expresividade de sentimentos agochados en moitos nenos e nenas. O autor remata esta obra coa frase “ E transformar aquel baleiro.... Nun fermoso recordo” xa que a amizade pode axudar a transformar esa falta nun recordo agradábel. Por tanto, a través desta obra podemos traballar diferentes temas dentro da aula, tanto na súa edición en lingua galega como en castelán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario